Hoxe pasou o día e esquecín o xantar, traballo até ás catro da tarde e logo no hotel ducha, e sair ás compras, baixar ao ciber consultar o correo, e á volta xa chovía, as botas de neve, que só a viron nunha foto que levaban na caixa, esvaraban pola acera, volvo ao hotel poñer os zapatos, aínda que están furados agárranseme máis ao chan, e viña con idea de sair cear enseguida, cousa de respeitar algunha das comidas, zas, entrar-sair do cuarto, mas o libro de árabe chamaba por min e non fun quen de vencer a tentación, aí estiven cos plurais, as formas e os colores. Xa postos, prendín o ordenador e conecteille a memória usb na que viña de gravar un textiño teu porque non quería lelo alá no cíber, había moito ruido, os rapaces xogaban en rede, e un cheiro a sumidoiro ao que non me din afeito nas duas horas que pasei conectado. Claro que o teu conto conseguiu emocionarme, fermoso, un chisco delirante como é o teu estilo, saudade e esperanza. E quixen xa baixar buscar un restaurante antes de que peche todo mas lembrei que o tucano que teño posto de fondo de escritorio estaba comezando a perder as plumas, non lle senta ben estar tanto tempo fechado no cuarto, así que abrín a ventá e púxeno pousado enriba da cama para que mirase cara afora, tamén el precisa o aire fresco e a chuvia, de paso deixeille o encargo de me contar á volta calquera cousa interesante que vise, o certo é que debera pór un loro, ao tucano vaille ser difícil aprender a nosa língua.
E así foi pasando o tempo e aínda estou aquí, no cuarto, e teño que baixar cear algo, mas non o consigo.
Lin o teu texto, e emocionoume (creo que xa cho dixen) e quería tamén eu escribir algo, e sacar un chisco o tucano, ben, pólo frente á fiestra para que lle dera o aire, e a luz da noite, algo que o curara, porque comeza a perder as plumas.
E pasa o tempo e os restaurantes xa van pechando e... tiña que baixar cear, mas agora faiseme tarde, e creo que vou tomar unha decisión ou duas, quizáis mañá baixe cear... iso, si, mellor, mañá baixarei cear e todo estará ben mañá.