domingo, 26 de abril de 2009

En cada obxecto

A cada paso nos chanzos

a cada golpe de cada un dos teus pes

nas escaleiras que te traen

chamas amodiño polo tempo

que quedara durmido,

vai acordando

e cando soa o timbre

da miña porta

baixa da cama, bótase a correr

e comezas na conta atrás

a escribir o teu nome

no vaso que bebes

na manta que retiras

na toalla que mollas

na silhueta que se agarra ao espello

como se vai apagando o eco

dos teus pasos

nas escaleiras que te levan

e o tempo bocexa

e se durme outra volta

tempo en coma

que me deixa o tempo

para a leitura das obras completas

do teu nome en cada obxecto

quinta-feira, 23 de abril de 2009

Días con fendas

A persiana do balcón quedara aberta, e ás oito cando marchaban xa abrín un ollo, e enseguida o outro e boteime afora da cama, almorzo e de seguido, en pixama, comezar a terápia da limpeza desta a que fora a miña casa de Arxel. Alá no hotel non teño a posibilidade, así que aquí tomei unha sobredose para que me duren os efeitos benéficos até que poida voltar de novo. Os fogóns, os botes de especias, o cubo do lixo, o chan, os baños... e preparar a cea, as lentellas con pescozo de ovella, a cebola, os allos, as patacas, o cogombro, o tomate e unha boa dose de pementa. Ben, hai que dicir que as primeiras horas da mañá foronse arrastando dificilmente, eu achácollo ao viño da véspera, porque o ron érache do ghai-cualiti.

Déranme as tres da tarde e aínda estaba en pixama, qué dexeneración! Volvín durmir hora e media ata a volta dos compañeiros. E só saín á rúa ás sete e media, para o concerto, a primeira vez dende que estou aquí que asisto a un acontecemento dese calibre. Por mediación dun rapaz que traballa na radio conseguimos entradas para o recital de música andaluza e hawzi que daban no auditorio da Radio Algérienne, mesmo se semella un chisco monótona valeu a pena, mágoa que o local estaba medio baleiro, eran vinte músicos con violíns, laúdes, contrabaixo, frauta, derbuka e unha pandeireta. Dá gusto coñecer a cultura do país, porque das discotecas "tipo europeo" xa non tiro nada de proveito.

Logo de volta, como o carro tiña matrícula dunha wilaya conflitiva, paráronnos nun control e blablablá, o de sempre. Tamén pasamos por uns cinco ou seis máis e xa tivemos vía libre. Entre a cantidade de buratos na rúa e a de barrages policiais avánzase lentamente. O importante é chegar, e aquí estou, a darlle unha segunda oportunidade ao ron, se mañá todo vai ben quedará científicamente demostrado que fora o viño, miña nai.

Hai días que comezan estancados e pouco a pouco ábreselles unha fenda e se fan río. Como hoxe.

quinta-feira, 16 de abril de 2009

Recuperación/récupération/recuperação

A presión da moral desta sociedade estabame acurralando, estabame facendo encoller, a piques de me facer implodir; a soidade, os días acumulados sen descansar no traballo, xa me paseaba coa cabeza baixa regresando á adolescencia, o desexo de aillamento do mundo voltaba dominarme, cousas tan lonxanas e que voltan cunha facilidade sorprendente, chimpando por riba de tantos anos. Levaba duas semanas aprazando a visita àquel sitio onde tan mal me trataran, onte por fin decidino, enfrenteime ao mal trago, hoxe iría alá, e fun, e non como as outras veces, collín o tren, en segunda, oitenta quilómetros até a vila das laranxeiras, e logo a pé quince minutos por unhas grandes avenidas arboradas, eran as sete e media da mañá, o sol xa quentaba, había centos de nenos na rúa de camiño ao cole, cos mandilóns brancos, fermoso.

Cheguei, e as miñas queixas anteriores surtiran efeito, recibín un trato correcto, puiden facer o traballo e saín tranquilo, voltei no tren mas aínda tiña un peso de carallo enriba, durminme. Espertei entrando na estación. Voltei ao hotel e botei duas horas e pico a ler Ce que le jour doit à la nuit de Khadra, e foi como unha droga, cando baixei de novo á rúa xa ía co sorriso nos lábios, tarxeta de teléfono, tabaco, botella de tinto para celebrar a noite do mércores, e conversa distendida cos comerciantes. Tomáronme por portugués, o que engadiu alegría na miña recuperación psicolóxica. Logo informe para Arxel-EH, regado cunha Stella oranesa. Conversa telefónica coa familia e agora coa botella* aberta o mundo afrouxou as tenaces, reconcíliome coa humanidade desta banda do planeta.

Mañá traballo, bihar lan egingo dut, ghadouan aandi el-khedma, mas já tenho feita a desfragmentação do disco duro. Tudo recomeça bem. Acompanho com música, zutik, zutik, makurtu gabe! Bientôt je vais formater le système entier, chez moi, chez nous, mon amour, dans tes bras, onde ao tempo se lle gastan as pilas.


* Chateau Tellagh / Médéa / 1998 / product of Algeria (12,5 %)



sábado, 11 de abril de 2009

Ateísmo e dalle que te pegho (jotake, irabazi arte)

Estes días anda o asesor espiritual da compañía a tentarme convencer de que non hai máis deus que alá e de que mahoma é o seu profeta, non se cansa o fulano, comezamos falando da miña relixión, feita de esquemas eléctricos, motores hidráulicos e sistemas de refrixeración, e non aguanta nin cinco minutos sen pegar o cambio ao seu reino, mecaghonacona, que lle teño que aturar o discurso durante corenta e cinco minutos de pe, ao sol, e non se dá por vencido...

... carallo, chamaron por teléfono e xa perdín o fío

O primeiro no seu método é tentar convencerme de que deus existe, e para iso emprega a táctica peregrina de me poñer fronte à criación do mundo, quén foi o que criou todo isto? mas eu que son galego de profesión retrúcolle que a miña cabeciña non da para respostar a cuestións dunha magnitude tan elevada. De todas formas é parvada querer explicar a orixe do universo, qué carallo me importa a min como comezou todo, como se iso fose cambiar a miña vida. É orgullo van o querer saber todo, e é sinxeleza tirar polo camiño fácil. Que exista un ser supremo arranxa moitos problemas, xa non hai que investigar.

En fin, a ver se cansa pronto e vai por aí romperlle a cabeciña a outro (porque o de traballar, o que é traballar, parece que na sua relixión é cousa secundaria)

quinta-feira, 9 de abril de 2009

Mar e pel (a tua)

collo rumbo ao teu corpo

arquipélago do desexo

no mar da tua pel navego

de illa en illa

largando o aparello dos meus dedos

da miña língua de rede

a pescar nos poros a tua entrega

a meter a bordo toneladas

dos teus suspiros

que salgarei para o inverno


collo rumbo a esa ría

que se riza, muda, medra

chamo polo temporal forza sete

mar arborada,

convertida en océano

entrégoche o meu barco

co que levo alá adentro

ti es todo auga salgada

e amorodos, e café con leite

perdo os pulmóns, fágome peixe

respiro as tuas ondas

aliméntome do plancton

dos teus xemidos

almíbar que conservo

en botes de confitura

para o outono

cando pluf

non haxa máis mar


Non toparía en terra

lugar tan seguro

como nesta tormenta.



Je prends cap à ton corps

archipel du désir

sur la mer de ta peau naviguer

d'île en île

larguer le gréement de mes doigts

de ma langue-filet

pour pêcher dans tes pores ton dévouement

pour mettre à bord des tonnes

de tes soupirs

que je garderai en sel pour l'hiver


je prends cap à cette baie

que se couvre de moutons, change, grandit

j'appel la tempête force sept

mer arborée,

devenue océan

je te livre mon bateau

avec ce qu'il y a dedans

toi, tu est toute en eau salée

et myrtille, et café crème

je perds mes poumons, je me fais poisson

je respire tes vagues

me nourris du plancton

de tes gémissements

sirop que je conserve

dans des pots de confiture

pour l'automne

quand, plouf,

il n'y ait plus de mer.


Je ne trouverais pas en terre

endroit plus sur

que cette tempête.



Ditaduras e simil hidráulico

Durmo nun eixo de menos trinta graos respecto á dirección da Meca, e acho que debe ser algo bo, máis que nada por desaliñarme da cultura relixiosa dominante, e tamén porque aos mortos os enterran cos pés cara alá, no mesmo eixo.

Mañá son as eleccións e últimamente xa apareceron na rúa algúns cartaces con fotos doutros candidatos, máis que opoñentes parece que son a camarilla, os catro pailáns que entran no xogo desta ditadura para darlle un airiño democrático. Xa dixen hai uns cantos postes (de viña) que o resultado está claro sen necesidade de contar as papeletas, de feito han contalas só alí onde haxa observadores internacionais, paises árabes, países africanos, mesmo algún candidato á presidencia ofendíanse todo porque viñesen aquí a tutelalos, como pode alguén dubidar do noso réxime de liberdades?! Todo unha peza de teatro onde as mafias se fotografían sobre colores azuis, tentando darlle un aire de pureza, limpeza democrática a esta pallasada na que moi pouca xente ten posta algunha esperanza, porque ELES poden dicir o que lles pete, a vida vai por outros carreiros, bastante tortuosos nestas terras.

Solución. Claro que non hai que queixarse así porque así, sempre aportando escuridade, carallo! hai que levar un saquiño de luz, aínda que sexa só unha bolsa pequena do alcampo, un puntiño de positivismo, de dicir non me gusta, prefíroo así, e analisando, analisando... qué tería pasado se nos noventa o FIS non se tivese visto privado do mando que lle dera o povo, anulándolles as elección... eu penso que só cousas positivas, o primeiro teríanse aforrado miles e miles de mortes, o segundo o país sería oficialmente menos integrista, porque para eliminar o enemigo adoptaron as suas peticións, así os votantes diríanse, ben, non se poden presentar pero xa o bo do governo actual nos dá a sobredose de relixión que aqueles rapaces nos oferecían. Todo unha fachada, igual que o nacionalismo exacerbado, os millóns de bandeiras enchendo cada recuncho, tapando os ollos e as bocas. Correndo un cortinón escuro sobre as operacións sucias dos que mandan. Inoperancia, enchufismo, fillo de fillo de inútil o señor mudir (director), méritos herdados, incompetencia incluída. La chippa, le pot de vin, o xamón da nosa terra é cousa cotiá aquí. Pagar por poder traballar, aínda que iso... iso... sóame tamén dun continente chamado Galiza, e non dos tempos da Idade Media, de hoxe, de hoxe, e cáeme a cara ao chan coa vergoña. Pais infradesenrolado sous-dévéloppé nas mans dos caciques modernos que seguen a chupar. Malditos! Se puidera faría un inferno para vós, explotadores, honte de la race humaine.

(véxase, p.ex., acceso a determinadas prazas na administración local de tantos e tantos concellos no país, paga e logo aprobas, quén non o sabe?)


sábado, 4 de abril de 2009

Espazo-tempo

Comecei a preocuparme cando ás alegrías lles deu por chegar case sempre en botella de cristal desas botellas imposibeis que veñen cun dobre fondo no que se agachan apocalipses caladas nunha conta atrás difícil de parar.

Preocuparme é o que teño que facer, que viver despreocupado é o peor que hai, o mundo precisa de lombos para se manter aí aboiando na galaxia, senon mais seguro había cair nun deses buratos negros con bocas pequenas e estómagos infinitos, eses buratos cobizosos de planetas preguiceiros que logo cansan de estar a aboiar.

Comecei a me preocupar cando os sentimentos se asilvestraron, botáronse ao monte e axexan o meu paso detrás das penedas, nas costas da vexetación baixa e rara, lambidas polo vento. Agardan calados o meu paso canso para se me botaren ao pescozo cos caninos afiados e as poutas cegas abríndose paso através da miña pel, levando a luz aos órganos escondidos.

Para amansalos, para civilizalos, quería pólos en ringleira un atrás do outro, como se estiveren na cola do banco, ordenadamente obedecendo o meu sinal de ministro de ventanilla para que pase o seguinte. Só se me ocorreu un corredor estreito feito de vasos. Deses vasos que, como é costume neles, baleiran botellas.

As botellas que agora veñen con ese dobre fondo (seguro son os chineses quen as fabrican, eses cabróns están en todo).


Trangallada todo, non me topo, hai menos dunha semana que volvín e sinto como se a festa da semana pasada tivese sido hai tres meses, non teño ganas de escribir, de responder aos comentarios, de comentar os textos dos outros blogues, non sei, hai a hóstia de choio... por facer, iso é o malo, estou aboiando, pensando unha vez máis en alto, canto máis ha durar este espazo de vaídade. Mato o tempo morto, non ten moito mérito, pégholle un tiro a un cadáver.