sexta-feira, 29 de outubro de 2010

falares de chuva

hoxe, vintenove de outubro os nenos tiveron que cubrir con impremeábeis as capas de vampiro, os traxes de esqueletes, as maquillaxes cadavéricas, pero non deixaron que a tristura entrara nas botelliñas con sangue de tomato-ketchup. hoxe venres é día de feira, que a crónica do xornal adxetivaría como deslucida pola meteoroloxía adversa, sen embargo hai xa ben tempo que non vin un mercado máis humano, estiven cos feirantes das flores e do queixo, mentres poñían os toldos sobre os crisantemos e as tetillas, envolvéronme na sua camaradería alegre, convidáronme a café, sempre entre bromas a vida esvara cara arriba. escoitábanse alí, na rúa e na cafetería acentos e línguas moi diversas, que che fan máis humano o mundo, o real, o que case non aparece na tele coa sua monocorde e aseptica dicción, estaban os galegos e os acentos americanos, os que falan en francés, os do norte da áfrica e os das línguas nixer-congo, os sotaques xitanos, tamén os aires castellanos, e non sei por que, hoxe todas esas falas soábanme ledas, a xente, malia teren os baixos dos pantalóns mollados e os pes húmidos, se dirixían uns aos outros como se se coñeceran, sempre con ese punto de confianza. hoxe voltou a chuva e parece que todos estabamos a agardala, como se coa sua vinda as cousas tomasen o seu sitio, é inverno, chove e venta, todo vai ben, non é marabilloso o mundo!

terça-feira, 19 de outubro de 2010

Política con corazón

Os erros, amighiño, son erros e acábanse por paghar. Non hai nada gratis na vida, non se pode meter a zoca e sair indultado como se nada houbese pasado.
A esquerda espanhola, tan inmadura como a dereita da Espanha unagrandeylibre do PP, non soubo criar unha política de inmigración efectiva e agora enchen de gasolina os depósitos da extrema-dereita. Foron por diante cun humanismo naif, coa teoría do bo indíxena, co cal xa mostraron o desprezo cara á cultura do outro actuando cun paternalismo esquizofrénico, meu pobriño que cheghas aquí logo de ter sufrido tanto permite que che cure as feridas, que che rehidrate e alimente, aquí en Europa somos así de comprensivos cos povos atrasados coma o teu, e sobre todo necesitamos quen faga traballos sen qualificação por un trinta por cento menos do custo no mercado. E así viñeron xentes de moi diversas nacións, e viñeron os bos e xenerosos, e viñeron os delincuentes e perniciosos, mas estaban as mentes con dous séculos de retraso e seguiron a Rousseau. E todo valía mentres a riqueza de uns poucos ía medrando, a preguiza de outros engordando, e íase criando unha nova clase de pobres (polo menos agora xa non eramos nós). Pero a pobreza non nos gusta, só que únicamente nos decatamos dunha cousa tan sinxela cando acabamos de abandonar ese estado económico, e agora notamos que o aire no que antes viviamos é unha podremia, e xa non toleramos o ruído e o olor (le bruit et l’odeur, Chirac dixit).
As cousas están así, e non hai volta de folla, chegados a un determinado nivel económico, os custos da man de obra elévanse demasiado, solvéntase mecanizando, automatizando os procesos, ou, o que é máis barato, traendo man de obra máis económica de terceiros (ou cuartos países) só que se vives aquí pero cobras ostensiblemente por baixo da media é imposible ter condicións dignas de vida, isto implica a criación dunhas poboacións pobres que nin sequera son nacionais co cal ao noso ódio pola pobreza podemos engadirlle o ódio polo estranxeiro
E xa temos os ingredientes para que a extrema dereita entre en acción, coa sua política do corazón e outras vísceras menos nobres. Pero vamos ser abertos, vamos escoitar a todos, en democracia é obrigado, nonsi?, e estes neo-fascistas teñen moito que dicir, buf, vamos deixalos falar, vamos ceder, hala que propoñan recortar dereitos aos inmigrantes, reducir expresións públicas das suas culturas, expulsións fulminantes para os delincuentes... que sei eu! Nin todo o que din é disparatado, por exemplo, unha cultura que permite o maltrato da muller é evidente que non se pode permitir en Occidente. Tudo bom, mas unha vez que comecen (e xa o fixeron) pensas que van parar nos inmigrantes? Ti pensas que un día, cando poñan a gorra de pensar, porque a paixón das primeiras soflamas vaia enfriando, non se decatarán de que, por exemplo, o Ministerio de Defensa do Reino de Espanha está dirixido por unha muller (bastante guapa, que dirán eles) e que para máis afrenta ao Sacro Imperio nin sequera ten un nome católico (aliás, espanhol).
Deixalles a corda solta e volveremos ao tempo no que eramos felices (con Franco non había inmigrantes!) eramos un noventa por cento de pobres, traballabamos en Alemania, Francia, Suíza...
Se odias os inmigrantes voltarás ser coma eles!
Se as inspeccións de traballo permiten salarios inferiores aos legais, pechando os ollos para criar riqueza moi concentrada, que os beneficiados por ese enriquecemento paguen toda a conflictividade social derivada.

Se chegaches lendo ata aquí, mereces un descanso, así que xa paro que me vai dar un vértigo ou algo polo estilo, nunca tanto esforzo xunto fixera!

terça-feira, 12 de outubro de 2010

Vendima

Aquí sempre se vendimou en outubro
este ano non ía ser menos
na aldea os meus paraísos de adolescente
seguen intactos
herbeira elíptica ≈ 300 litros
de nostalxia

sexta-feira, 8 de outubro de 2010

ecuacións de chuva en stand-by

chove
chove e venta e aínda que o buscase non atoparía mellor tempo que este para pasar o día enteiro na cama / contigo
xa teño a cama e sóbrame o tempo, só falta unha incógnita para resolver a ecuación matemática de uñas que acarician e muslos que apretan
aplicar-me-hei nos vellos libros da mir, axilidade mental, resolución de ecuacións diferenciais, só preciso de horas de concentración, sobre o teu corpo
está ao alcance de todos (non malinterpretes, falo da resolución, e das diferencias)
fareime home viril de doche&gabana, fareime macho de loewe
(só por un instante, non soportaría dous capítulos seguidos desa frivolidade, sen risco de ficar loewotomizado pour toujours, dolchegalbanizado para sempre)
Resumindo: que chove, e venta, e teño unha ecuación con tres incógnitas, que agarda por ti para ser verdadeira

07/10/10

Ao sair pola porta do edificio vexo que o ceo segue gris, poalla ou vai poallar moi pronto, collo o camiño cara ao centro polo casco vello, paso pola gavia aberta do gas, unha rata corre a esconderse no seu tobo, tuberías de auga, tuberías de gas e o tobo da rata. Párome un minuto a observar, saca a cabeciña, mirámonos, ten os ollos negros, eu marróns, ten medo, non se arrisca a sair de novo. Baixo pisando o empedrado húmido, os tenis xa meten auga, riscos de andar na leña cos tenis novos. Paso pola tenda de informática por enésima vez, xa hai dous meses que agardo a reparación do cargador, mazzel, entre estoupar e ser amable sempre escollo a calma. Levo o pantalón da capoeira á costureira, subir os baixos (é o malo que ten ser pequeno), coser a bandeira brasileira sobre a espanhola (é o malo que ten ser galego). A muller dáme unha semana de prazo e sei que cumprirá, el-hamdulillah!. No mesmo barrio está a cafetería brasileira, decoración verde e branca, ambiente calido, café só e lectura da prensa española, cal senón. Seguinte escala no peluqueiro, corto e gomina, comme d'habitude. Iogures, queixo e actimeles no supermercado, volto ao edificio, os pes húmidos, segue o ceo gris. Mentres boto un pitillo no balcón cunha taza de café frouxo continúo lendo a JE o americano. Estilo telegráfico que me contamina o percorrido matinal logo de colárseme nos soños. É bo o tío. O Império nunca será dos poetas.