terça-feira, 29 de dezembro de 2009
Segunda feira
Dicía, como é luns, e como o vento zoa nos mastros de aluminio dos veleiros amarrados perennemente no porto deportivo (e se me escapa de novo o pensamento... deportivo da Coruña) e se isto fose unha ecuación matemática permitiríame a liberdade de empregar corchetes e parénteses ou dobres parénteses "[e se me escapa de novo o pensamento... deportivo d(e-l)a Coruña]
Quería dicir que como é luns, independentemente dos adxetivos e advervios que se lle enganchen, tiña unhas ganas tremendas de che facer o amor, ou polo menos, polo menos, de mirar as olas rompendo dende a cristaleira do teu salón, mesmo se os cristais seguen estando sucios... miralas, ou velas, mas velas seguro habería poucas
En realidade, aínda que fose martes ou mércores... ou calquera outro día da semana, creo que tería as mesmas ganas inmensas de tomar contigo un vaso dalgún licor "n'importe lequel", sexa no salón ou ao final dun libro calquera de amor e seda, así, ao azar, para non ter que buscar muito
Ben, pronto será martes, debin quedar durmido, o vento segue a cuspir a chuva contra os cristais, é o seu. O meu é debullar a mazaroca do meu desexo e moer logo o gran para que despois o vento leve a fariña e só queden palabras caducadas ou périmées recordatorio dun tempo traspassado.
segunda-feira, 21 de dezembro de 2009
Compras de Nadal
Saio facer compras para o Nadal... os regalos e iso
de paso merco unha fita verde na mercería
e un parche de Hello Kitty para un buratiño do pantalón
da pequena
que xa non o é tanto e de volta dime que lle ven moi infantil
carallo, como pasan os anos, ao mellor prefería una caveira
ou unha bandeira de Xamaica.
Mi madrinha, tamén pasan os anos para min!
Merco libros, como sempre collo o que a min me gusta
asegurándome un éxito dubidoso...
de volta paro na cafetería das galerías
racho co menú habitual e pido unha copiña
para acompañar o caféconleite
que me axuda a falar un chisco coa camareira
quen por fin descobre que non ando ao mar
o certo é que o café agarrótame a língua
mentres que o Ponche Cuesta inclina varios graos
cara abaixo o plano da miña vida. Sen abusar, ben seguro
“non, traballo no findeano, no nadal non”
mágoa non seren mais que formalidades de taberneira
mentres lle dou un repaso rápido a El País.
Volto a casa cun par de bolsas na man
e unha absolución para a rapaza do terceiro
que pintou esta findesemana
un corazón no ascensor
domingo, 6 de dezembro de 2009
As tres da mañá - Three o'clock in the morning
cando menos é iso o que calculo, espertei hai cinco minutos enchoupado en suor
e non lembro ter escoitado en soños a chamada á primeira oración do día
ademáis afóra segue a mesma claridade das lámpadas da noite
e un canto de paxaros nocturnos que por un intre me descoloca no mencer
Son as tres da mañá e decátome de que os dous cobertores para esta madrugada de outono
foron abrigo de máis, e as sabas xa están empapadas, vou a cociña, bebo auga
pasando á beira do radiador de gas vexo que os mistos queimados seguen no chan
onte estaba nervioso de máis para conseguir acender o queimador
por iso o reforzo do segundo edredón, e esta sede intempestiva a cortarme a noite
Son as tres da mañá e teño tempo dabondo para cair nos lugares comúns do meu pensamento
as voltas, que nunca te devolven ao mesmo ponto de partida e toda esa trangallada
como sempre, desaproveitara o tempo que tivera para facerme á idea
de que os post-it son de papel e o meses de chuvia fanlles cair as letras de tinta indeleble
decaido por teren caido tamén todos os je t'aime que pegara co meu cuspe na sua pel
Eran as tres e cuarto e volvín onda ti, aínda que me fora difícil lembrarte, o cabelo mudara
mas os ollos seguían combinándose sedutoramente co timbre tranquilo da tua voz
volvín á cama e do teu corpo collín só unha man, agarreime a ela
e mentres ti soñabas eu soñei que agardabamos xuntos a fin do mundo
das seis da mañá, de volta ao teu Centre Ville onde as cancións de berce dos klaxon
recordarante mañá os paxaros desta noite, na que aínda que non o saibas
prometinche morder a tua língua antes de deixar a miña alma escapar pola boca
e colárseche aos pés e ás plumas do teu traxe de bailarina para que non poida
xa separarme de ti...
sen dor