segunda-feira, 28 de setembro de 2009

Season of grape harvest

Galician people at sweet work!
Takenwater
Sandsbridge
Galiza

terça-feira, 15 de setembro de 2009

Promesas

Téñote que chamar.

Prometo que mañá, a primeira hora, antes de que o día me envolva coa sua arañeira

heite chamar

ou enviarche un sms

antes que o monstro me trague

porque unha vez no seu ventre xa non hai cobertura

até que á noite bótame fóra derrotado para cair na cama

e penso que mañá teño que te chamar

ou enviarche un sms

propósitos firmes que me pechan os ollos

cada xornada que paso lonxe de ti


Xa..., a última vez non foi a mellor

nunca comprendo nada

parece que ando aboiando pola vida

como unha bolsa de plástico

levada polo vento

a ternura que non che dei pagueina en kiloxulios

qué pouco entendo!


O certo é que hai unha tristura

pero non instalada entre nós

creo que me sae polos poros,

basta como o mel, e cólase a todo canto toco.

Por moito que tento lavarme

sobre todo con riberas del duero

ou bordeaux, ou riojas

ou directamente coa rapidez do ron

cada vez esvaro máis lonxe

cara adentro de min.


Quixera viaxar a un lugar

onde non estivera eu

pero vaia onde vaia

sempre me atopo, o mesmo de sempre

como un deus ubícuo

non me desfago de min

decote esquezo o procedemento

e saio de viaxe levándome alá onde vaia.


Mentras non o consiga

prometo que mañá hei de te chamar

ou mandarche un sms

ou enviarche por telepatía

as miñas mans para que percorran o teu corpo

mañá

seguro non hei esquecer




sexta-feira, 4 de setembro de 2009

Polo Índico, no barco das sete


No barco das sete imos sete de retirada

dos sete hai catro que dormen coa cabeza pousada nas mesas

dous a ler e un que tece os seus pensamentos coas luces da outra banda da ría

No barco das sete catro homes dormen

mentres unha muller pasa

silenciosamente

as follas da revista

e o vixía das luces cotexa os seus proxectos cos brillos da auga

eu tento chegar á fin do párrafo antes de que se me pechen os ollos


o barco fai a rota de memoria, cos ollos pechados no último treito da noite

nos dedos traio tatuado en negro o resumo da xornada


o meu protagonista navega dende Port-Louis á Agalega

fórzome a seguilo lendo para que chegue, mas é imposibel

adeus, só hai unha persoa lendo

durmo coa cabeza colgada dos ombreiros, o libro aberto


No barco das sete o motor baixa de revolucións para abordar a boca do porto

como un despertador case amábel

logo, perto do pantalán, ponse ao ralentí

dá a orde de erguerse, botar a mochila ao lombo

prepararse a desembarcar.


Terei que agardar ao barco das nove da tarde

para retomar a navegación polo Índico

de volta ao turno de noite