quarta-feira, 6 de julho de 2011
Cazadores de insectos
sexta-feira, 4 de junho de 2010
Perigos
Nun día nublado de primavera, a dama paseando de vagar polo monte non repara nas flores que a espreitan.Nos tempos antigos as xentes tiñan medo do bosque, dos perigos coñecidos e dos escuros perigos. Hoxe en día non é ningún risco adentrarse polo camiño fondo nas sombras húmidas, afastarse do carro e ir apagando a cada paso o ruído dos trebellos, do caucho, do aceiro, da fibra, do gasoil --hai trinta anos que morreu o derradeiro lobo da comarca. E contra o temor ao descoñecido sempre topamos a ecuación que o acota dentro duns límites estreitos, prisioneiro da nosa lóxica.
Mas os perigos agáchanse nas cousas fermosas para as que non temos defensa.
sábado, 29 de maio de 2010
Visita
da tua casa
mergulleime nun caldo
de café con leite e torta de améndoa
entrábame a vontade polos poros da pel
ese país que non existe
no código binário
unha nación difusa entre o cero e o un
un continente que non quere estar
nos libros de xeografía
quizáis así tamén sexa eu
pasar desapercibido, viver fóra
dos arquivos, de incógnito.
Aproveitando a visita saín
lastrado de novela brasileira
e poesía, á procura
das pontes que nos eleven ao un
das fontes que nos acheguen aos dous
sempre na distância
para ben ser, enchoupados de nostálxia
a buscarnos no horizonte do calendário
que lenta pasa a vida!
canto tempo sen o arrecendo
húmido do teu corpo!
e así, así mesmo
sígote amando por procuración
mentres o mundo que vou construíndo
se esboroa constantemente
deixando só un ronsel de borralla
o triste legado dun home triste
que te amou.
nada
segunda-feira, 8 de março de 2010
Voltar cedo

Voltar cedo é o método máis eficiente para evitar que os universos de cristal escachen pola noite (ou pola mañá cedo cheirando a frescura) mentres estás durmindo e te decates de que si, efectivamente, ti tamén tiñas unha alma, que aparece visível cando espertas sangrando polas afiadas esquírolas que se agachan traidoras nas pregas das sabas. Voltar cedo e aparentemente derrotado é un bo investimento a curto prazo para manter a coesión dos fráxiles mundos transparentes de soidade.
quinta-feira, 25 de fevereiro de 2010
Memória
nas gavetas do país dos meus recordos
é posible que estean a fallar algunhas autoestradas
neuronais, maiormente por falta de manutención
han estar cheas de buracos e coas liñas deleídas
por veces son anos enteiros que se borran
até que unha imaxe reflota o groso daqueles meses
por veces só unha noite que quería conservar
entre envoltórios de xabón aromático
e perdo o enderezo electrónico daquel soño
non quedan fotos nin frases que revivan
o sabor salgado dos camiños
que marcaba con saliva sobre o teu corpo
nin a éxtase que me provocaba
a tua perda temporal de dicción
nin o arrecendo da tua roupa
pousada na cadeira do cuarto
e aínda que a automedicación é desaconsellabel
ou polo menos contraproducente na cura de certos males
penso que neste caso de patoloxía ben definida
podo arriscarme a propor un tratamento
de choque, cunha posoloxía bastante elástica
tanto como o colchón onde se recupere
tanto tempo perdido
só por reparar os desperfectos
das conexións neuronais
enténdase
Des charmes de ma mie
j'en passe et des meilleurs
vos cours d'anatomie
allez les prendre ailleur
G. Brassens
terça-feira, 29 de dezembro de 2009
Segunda feira
Dicía, como é luns, e como o vento zoa nos mastros de aluminio dos veleiros amarrados perennemente no porto deportivo (e se me escapa de novo o pensamento... deportivo da Coruña) e se isto fose unha ecuación matemática permitiríame a liberdade de empregar corchetes e parénteses ou dobres parénteses "[e se me escapa de novo o pensamento... deportivo d(e-l)a Coruña]
Quería dicir que como é luns, independentemente dos adxetivos e advervios que se lle enganchen, tiña unhas ganas tremendas de che facer o amor, ou polo menos, polo menos, de mirar as olas rompendo dende a cristaleira do teu salón, mesmo se os cristais seguen estando sucios... miralas, ou velas, mas velas seguro habería poucas
En realidade, aínda que fose martes ou mércores... ou calquera outro día da semana, creo que tería as mesmas ganas inmensas de tomar contigo un vaso dalgún licor "n'importe lequel", sexa no salón ou ao final dun libro calquera de amor e seda, así, ao azar, para non ter que buscar muito
Ben, pronto será martes, debin quedar durmido, o vento segue a cuspir a chuva contra os cristais, é o seu. O meu é debullar a mazaroca do meu desexo e moer logo o gran para que despois o vento leve a fariña e só queden palabras caducadas ou périmées recordatorio dun tempo traspassado.
domingo, 6 de dezembro de 2009
As tres da mañá - Three o'clock in the morning
cando menos é iso o que calculo, espertei hai cinco minutos enchoupado en suor
e non lembro ter escoitado en soños a chamada á primeira oración do día
ademáis afóra segue a mesma claridade das lámpadas da noite
e un canto de paxaros nocturnos que por un intre me descoloca no mencer
Son as tres da mañá e decátome de que os dous cobertores para esta madrugada de outono
foron abrigo de máis, e as sabas xa están empapadas, vou a cociña, bebo auga
pasando á beira do radiador de gas vexo que os mistos queimados seguen no chan
onte estaba nervioso de máis para conseguir acender o queimador
por iso o reforzo do segundo edredón, e esta sede intempestiva a cortarme a noite
Son as tres da mañá e teño tempo dabondo para cair nos lugares comúns do meu pensamento
as voltas, que nunca te devolven ao mesmo ponto de partida e toda esa trangallada
como sempre, desaproveitara o tempo que tivera para facerme á idea
de que os post-it son de papel e o meses de chuvia fanlles cair as letras de tinta indeleble
decaido por teren caido tamén todos os je t'aime que pegara co meu cuspe na sua pel
Eran as tres e cuarto e volvín onda ti, aínda que me fora difícil lembrarte, o cabelo mudara
mas os ollos seguían combinándose sedutoramente co timbre tranquilo da tua voz
volvín á cama e do teu corpo collín só unha man, agarreime a ela
e mentres ti soñabas eu soñei que agardabamos xuntos a fin do mundo
das seis da mañá, de volta ao teu Centre Ville onde as cancións de berce dos klaxon
recordarante mañá os paxaros desta noite, na que aínda que non o saibas
prometinche morder a tua língua antes de deixar a miña alma escapar pola boca
e colárseche aos pés e ás plumas do teu traxe de bailarina para que non poida
xa separarme de ti...
sen dor
terça-feira, 15 de setembro de 2009
Promesas
Téñote que chamar.
Prometo que mañá, a primeira hora, antes de que o día me envolva coa sua arañeira
heite chamar
ou enviarche un sms
antes que o monstro me trague
porque unha vez no seu ventre xa non hai cobertura
até que á noite bótame fóra derrotado para cair na cama
e penso que mañá teño que te chamar
ou enviarche un sms
propósitos firmes que me pechan os ollos
cada xornada que paso lonxe de ti
Xa..., a última vez non foi a mellor
nunca comprendo nada
parece que ando aboiando pola vida
como unha bolsa de plástico
levada polo vento
a ternura que non che dei pagueina en kiloxulios
qué pouco entendo!
O certo é que hai unha tristura
pero non instalada entre nós
creo que me sae polos poros,
basta como o mel, e cólase a todo canto toco.
Por moito que tento lavarme
sobre todo con riberas del duero
ou bordeaux, ou riojas
ou directamente coa rapidez do ron
cada vez esvaro máis lonxe
cara adentro de min.
Quixera viaxar a un lugar
onde non estivera eu
pero vaia onde vaia
sempre me atopo, o mesmo de sempre
como un deus ubícuo
non me desfago de min
decote esquezo o procedemento
e saio de viaxe levándome alá onde vaia.
Mentras non o consiga
prometo que mañá hei de te chamar
ou mandarche un sms
ou enviarche por telepatía
as miñas mans para que percorran o teu corpo
mañá
seguro non hei esquecer
segunda-feira, 8 de junho de 2009
clépsidra
Do pouco que che puiden dar
nin todo cho din
nunca cortei de todo os cabos
xa cho dixen,
a eternidade duraba un minuto
o malo desto todo
é que eu o dixen
mas non o entendín
tan ben coma ti.
E todas as historias
de homes na cadea
de vodas fracasadas
de fillos que che atribúen
non fixeron máis que
amarrarme máis
a ti.
As imaxes do teu pasado
como pingas ían chegando
descolgandose do teito
no que viven quen te coñecen
meu amor
Eu só creo a tua versión
da hora na que estamos xuntos
na cama ou no parque
só creo que tamén me amas
e tiven medo aos coitelos
que agardaban na rua
o pulo dunha sobredose
para limpar as conciencias
co meu sangue de rumi
como na crónica
dunha morte anunciada
todo o empurraba.
Teño medo da soidade
no resto das horas
nas que non estou na cama
nin no parque contigo
e busco agarradeiras
alguén que estea sempre
aí.
Mas non hai ong
para estes casos
e gaveo polas horas
de cada día no que
desapareces.
Non sempre
case sempre
a meirande parte das veces
son eu a parte danada
só por egoísmo
supoño
tras o ponto e final
cada un remoe
a sua dor
en silencio,
até facela dixeribel
asimilala
xa ten acontecido
o silencio cos seus ácidos
amolecera até as pedras
e quedarásme debuxada
cicatriz de media lúa
no invisibel do recordo.
Cada imaxe que foi subindo
cachos do teu pasado
até ao meu presente
paseniñamente
case imperceptibelmente
foime rodeando
até aceptar a derrota
de precisar do teu corpo
para que existisen
as semanas e os meses
teu corpo clépsidra
ou area do deserto
ou reloxo de parede
teu corpo deixará
de marcar as horas
marca indelébel
na transparencia do recordo
tiC, Tac, Tic, taC
te foches mas
aínda estás.
sexta-feira, 15 de maio de 2009
Mariamadalena
Prometo volver emborracharme sen medida e pasear pola rúa, de novo, collido do brazo con el a cantar as cancións dese país inexistente fora da imaxinación, aínda a risco das pedradas que recibe a miña ilóxica maneira de viver. A tua boca me condena a ser o teu oposto. Toujours.
Vale, vou prometer e prometo que seguirei buscando coas ferramentas da miña desnudez mesmo nos buratos onde a luz non entra nin de noite, apalpando corazóns na sombra, agardando o milagre de descubrir outro náufrago à bout de souffle. Suecia sempre foi un bo destino para conxelarlle os camiños ao desespero. E a porta deste cuarto de hotel aíllanos por unhas horas, para que as nosas bocas se tomen o aire, sabéndonos a salvo por unhas décimas de eternidade.
Xuraría, se a miña irrelixión non me tivese proibido a fórmula, voltar erguerme no venres magrebino ás oito da mañá, para baixar polas escaleiras que arrecenden a café, recoller o pasaporte, sair á rúa, xa desnuda coas roupas de domingo, amosándolle os dentes bêtement, cun aire de bonheur un bocadinho gilipollas. Sempre é así, extremismo do dente de serra, sobe-baixa a morderme a carne abrindo os camiños da vida.
Y, cuando suban las bebidas,
el doble de lo que te pida
dale por sus favores,
que, en casa de María de Magdala,
las malas compañías son las mejores
Sabina (por suposto)
domingo, 26 de abril de 2009
En cada obxecto
A cada paso nos chanzos
a cada golpe de cada un dos teus pes
nas escaleiras que te traen
chamas amodiño polo tempo
que quedara durmido,
vai acordando
e cando soa o timbre
da miña porta
baixa da cama, bótase a correr
e comezas na conta atrás
a escribir o teu nome
no vaso que bebes
na manta que retiras
na toalla que mollas
na silhueta que se agarra ao espello
como se vai apagando o eco
dos teus pasos
nas escaleiras que te levan
e o tempo bocexa
e se durme outra volta
tempo en coma
que me deixa o tempo
para a leitura das obras completas
do teu nome en cada obxecto
quinta-feira, 16 de abril de 2009
Recuperación/récupération/recuperação
Cheguei, e as miñas queixas anteriores surtiran efeito, recibín un trato correcto, puiden facer o traballo e saín tranquilo, voltei no tren mas aínda tiña un peso de carallo enriba, durminme. Espertei entrando na estación. Voltei ao hotel e botei duas horas e pico a ler Ce que le jour doit à la nuit de Khadra, e foi como unha droga, cando baixei de novo á rúa xa ía co sorriso nos lábios, tarxeta de teléfono, tabaco, botella de tinto para celebrar a noite do mércores, e conversa distendida cos comerciantes. Tomáronme por portugués, o que engadiu alegría na miña recuperación psicolóxica. Logo informe para Arxel-EH, regado cunha Stella oranesa. Conversa telefónica coa familia e agora coa botella* aberta o mundo afrouxou as tenaces, reconcíliome coa humanidade desta banda do planeta.
Mañá traballo, bihar lan egingo dut, ghadouan aandi el-khedma, mas já tenho feita a desfragmentação do disco duro. Tudo recomeça bem. Acompanho com música, zutik, zutik, makurtu gabe! Bientôt je vais formater le système entier, chez moi, chez nous, mon amour, dans tes bras, onde ao tempo se lle gastan as pilas.
quinta-feira, 9 de abril de 2009
Mar e pel (a tua)
collo rumbo ao teu corpo
arquipélago do desexo
no mar da tua pel navego
de illa en illa
largando o aparello dos meus dedos
da miña língua de rede
a pescar nos poros a tua entrega
a meter a bordo toneladas
dos teus suspiros
que salgarei para o inverno
collo rumbo a esa ría
que se riza, muda, medra
chamo polo temporal forza sete
mar arborada,
convertida en océano
entrégoche o meu barco
co que levo alá adentro
ti es todo auga salgada
e amorodos, e café con leite
perdo os pulmóns, fágome peixe
respiro as tuas ondas
aliméntome do plancton
dos teus xemidos
almíbar que conservo
en botes de confitura
para o outono
cando pluf
non haxa máis mar
Non toparía en terra
lugar tan seguro
como nesta tormenta.
Je prends cap à ton corps
archipel du désir
sur la mer de ta peau naviguer
d'île en île
larguer le gréement de mes doigts
de ma langue-filet
pour pêcher dans tes pores ton dévouement
pour mettre à bord des tonnes
de tes soupirs
que je garderai en sel pour l'hiver
je prends cap à cette baie
que se couvre de moutons, change, grandit
j'appel la tempête force sept
mer arborée,
devenue océan
je te livre mon bateau
avec ce qu'il y a dedans
toi, tu est toute en eau salée
et myrtille, et café crème
je perds mes poumons, je me fais poisson
je respire tes vagues
me nourris du plancton
de tes gémissements
sirop que je conserve
dans des pots de confiture
pour l'automne
quand, plouf,
il n'y ait plus de mer.
Je ne trouverais pas en terre
endroit plus sur
que cette tempête.
sábado, 14 de março de 2009
Marchas / Tu pars
Blogue dépotoir, blogue basureiro, onde veño baleirar a inexistencia da antimatéria, a incompresibilidade dos líquidos, a infinitude de planos que constrúo cos meus catro pontos de apoio.
Mesmo traio aquí a tristura cando
marchas. Vaste e deixasme a casa chea da tua elasticidade, as mans co teu arrecendo enchen un vaso, que non marcha, sempre ao meu lado. Para prolongarte nestas catro paredes levo moitas veces o vaso á boca, por te respirar aínda que xa non esteas.
Marchas e a tua lencería segue enchéndome as meniñas dos ollos e, ben, xa ti sabes, máis cousas. E para non borrar seu tacto nos meus dedos quedo cara á parede branca enchendo o vaso, a escoitar o relóxio de parede.
Marchas e deixasme cargado con todo o que non che podo dar, e os meus dedos, os meus ollos, as miñas mans e mesmo o vaso e os meus catro pontos de apoio perden o teu apoio, entran no vacío macizo dun burato negro, todo se torna pesado, insoportable.
Marchas e deixasme a casa manchada dunha tristura que non ten unidade de medida, nin definición científica. Preciso dun Gay-Lussac que elabore a lei das tristuras perfeitas para encontrar a temperatura e a presión xustas ás que se solidificará esta merda e poida lanzala ao oued kniss con forza, pola fiestra do balcón.
Seguramente (arrisco, en ausência da fórmula), a temperatura poida que sexa á da tua pel húmida e a presión a do teu corpo contra o meu.
Blog basureiro, blog dépotoir, où je viens vider l'inexistence de l'antimatière, l'incompressibilité des liquides, l'infinitude des plans que je construis avec mes quatre point d'appui.
Même je ramène ici la tristesse quand
tu pars. Tu t'en vas et tu me laisses la maison hantée de ton élasticité, les mains embaumées de toi remplissent un verre, lui il ne part pas, toujours à côté de moi. Pour te prolonger entre ces quatre murs j'enmène souvent le verre à ma bouche, pour te respirer bien que tu ne sois plus là.
Tu pars et ta lingérie me remplit encore les pupilles des yeux et, tu sais bien, d'autres choses. Et pour ne pas effacer son toucher de mes doigts, je reste face au mur blanc à remplir le verre, à entendre l'horloge, lui aussi sur le mur.
Toi, tu pars et tu me laisses chargé de tout ce que je ne peux pas te donner, et mes doigts, mes yeux, mes mains, même le verre et mes quatre points d'appui perdent ton appui, ils rentrent dans le vide massif d'un trou noir, tout devient lourd, insupportable.
Tu pars et tu me laisses la maison souillée d'une tristesse que n'a pas d'unité de mesure, ni de définition cientifique. J'ai besoin d'un Gay-Lussac qui puisse rédacter la loi des tristesses parfaites pour trouver la température et la pression exactes auquelles cette merde deviendra solide et je pourrais alors m'en défaire en la jetant violemment par la fenêtre du balcon à l'oued kniss.
Probablement (en absence de formule, je vais risquer), la température il se pourrait bien que ce soit celle de ta peau humide et la pression celle de ton corps contre le mien.
quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009
Cea de martes de entroido
O bo que ten estar aquí é que as veladas rematan antes, ás sete e media xa podes ir cear e mesmo se enredas moito na mesa, ás once xa estás de volta ao cuarto baleiro, ben, esta noite estamos os tres, eu máis os dous computadores, o meu sobre as miñas pernas e o da compañía a curarse das enfermidades que foi apañando nas páxinas onde matan a soidade os compañeiros, ou a deixan aturdida, porque ela nunca morre. Basta topar uns labios e uns ollos de verdade e xa poden os cabróns estes morrer de inanición, xa sen tempo nin para poñelos a cargar. Mundo virtual que vale para simular unha vida que non temos, mas como todo é psicolóxico (mesmo o frío polas mañás!) os estímulos van chegando, tecéndonos a ilusión de estar a vivir.
A cea estivo óptima, como din para abaixo do miño, non só polo comido que á fin tivo que ser o que había, comme d'habitude, senon pola compaña íntima, agradável: conversa, viño tinto, fígado de borrego. E o ambiente do restaurante, cun número insólitamente elevado de comensais, e agradávelmente ben proporcionado no xénero, axudou a pasar o tempo como se for noite de festa. Xa que non podemos pór os disfraces, cando menos festexalo dalgún xeito.
E falando destes mundos virtuais, deste afastamento da realidade, na mesa do lado, sentábanse as duas rapazas que levan uns días compartindo as zonas comúns comigo, con todos. No almorzo, o pequeno, soemos coincidir case por frente, case, tanto que apenas ela precisa xirarse uns graos para disimuladamente terme no seu ponto de mira. E eu, que non preciso esforzo ningún para observala, porque chego despóis e escollo o emprazamento favorável, paso os dez minutos do zume-torradas-croissant-caféconleite gozando de cada intre no que, por azar, os nosos ollos tropezan facéndose os parvos.
Gostaría de non ter que escribir isto agora mesmo, ás vintetrés e vintecatro minutos dunha noite de xoves, só acompañado por dous computadores que non teñen ollos, nin lábios, nin desexos máis ca os de seren enchufados aos cargadores. Gostaría esquecelos, botalos da miña cama, cambialos por ela.
quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009
Qué carallo sei eu de Túnez?
Pero en realidade, qué carallo sei eu de Túnez?
quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009
Soirée elle et moi (hiya w-ana)
Temendo a hora na que a botella de médéa non solte máis unha gota de viño.
Tantas veces que quixen agarrar con forza o móbil arxelino e contra unha parede de pedra reventarlle os recordos todos, e o teu número, e tantos outros, desaparecendo en cachiños de plástico espallados polo chan, cousa de porlle unha válvula antirretorno, ou un diodo, aos camiños que abren as botellas de tinto, que todo terxiversan, mudando o orgullo en ousadía.
quinta-feira, 29 de janeiro de 2009
Camelias e buxos
Así que supoño que (penso logo insisto) hai que seguir subindo e baixando coas ondas, ás veces comendo, outras vomitando. O temporal non hai quen o pare, non hai botón que o apague. E o tirano ha voltar facendo cos seus arrecendos de primavera esquecer a resaca que deixará en herdanza.
sexta-feira, 19 de dezembro de 2008
Aínda
hoxe volvín pasar por alí
aínda
alí por pasar volvín hoxe
segunda-feira, 17 de novembro de 2008
Cadeas
Que pouco pesan estas cadeas e que só me sinto cando baixas polas escaleiras, recollo a mesa e fago a cama. E aínda a música non é quen de afogar o eco das tuas mans apretándome.
Irei á cociña, a realidade da cebola fritida afastará de min este estado improdutivo, outonal.