Mostrar mensagens com a etiqueta como unha onda sinusoidal. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta como unha onda sinusoidal. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 10 de março de 2010

Voltar a soñar

soño que estou en sitios
nos que xa soñei que estivera
e agora que volto (voltar é o meu vício)
o que fora a ruptura da barreira do som
semella só un destello, un estralo ao lonxe
volto unhas horas ao lugar (voltar é a miña condena)
a revisar metódicamente cada segundo
cada gota de suor do meu corpo
que se estendeu pola tua pel.
Sei que desta volta, voltar é indecente
imprudente, imprópio, improdutivo... qué sei eu
porque xa só me toparei a min mesmo
e a sombra do teu vestido azul estival
-- lixeiro como a miña devoción
que ficou eternamente a erosionar estas fachadas
nas que amor foi escrito con caligrafía florida
mas por desgraza comezaba por h
volto sen telo eu programado (voltar é o meu destino)
e sei que estiven aquí nun soño
esperto e só me queda o teu sabor na boca
ténue, feble, apagado
afogado polos remorsos
de te ter deixado de soñar

segunda-feira, 8 de março de 2010

Voltar cedo



Voltar cedo é o método máis eficiente para evitar que os universos de cristal escachen pola noite (ou pola mañá cedo cheirando a frescura) mentres estás durmindo e te decates de que si, efectivamente, ti tamén tiñas unha alma, que aparece visível cando espertas sangrando polas afiadas esquírolas que se agachan traidoras nas pregas das sabas. Voltar cedo e aparentemente derrotado é un bo investimento a curto prazo para manter a coesión dos fráxiles mundos transparentes de soidade.

sexta-feira, 8 de janeiro de 2010

A esperança é faixa preta de caratê

Cando falo por teléfono teño que moverme, mesmo se estou nun cuarto pequeno ando arredor todo o que dure a conversa, como se cos pasos fose construíndo o diálogo, ou axudándome a encamiñalo... o carallo é cando che toca falar dende un teléfono fixo, alí preso, atado polo fío, e o peor é cando está xusto enfrente dun espello, entón, sen poder darlle as costas ao fulano que che está contando as enrugas da frente a esperanza leva unha navallada e queda bastante flácida, medio morta.

Sen embargo, a esperanza é unha experta en artes marciais, mesmo cando parece que xa non respira, aínda che pode revivir cunha patada direta à cabeça, basta a presión dunhas mans femininas que veñen por atrás colléndote os ombros para susurrarche calquera banalidade, e dis ti... pero pode ser possivel? e será! E xa dubidas que fora só o contacto das mans, supós que os peitos no teu lombo tamén axudaron algo.

Tamén volve a esperanza, de maneira máis sólida, ectoplasma do meu corazón, como esta tarde cando o macaco saiu logo de poucos intentos, tantos anos había que estaba eu frustrado dende que a iso dos dezaseis tentara facelo na praia e levara tal golpe que abandonara definitivamente o proxecto de dar a voltereta cara atrás. Hoxe non só o macaco (así lle chaman na capoeira), senón incluso o mortal cara atrás! Claro que axudado polo mestre.

Qué maneira de comezar o ano, ben, si, sete días despois, pero son así de lento