sexta-feira, 8 de julho de 2011
Fallos no sistema
quarta-feira, 6 de julho de 2011
Cazadores de insectos
segunda-feira, 4 de julho de 2011
València - Alger - Ajaccio
València – Alger – Ajjaccio, o mesmo mar, a mesma humidade que me acompaña neste camiño de curva, contracurva, soidade, envólveme nesta torpeza da roupa colada á pel, non estamos sós a humidade e máis eu, e este mar estático, incomprensible. E vóltaseme excitar o cerebro coas línguas que vai pescando, o corso, igual que na Galiza, o árabe de Arxelia, nas rúas, o francés que me invade, viens tout contre moi! Non teñas medo, j’arrive.
Ofrecen mexillóns para a cea, e mentres agardo a pizza, click, escoitei unha palabra en galego, uns xubilados dunhas mesas máis alá, francés e galego. E a mistura cos mexillóns, que non quero, desata unha nostalxia que sobe paseniñamente polo meu corpo como a marea, até querer sair toda a auga do océano polos meus ollos. Non consigo falar cos paisanos, non aguantaría tanto mar dentro de min.
domingo, 3 de julho de 2011
Desintegración
É o blogue, estas palabras que aquí escribo, que me manteñen unido a aquela teoría, a unha utopía cuspida nas paredes, e me segue enviando polo cordón queixumes dos alcolitos, que me atan e me impiden esquecer quen son, integrarme, unificarme, soñar bonsoir, erguerme co bonjour caíndome dos lábios.
E se aínda fose unha presada, uns poucos grans de area aumentando a superfície da praia máis fermosa de Europa, pero non hai areal, e estas impresións non serven máis que de antibiótico para a navegación en solitário coa que vou gañando enrugas, perdendo cabelo, pasando devagar na tona da auga, sen ronsel do que chorar a sua desaparición.