sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

États d'âme


na mañá dun día libre, loce o sol
e se mira o mundo diferente

quinta-feira, 29 de janeiro de 2009

Camelias e buxos

Como encontrar ese sitio de sombra onde non poida volver o tirano levantarme polos nocellos e guindarme nunha silveira? Como entrar nese estado de coma profundo no que xa todo me teña igual, e nin o temporal con ondas de oito metros consiga despertarme? Sei dun sitio cheo de camelias e buxos onde podería retirarme do mundo, alí sería xardineiro, limparía os estanques, varrería os paseos, deixaría o musgo cubrir o granito á sombra dos magnolios. Sei que alí só, se ninguén lle dá o meu enderezo, non me había topar, sei que cunha biblioteca e un parque así podería viver moitos anos libre, se iso pode chamarse viver. Na unidade de coidados intensivos. Admirando as pingas de orballo nas follas da verdura, seguindo o lento avance cara abaixo das miñocas na terra recén cavada. Protexendo día a día o medrar de cada plantiña... gozando da orde artificial que fai a natureza meterse no wonderbrá da nosa estética. Qué mais ten. Sei que hai un sitio así, cheo de sombra, da música das fontes, dos chíos dos paxaros. Mas estar en coma é estar morto e xa creo que nese estado un non debe sentir as mesmas cousas.
Así que supoño que (penso logo insisto) hai que seguir subindo e baixando coas ondas, ás veces comendo, outras vomitando. O temporal non hai quen o pare, non hai botón que o apague. E o tirano ha voltar facendo cos seus arrecendos de primavera esquecer a resaca que deixará en herdanza.

quarta-feira, 28 de janeiro de 2009

Como é que pode ser?

Volver escoitar os paxariños pola mañá no oued e o tráfico do outro lado como un animal indolente, indiferente a toda esta vida que me alimenta. Volver e topar fermosos mesmo os baches da rua e dar apertas aos amigos, e sentirse querido, como se éste fose meu país, limpo, ordenado, eficiente. Quen me diría hai un ano que algunha vez había ver esta cidade así, e chegar a querela.
Só precisas unha cura de humildade na cidade do pecado para apreciala.
Mágoa que é só unha fin de semana longa, e de novo tornar á hixiene sentimental do hotel cos seus pátios de luces tan afastados do ceo, sen máis vida que a dos insectos, pechas a ventá e quedas só. Desapareces do mundo.
Por sorte hai libros que che fan escapar lonxe, polo menos a douscentos anos de distancia.
Porque quedar encerrado a ver a tele nun cuarto escuro de hotel é unha dexeneración próxima á enfermidade mental.
Polo menos podo fritir cebola esta fin de semana, kilos de cebola, allos e pementos, encher a casa dese arrecendo... non sabía que tamén ía botar tanto de menos a cociña.

quarta-feira, 21 de janeiro de 2009

Baixar

Hoxe pasou o día e esquecín o xantar, traballo até ás catro da tarde e logo no hotel ducha, e sair ás compras, baixar ao ciber consultar o correo, e á volta xa chovía, as botas de neve, que só a viron nunha foto que levaban na caixa, esvaraban pola acera, volvo ao hotel poñer os zapatos, aínda que están furados agárranseme máis ao chan, e viña con idea de sair cear enseguida, cousa de respeitar algunha das comidas, zas, entrar-sair do cuarto, mas o libro de árabe chamaba por min e non fun quen de vencer a tentación, aí estiven cos plurais, as formas e os colores. Xa postos, prendín o ordenador e conecteille a memória usb na que viña de gravar un textiño teu porque non quería lelo alá no cíber, había moito ruido, os rapaces xogaban en rede, e un cheiro a sumidoiro ao que non me din afeito nas duas horas que pasei conectado. Claro que o teu conto conseguiu emocionarme, fermoso, un chisco delirante como é o teu estilo, saudade e esperanza. E quixen xa baixar buscar un restaurante antes de que peche todo mas lembrei que o tucano que teño posto de fondo de escritorio estaba comezando a perder as plumas, non lle senta ben estar tanto tempo fechado no cuarto, así que abrín a ventá e púxeno pousado enriba da cama para que mirase cara afora, tamén el precisa o aire fresco e a chuvia, de paso deixeille o encargo de me contar á volta calquera cousa interesante que vise, o certo é que debera pór un loro, ao tucano vaille ser difícil aprender a nosa língua.
E así foi pasando o tempo e aínda estou aquí, no cuarto, e teño que baixar cear algo, mas non o consigo.
Lin o teu texto, e emocionoume (creo que xa cho dixen) e quería tamén eu escribir algo, e sacar un chisco o tucano, ben, pólo frente á fiestra para que lle dera o aire, e a luz da noite, algo que o curara, porque comeza a perder as plumas.
E pasa o tempo e os restaurantes xa van pechando e... tiña que baixar cear, mas agora faiseme tarde, e creo que vou tomar unha decisión ou duas, quizáis mañá baixe cear... iso, si, mellor, mañá baixarei cear e todo estará ben mañá.

quinta-feira, 15 de janeiro de 2009

Podo dicir

Podo dicir “por algunha razón que descoñezo”
trouxen cachos de ti
até nos petos máis pequenos
das miñas maletas
podo dicir mais non é certo,
cortei a posta retalliños
do teu corpo, paseinos tamén no dobre fondo
ocultos entre papel de aluminio
para que se abran nesta tumba
como fosforescentes sinais de tráfico
dirixíndome no fondo,
no abismo calado e escuro
onde só é a pel da polpa dos dedos
meu interlocutor co universo.
Retallos feitos de enderezos
en cachiños de papel enrugado,
de libros fetiche,
de marcapáxinas co teu olor,
complexos vitamínicos
estudados para combater
a soidade, a ausencia, o silencio
deste cuarto sarcófago
onde a pouca luz do sol que cae atrapada
na trampa do patio de luces
chega ao fondo lenta, cansa, apagada
perdidas xa as suas propiedades
curativas

sexta-feira, 19 de dezembro de 2008

Aínda

hoxe volvín pasar por alí


nas rúas quedaba aínda, enganchado nas pedras das fachadas, o sabor húmido dos teus lábios elásticos contra os meus... despóis destes anos, aínda segue o arrecendo do teu cabelo nos soportais, nos pes das farolas e na máquina de preservativos. E todos os zaguáns escuros que acubillaron os abrazos, templos daquelas sombras cálidas onde as nosas mans abriron os ollos, estacións de lembranza, oración co teu nome a cada coche que pasa. Até a luz borrallenta do mencer, que coma espiñas de toxo a estrar a cama nos botara daquel cuarto de hotel miserento, soa no meu padal cun eco de torta de améndoa

aínda

alí por pasar volvín hoxe

quinta-feira, 11 de dezembro de 2008

Brazos pequenos

Pois xa estou de volta, logo dunha súper cea de despedida onde acabamos entre tres cunha perna de ovella, dez latas de cervexa e catro botelliñas de tinto, collín o luns pola mañá o camiño da estación a pe, o país paralizado coa festa de L'Aid, esquivando os regueiros de sangue que abrollaban dos canos rotos e corrían polas aceras,, vermello de alegría, xenocidio ovino. Seis horas de tren e noite en Arxel, o martes voo a Galiza con escala en Madrid. Et me voilà, ou aquí estou.

Marchara no verán só cunha chaquetiña na mala e volto con este frío e esta chuva, como se houbesen pasado dous anos. Recibido polos abrazos grandes e quentiños que dan os brazos pequenos, mans pequenas que escribiran exclamacións en maiúsculas no calendario agardando por este día. Agardando por min. O home máis importante da terra, do mar e do aire, como non se me vai encher o peito!

Biquiños

segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

Botote de menos

meu blogue quiridinho; botote tanto de menos e non posso neste teclado azerty do taxi phone ocuparme de ti como quixera. Prontinho xa volto; pouco mais dumha semana e estarei em Galiza: Biquinhos para todas e todos: millons de biquinhos;

quinta-feira, 20 de novembro de 2008

Chimpo

Chimpo! Chimpiño cara ao oeste, flis-flús, eu e duas malas, cara ás ceas con colegas e con viño, e ás birras en bares de mala malísima reputación. O computador e máis eu, flis-flús, e duas malas demasiado cheas de cousas que non precisamos. Meu tesouro! aí vamos os dous collidiños da correa, arrastando esas duas pesadas, ti e máis eu sozinhos, imos tentar aprender algo, ou facernos máis duros, ou rematar dunha vez por todas con esta aventura, volver onde meu corpo espido non escandalice, alá onde xa nada será igual, nunca nada volve ser como era, nin sequera será peor, só muda, todo muda. Guk bai ere. Nós tamén, imperceptiblemente, coma os xirasóis seguindo o sol.

Hala, marcho! Aburiño, Arxel.

Biquiños a todas e todos.

segunda-feira, 17 de novembro de 2008

Cadeas

Deixáchesme a tua marca, o teu perfume nos pulsos e no pescozo, como unha cadea que a ducha da mañá tentará romper até á próxima invasión tan desexada. E os camiños tan, tan inmensos que aínda nin comezamos a percorrer, agardan por nós sabendo que nunca chegaremos, que ficamos nos douscentos primeiros metros e voltamos á saída.

Que pouco pesan estas cadeas e que só me sinto cando baixas polas escaleiras, recollo a mesa e fago a cama. E aínda a música non é quen de afogar o eco das tuas mans apretándome.

Irei á cociña, a realidade da cebola fritida afastará de min este estado improdutivo, outonal.