sexta-feira, 16 de maio de 2008

Decididamente...

Esta mañá outra volta erguinme cedo, vaia miséria, eu podendo ficar na cama até ao mediodía e non hai maneira, debo estar a facerme vello, porque xa nin descansar preciso, así que para non quedar todo o día sentado na casa a ler, examinei por riba o plano da cidade e decidinme a sair dar unha longa volta por estas rúas con nomes que se me quedan atrancados na gorxa ao comezo da segunda sílaba. E xa levaba corenta e cinco minutos de camiñata cando mirei o móbil e vin a chamada perdida, fastidiame ben o asunto, este novo móbil non fai o ruido suficiente para que o atenda, ou será que me estou volvendo vello? Ben, chamei a Rachid, era el, viñera da Cabilia, de camiño a Orán e me esperaba para falar un ratiño, así que mudei o rumbo e dirixinme ao Champ de Manœuvres, outros corenta e cinco minutos máis, xa tiña o cu deformado de botar tanto tempo naquel banco de ripias a me agardar. Fixemos un paseo moi agradable, as rúas céntricas estaban cortadas para os carros, celebrábase unha xornada de concienciación medioambiental, con moitas actividades para os nenos, un pracer pasear polo medio e medio de Didouche Mourad, que durante a semana costa cruzar de tantos veículos como hai. Cafeciño e zumo nun bar de moral nada dubidosa (non hai dúbida que alí consegues, se precisares, alivio para as perennes necesidades do corpo) e plans para os próximos meses, viaxes, visados, tarxetas de residencia... e traballo. Logo acompañeino á estación e volvinme sen apuro cara a Hydra, digo sen apuro porque a costa merece unha reseña nese libro da cervexa negra. Outros corenta e cinco minutos. E xa no piso, por fin, deitarme un ratiño no sofá, ovos fritidos con ervillas, e toda a tarde por diante para seguir co libro, tan bo que me fai botalo de menos xa antes de que se acabe, decididamente debo estar a me volver vello!

Sem comentários: