domingo, 29 de junho de 2008

O recordo con sales minerais


A vida corre tan apresa que parece que hai un millón de anos que decidiches que chegara o día de pechar a portiña pola que tanta luz entraba, e aínda teño na lista da compra como pendente de mercar o papel, o sobre e o selo para che mandar a carta manuscrita que nunca escribín. Son moitas emocións, e moi fortes, como din en francés, bouleversé, é como unha ola que te colle por sorpresa cando vas nadando cara á beira da praia, coas gafas de mergullar mirando o fondo, e de súpeto (ou tout-à-coup) chega ese acontecemento que te tira para abaixo e che dá unha chea de voltas e xa non sabes onde quedan o ceo e a area, nin o qué era no que estabas a pensar un segundo antes de que todo mudase. O mundo enteiro desaparece até que os teus ouvidos volvan recuperar o equilibrio, e ti aceptes todo o que con ese golpe perdeches, só conservas a vida, que non é pouco. É volver a nacer, e non o é porque non esqueceches o que pensabas dous segundos antes do maremoto. Esa tromba de auga salgada non lava, non limpa o cerebro de todos os recordos acumulados, os recordos traidores que fan lamentar a puta da ola a arrincarnos aquel mundo fermoso no que viviamos. Menos mal que non se consola o que non quer, e sempre hai un milleiro de frases feitas para axudarnos a aceptar que estando no mar, por forza, un día ou outro chegarán as olas. En fin, isto está feito desta maneira, non podemos inventar nada, golpes, desorientacións, e mundos novos logo de tanta volta, pero sempresempre fica o recordo que ás veces é doce... e outras salgado.

sexta-feira, 27 de junho de 2008

Fim de fim de semana


Ben, pois logo de dar unha voltiña polos enlaces dos meus blogues favoritos e preferidos, despois de camiñar tres ou catro kilómetros pola area, e outros catro ou cinco pola beira da estrada, tendo mil veces celebrado o bo investimento que onte fixemos ao mercar a crema solar, ben... pois vou preparar a cea (o jantar) que mañá comeza a semana e por fin volve haber choio do fino, do de rebentar o corpo e alegrar o corazón, que non se me dá ben o de enredar rañando o bandullo, soe facer que as horas se arrasten pesadas como elefantes que non dan pasado pola porta. Mas non, mañá voarán coma estorniños, e logo dunha ducha ás cinco da tarde baixarei tomar un cachiño de tarta e un cafeciño con leite ao carón do cimeterio, tan humilde, tan fermoso. Inchal.là!

Mikel Laboa. Txoria txori

Hegoak ebaki banizkion, neria izango zen, ez zuen aldegingo
bainan honela ez zen gehiago txoria izango
eta nik txoria nuen maite

Se lle cortase as ás, sería meu, non marcharía
pero desa maneira xa nunca máis sería paxaro
e o que eu amaba era o paxaro.

Si je lui coupais les ailes, il serait à moi, il ne partirait plus
mais alors il ne serait plus oiseau
et moi c'etait l'oiseau que j'aimais.

Se lhe cortasse as asas, ele seria meu, não partiria
mas desse jeito já nunca mais seria pássaro
e o que eu amava era o pássaro

Si le tallés les ales, sería meu, no escaparia
però d'aquesta manera ja no seria ocell
i el que jo estimava era l'ocell

terça-feira, 24 de junho de 2008

Pechando

Pechando as contras á noite, coa música enchéndome a casa, festexando cun día de retraso o san xoán, gozando deste ventiño fresco que pasa arrincándolles ás paredes a calor coa que van engordando durante estes días de bafo insoportable, nen aire deixan para que poida eu respirar. Agora si, corre unha airexiña que vale o que unha fontiña fresca agachada no monte. As cascudas xa hai tempo que non me visitan, e os mosquitos pasan e por sorte non topan o meu sangue do seu agrado, será que ando envelenado, mas só un chouiyá, somentes um bocadinho, que aos problemas hai que lles saber aplicar a técnica dos jívaros, e reducilos a un tamaño adecuado para podelos manexar sen demasiada dificultade.

E así remato o día, contente de escoitar as gaitas mesmo se é tan lonxe das fogueiras que onte á noite levaron a alegría ao país. O novo verán xa chegou!. L'été nouveau est arrivé!

Fim de semana em Tipaza (IV)

Fim de... em Tipaza (III)





Fotos desta fim de semana em Tipaza (II)




Fotos desta fim de semana em Tipaza (I)





segunda-feira, 23 de junho de 2008

Doutores

Ben, volvenme incordiar estas malditas moas, así que fun ao dentista, e aínda se lembraban de min, hai tres meses tirei alí unha moa que levaba outros tres torturándome, e fiquei moi contente coa profesionalidade da doutora, en dous movementos e fora, mas o problema é que eu para todo o que ten que ver co instrumental médico teño unha aprehensión tan irracional que me fai porme branco coma unha folla de papel cada vez que paso polas xeringas, taladros, tixeiras, bisturís... non é dor, só é unha cousa irracional que me fai quedar media hora logo do evento deitado nunha camilla a recobrar as constantes vitais. E aquí pensan que, sendo europeo, temo o sistema médico do país, e por suposto que non é iso, até o de agora topei con profisionais moi bos, aínda que para o meu gosto abusen un chisco dos antibióticos. Pasou algo semellante cando en Orán tiven que ir ao médico por unha uña que tiña machacado en Annaba, o home cría que eu non confiaba na operación por toparme nun país con menos recursos que o meu, pero non era isso, era que son un mixiriqueiro; con el tamén gocei dunha profesionalidade que xa me gustaría na Galiza, lembrei a saga de Noah Gordon, con O médico, porque me explicou perfectamente o que me sucedera, cunha lámina que tiña pegada á porta do quirófano, me recetou unha inxección para o mareo e outra de anestesia, para pór no dedo, máis as vendas, betadine, antibióticos... e me dixo: agora estou esterilizando todos os útiles, así que baixas á farmacia, compras todo, tómaste un bo café con leite e logo volves, e así fixen, e ao subir púxome el mesmo as inxeccións, e anestesioume, e procedeu, e ao rematar deitoume na camilla e, eu estaba bastante mal, como sempre, e esperaba o mesmo que na Galiza, unha media horiña deitado na penumbra, mas, sen avisar, de súpeto lanzoume cun trapo empapado unha chuva de auga fría á cara que me deixou como novo.

Pensei que aquí os doutores teñen menos medios, si, e gracias a iso exercen a medicina máis próximos ao paciente, para min os verdadeiros doutores, que non che mandan a un especialista, fanche eles mesmos todo.

domingo, 22 de junho de 2008

Taxis

Aquí os taxis non son exclusivos da primeira persoa que sobe, durante o traxecto van parando e recollendo xente, así ás veces o taxista trae un amigo no asento de diante e se considera normal o compartir desta maneira o transporte público. Eu tamén aceptei o sistema, e cando imos de camiño para casa recollemos outros clientes, afinal véxoo máis razonable, porque se todo o asento de atrás está baleiro é magoa non aproveitalo. E outra cousa é que se montas nun taxi que non leva a ninguén, tes que te pór no asento de diante (salvo se es muller), outra cousa sería anormal, mesmo de mala educación. Ben, así que tendo en conta o sistema de transporte en taxi, hoxe o Alí invitoume a traballar con el, non tiña nada que facer despóis das catro da tarde e andiven a dar voltas pola cidade de acompañante, levando xente a vilas dos arredores, e dun barrio a outro. Foi verdadeiramente relaxante, foi unha desconxestión para os problemas de burocracia e organización que últimamente me minan máis do debido. E así fomos até Reghaia, El-Biar, Didouche Mourad, Ruisseau, Sidi Fredj, Ben Aknoun; ah, tamén fixemos unha paradiña en Hydra, na miña casa, onde Alí e máis eu tomamos un par de cervexas, que con esta calor húmida sentaron de marabilla. Porque en Orán tes bares dabondo para tomar un trago haram, pero en Arxel... ben, aquí xa é máis difícil.

sexta-feira, 20 de junho de 2008

Deitado











Deitado por riba do edredón deixo que as liñas que debuxaron
o teu corpo e o meu
se crucen coas das miñas mans
mentres o perfume que traías vaime adormecendo
mol, abandonado á dose de cariño coa que me curaches
desta espera
péchanseme os ollos e ábreseme a boca
nun sorriso
e vou perdendo consciencia
esquecendo o caos cara a un mundo sen soños,
de paz

quinta-feira, 19 de junho de 2008

Lentilhas com vitela

outra dose, outro vaso, outra pílula, outro cigarro, metendo o complemento que o corpo non dá fabricado por si mesmo, unha vida mantida artificialmente, empurrada dende os catros pontos cardinais para que se manteña dereita, para que non se derrame polo chan e veña manchar de remorsos inútiles a conciencia. E así, avanzando neste fin de semana musulmán, dende primeira hora da mañá coa vasoira e a fregona, facendo que a plaqueta dos cuartos brille para que as cascudas non teñan motivo de instalarse aquí connosco, ele, o computador, e máis eu, para que simplesmente pasen e vaian buscar refuxio político na casa doutro veciño. Non é que non as queira, tamén me gustan os elefantes, pero nunca metería un no séjour. Tamén preparei algo para o xantar (o almoço) porque non, cociñar non é que me atraia moito, pero xa me decatei de que periódicamente a fame volve incordiarme, e a ensalada de tomates con sardinhas de lata estáseme volvendo intragable. Así que pese á calor que fai (e eu sen climatiseur!) optei por unhas lentellas con carne, de vitela, first quality! mas non había cebola, bolas! para dar un chisco de sabor, amáis dos allos fritidos, botei tomate, pementa e cardamomo no refogado. Ah, desta vez si que puxen as lentelhas a remolho, adianta moito o proceso de cocción (menudo descubrimento!) e agora xa chamei ao colega de Sanguinheda para que me axude a rematar coa pota, se se anota o de Moanha facemos unha festa. Xa non estaremos sozinhos este cabrón de computador e máis eu. Mas fáltame tempo para escrever tudo o que me inunda, corre o tempo rápido de máis, e as emocións, mesmo tan fortes, que me cobren coma unha vaselina viscosa durante un día enteiro, e maís unha noite, esvaran do meu corpiño arrastadas polo disolvente de novos sentimentos que tamén serán varridos pola sensación, por exemplo, de estar no río, a nadar contracorrente, cunha chea de rapaces dende a beira a tirar pedras. Qué máis ten! Há também fermosuras, mesmo se nestes días estan a escasear sei que han voltar pronto... sempre é assím, se tiver quinze anos poder-me-ia assombrar, porém já sei que isto é a vida.
Veña, biquiños para todos.

domingo, 15 de junho de 2008

Armas e poesía

O meu computador, a minha botelhinha de ron, a minha casinha quente demáis logo de tres días sen abrir. Por fin no fogar! Contente de voltar, foron días moi intensos, si, poderíase dicir que de traballo de campo, de recollida de dados para ter temas novos. E sim, sim, moi intensos, mesmo inesquecíveis. Sobre todo a noite que non pasamos no hotel.

Esa noite... estivemos nun sitio do que non podiamos sair, había alí unha muller chorando, había alí un home en zapatillas de casa chorando, había alí armas e miles de toneladas de prepotencia. Interrogados unha e outra vez, documentación, a un e a outro e a dez distintos . E cada un ía medrando alimentado das miñas palabras e da sua imbecilidade. A fame, a dor de cabeza, a sede, o sono aliábanse á incompetencia de tanto super-anano mental, e non podiamos sair.

E pensei en bocadillos, botellas de auga e mantas. Pero non estaba en Europa. E cando miraba o monstro enfermo coa sua porra branca, nervosa, chea de cicatrices de carnes mazadas e costelas partidas... pensei que non podiamos sair dalí... sen o seu permiso. E aguantamos a fame e a dor de cabeza e a sede e o sono.

As cousas misteriosas da mente, veume o recordo dun test psicolóxico que fixera hai vinte anos onde se preguntaba se prefería a) as armas automáticas, ou b) a poesía. Daquela xa lera poesía, gostara moito de Neruda, mas as armas automáticas nunca tivera unha na man. E entón, aínda que o brillo dese mecanismo puído me chamaba, optei por responder b). Porén sempre me quedara aquela dúbida de se fora totalmente sincero. Esa noite souben que nunca máis terei unha dúbida tan gilipollas. As armas están feitas para a dor, e soen paran nas mans dos sádicos que medran co sufrimento alleo. Subespecie do xénero humano (oxalá en vías de extinción!)

quarta-feira, 11 de junho de 2008

Meus inimigos


Volvo preparar a maleta e deixar ao pobre do ordenador aquí soíño, sen a conexión á internet, bah, son só dous ou tres días, espero que non se deprima moito sen min, eu farei o posible por esquecelo a el. E deixo tamén a casa, que dende que voltei me parece máis baleira que nunca, e iso que seguimos sendo os mesmos a habitala, el e máis eu, pero non sei, hai algo no aire, ou na luz, ou na pintura que se vai despegando da parede, ou nos segundos que van pingando monótonos do reloxo do recibidor... por sorte que a nevera está da miña parte e vén periódicamente coma unha ola enorme facerme esquecelos co seus tremores de frío... aínda que eles seguen aí, deixándose cair un atrás do outro, para que eu os escoite, decote.

Porque ainda que con optimismo nos convenzamos de que nada muda, coa miña capacidade sobrenatural de modificar o universo para adaptalo, asimilado e metelo na miña cabeciña sen que me destroce todo o que por alí teño, hai cousas que cambiaron, e xa non son quen de enganarme máis pensando que todo segue igual. E así o aire, e a luz e a pintura que se vai despegando da parede, e os segundos que caen ao chan e van esvarando formando charcos de tempo que se verten por debaixo da porta de entrada, que foxen desta casa en cataratas polos banzos da escaleira... así todos eles, meus inimigos, veñen lembrarme que na cunca que fixera coas miñas mans para enchela coa auga do mar, só fica o arrecendo do sal. E eu síntome como a viúva á beira dunha estrada deserta, agardando o coche de liña que nunca pasa.

segunda-feira, 9 de junho de 2008

Post culinário


Aínda as oito da tarde e xa teño unha fame de carallo! Os chocos e a ensalada do xantar non me chegaron a nada, e como teño fame e ganas de algo quente, ganas de encherme o nariz do cheiriño da cebola fritida, púxenme á obra, cortei en cachiños unha enorme, pelei uns dentes de allo, troceei un pemento e piquei finiño un tomate, metin todo na tixola, cunha pola de canela, cando estivo ben feito engadín o arroz e ao cabo de dous minutos boteille a auga, e mentres andaba a traballar na cociña pensei que te levarei sempre comigo a esa terra dos perdedores que é o recordo, a mil cincocentos kilómetros do fértil humus da vitória que faría medrar entre nós un mato de silvas infranqueable. E como o arroz xa debe estar listo e o meu estómago está que non pode máis, remato aquí este post culinário, onde se demostra que o amor e as cebolas gozan xa dende tempos remotos dunha estreita relación na que outro día tentarei aprondundar.

Andoriñas e bandeiras

Erguerse ás seis da mañá non é un exercicio tan duro como puidera parecer, sobre todo cando está o sol xa presionando contra a persiana do cuarto, lográndose filtrar entre as láminas de madeira, e que logo dunha ducha e un almorciño xeitoso, saes ao balcón e as andoriñas voan confiadas a dous metros da tua cabeza, acróbatas experimentadas, apañando mosquitos cunha precisión alucinante. E se volvo a cabeza cara á ponte de Hydra, as farolas están todas adornadas con bandeiras, tres en cada unha, duas arxelinas e unha... portuguesa. Estes detalliños fan que o día comece plutôt bien.

domingo, 8 de junho de 2008

Quand la logique est vaincue par le vent de la mer

î
Il y a des fois comme ça où il arrivent des choses auxquelles on n'a même pas rêvé, parce que l'on fait des calcules, des previsions, on attache le future avec des cordes bien solides, surtout pour ne pas avoir des surprises, et on se couche le soir avec le coeur en paix croyant savoir ce que le lendemain va nous ramener. Mais, mais. Très souvent les plans si bien dessinés, avec un petit coup de vent reçu sur la figure au coin d'une ruelle quelconque, deviennent des petits rêves innutiles, se dégonflent plus vite qu'un ballon echappant des mans d'un enfant. Et toutes les heures passées à composer une vie ordonnée et stable sont vite oubliées, entraînées par cette brise rafraîchissante qui arrive, comme toujours, de la mer; l'air qui frôle l'eau salée se sature d'iode, de l'odeur des coques tout juste sortis du sable et, bien sûr, de nouveaux plans que viennent, au coin d'une ruelle quelconque, buter contre ton cerveau pour réduire au néant tout ce qui était bâtit avec les briques stérilisées de la logique et le bon sens.

sexta-feira, 6 de junho de 2008

De queixas pola rede

Mi madriña, que a próxima vez fago a viaxe en bicicleta e chego antes! saín ás cinco da mañá da casa e ata as catro da tarde non cheguei a casa (ed-dar), a ver se a próxima vez me levan por Calcuta, para coñecer un aeroporto asiático!

Polo menos, que sempre hai que mirarlle o lado positivo ás cousas, puiden facer unha despedida da cristiandade en toda regra, tomei en Barajas unha tapa de xamón e unha caña que me souberon a glória. Xa estou preparado para o que poida vir.

E unha sorpresa surpreendente, levei unha camiseta vella e non me trataron de delincuente, e iso que cada vez estou máis moreno; hai días nos que un ten sorte. Aínda que para cando volte poño unha camisa, for if the flies, por precaução, por camuflarme. Non vaia ser que descubran que son un "bulto sospechoso". Porque... cal é a razón de que, de todos os que chegan no avión, só a min me fagan pasar a mala polo escáner? si, son sospeitoso de algo, algo vago, pero debe ser algo malo, menos mal que non levo o pendente, nin teño as mans tatuadas. Eles saben algo de min que eu non sei, ou que non quero saber. Saben que seguramente son un chisco antisocial. Pero eu xa hai moito tempo que me fixen unha razón para convivir coa humanidade enfocando o bo que ten e superando os momentos de crise que me fan renegala, como o tema do fracaso desta cimeira de teatro (ía dicir de merda, pero hai que coidar a língua) en Itália.

Ah, e xa que estou de queixas, e xa que tamén visitei o aeroporto de Barcelona, venme a cabeza unha ofensa que alí recibín xa hai anos, unha das piores cousas que me teñan dito, que tería que deixar de ser quen son se quería chegar a algo na empresa... claro que o único que deixei foi esa empresa, e quedoume un amargor no peito cada vez que volvía esta cidade á miña cabeza, menos mal que o tempo o cura todo e hoxe envexo o desenrolo que a cultura galega ten alí, e esquezo aquel ponto preto que fora tan grande como para cubrir toda Catalunya.

Xa co corazón descarghado síntome lene coma unha pluma de voitre!

quinta-feira, 5 de junho de 2008

Medicación sentimental de supermercado

Volveu a chuva, como un aviso simétrico tívena o primeiro día e téñoa o último. Sain facer as compras, como sempre un par de libros, un par de botellas, e desta vez unha novidade: visitando a sección de hixiene, que xa hai anos que se ten extendido na gama de produtos ofertados, comezando polo coidado bucal e rematando polos relacionados co sexo, porque por fortuna xa somos un país moderno e aínda que cada vez o pratiquemos menos, temos a hixiene e o pracer garantido por unha chea de adminículos que fan que esas duas veces (unha de verán e outra de inverno) conten por duascentas. Porén, o que me admirou desta vez foi ver que este estante xa tan ben fornecido se tiña ampliado a unha nova variedade que eu até o de agora descoñecía. Os sobres sentimentais. Había unha chea deles, dende envexa sá, a esperanza infundada, a solidariedade incondicional... eu, despóis de ler o modo de emprego e os efectos secundarios, fíxenme cun par de sobres de amor de vintecatro horas, que segundo os benefícios anunciados nos libra das incomodidades dese sentimento que nace cando quere e tarda logo demasiado tempo en morrer. A posoloxía indica que se debe tomar só unha dose de cada vez, de preferencia disolta en viño de calidade (non menos de 10 euros a botella) e sobre todo, sobre todo, sempre no medio das ceas, románticas, e por suposto acompañado. En poucos minutos fai xurdir un sentimento tan puro e intenso que creremos que a persoa que temos en frente é o complemento da nosa vida. A maior vantaxe da que se gaba o laboratorio que o fabrica é que nos asegura, se seguimos as indicacións ao pé da letra, a total desaparición destes efectos xusto un día despóis da inxestión sentimental. Os efectos secundarios indesexables contra os que nos advirten son, caso de equivocar a dose, ou tomalo durante unha cea de traballo, por exemplo, episódios esporádicos de ciumes desmedidos, saudades incontroladas, problemas de falta de atención... en fin, para curarse en saúde recomendan, ante calquera dúbida consultar ao seu psicólogo, ou senón a algún amigo con tendencia lóxico-pragmática ao estilo de Sancho Panza.
Xa veremos o resultado que dan!

quarta-feira, 4 de junho de 2008

O soño

Veu a xente de Mos e Sanguiñeda para me facer sair do tobo, e foi así que percorremos media ducia de bares da vila. Á final houbo que volver a algún deles recoller o portátil, tiñamos tanto do que falar que xa nos esqueciamos del. Ben, pero isto só é o histórico, o que quero contar é o soño que tiven despóis deste encontro, porque levo tempo sen soñar, ou se hai algún é tan insignificante que se dilúe antes de quitar o pixama. O desta noite si que foi diferente, e volveume ás dez da mañá mentres ía cruzando a ría no barco.

E foi que eu decidira tomar unha pílula para morrer, aínda que no soño non aparecía esta palabra, non daba medo, nin angústia, nin ningunha das sensacións que causa a morte, e xa non era a primeira vez que tomaba algo parecido, xa tragara comprimidos similares en duas outras ocasións, mais daquela o efecto tiña sido só temporal, apartarme da vida durante un período. Desta vez o colega arxelino que me pasaba o fármaco dábame a dose necesaria para que o resultado fora permanente. A decisión que tomara non fora dada por ningunha desesperación, era como se xa todo estivese feito e me botase na cama a esperar que o sono chegase. Ben, inxerín o remédio e púxenme a escribir (con caneta e papel) esperando que o meu corpo fose perdendo as forzas e pouquiño a pouco me fose apagando, desaparecendo sen dor, pero escribía e escribía e non chegaba a morte, só unha pequena debilidade nos brazos, e comezaba a inquietarme e a pensar que ao mellor, quizáis podería ter aprazado a data da desaparición, e esta preocupación foi medrando e medrando até me facer preguntarme se podería dar marcha atrás, se aquilo era certo ou só era un soño... até me facer acordar. E xa desperto pensei se aínda estaba a tempo de evitar a morte, e souben que non, que aquel medicamento xa principiara o seu efecto e paseniñamente iríame minando, conseguindo un día chegar a martarme de todo.

terça-feira, 3 de junho de 2008

Dentro


O mar, sempre tan fermoso, mas
o ceo que nel se reflicte
e as barcas
só son a maquillaxe coa que se
adorna
no silencio e na ingravidade
coñeces
que o verdadeiramente belo
gardao dentro
onde el é todo
e ti pouquiña cousa