Mostrar mensagens com a etiqueta resíduos de paraíso. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta resíduos de paraíso. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 13 de maio de 2011

Só o recordo

Aquela noite puxéranlle na mesiña, á beira do leito, un cigarro e un vaso de viño prohibidos dende había vinte anos. O vello fumou e bebeu e morreu esa noite mesma. Logo viñeron as correntes de aire frío a abrir ventás e pechar portas, as follas a arremuiñarse na entrada da casa, eran as meigas todas que tiña amado, acudían a recuperalo, agora xa só para elas.

Quedáronme as imaxes das maceiras, das ovellas, das tardes apañando herba xuntos, do palleiro, da bodega coas ferramentas de carpinteiro, dos homes a termar do boi mentres el o ferraba, e tamén esporádicas referencias ao traballo no naval que non interasaban aos oídos dun neno. A parte do seu mundo que se enredou no meu.

E non teño nin sequera unha foto, aínda que fora en branco e negro, ou desenfocada ou sucia e enrugada. Só o recordo.

segunda-feira, 18 de abril de 2011

reset


dende o sofá
encóllensenos os límites
non hai como o aire
para estiralos,
quedar sen folgos
cen veces
facer un reset

terça-feira, 12 de outubro de 2010

Vendima

Aquí sempre se vendimou en outubro
este ano non ía ser menos
na aldea os meus paraísos de adolescente
seguen intactos
herbeira elíptica ≈ 300 litros
de nostalxia