Ben, grazas ao comentário de Anabela Magalhães á entrada nh-lh na que botei ao aire unha pregunta bastante complicada, a posibilidade da sobrevivencia do galego sen achegar a nosa ortografía á portuguesa, grazas a Anabela estiven mirando un pouco de que trataba o do novo acordo ortográfico da língua portuguesa , aí onde está enlazado e máis na web ciberdúvidas, onde lin algúns comentários en contra.
Resumindo, a actual diverxencia entre o português de Portugal e o de Brasil naceu en 1911 cando a ortografía foi actualizada en Portugal sen ter en conta aos brasileiros. A partir de entón cada língua foi digamos que evoluíndo independentemente, e agora, cen anos despóis as diferenzas son tan grandes que semella que o novo acordo vai ter que ser metido con calzador, forzando bastante, ou con un chisco de violencia.
Agora vou eu ao tema das evolucións, para aplicarlla á nosa língua, o galego que dende a Idade Media comezou a distanciarse por motivos políticos si, mais tamén, quen podería negalo? por ter unha base lixeiramente distinta, sen influencia da zona musulmana do sur reconquistado. Se só cos 99 anos é tan difícil poñer dacordo unha lingua que se foi separando, que non será para unha que leva... qué sei eu, digamos 500 anos de distanciamento.
O facelo á forza, comezando dende xa a escribir directamente en porgugués, só provocaría un rexeitamento dunha parte importante da poboación que emprega o galego na escrita, non digamos xa da xente que sendo falantes habituais só coñecen a escrita en castelán. O galego e o portugués están hoxe irremediablemente afastados, e someramente expoño algunhas diferencias para explicalo
- no galego non existe a pronuncia do v, nin do j, nin do s, z sonoro,
- cando escribimos noso pronunciamos nosso
- para nós non ten sentido escribir desejo, pois que pronunciamos dessexo,
- nin jogo pois dicimos xogo. Non hai diferencia entre baixar e viajar (pronunciamos biaxar)
- si que temos un son a maiores, e é o ch, pronunciado como tch, de feito chamar nos non pronunciamos xamar, senón tchamar (idem para todos os ch)
- e, ademáis diso, o noso indefinido uma pronunciase como nasal velar sonora, nunca como bilabial (humano). Aquí escríbese como unha, e algúns grupos reintegracionistas póñena como umha para evitar a confusión cando se emprega o nh en lugar do ñ,.
- Non entro na problemática do b-v, iso é fácilmente modificable, xa que só temos un son para as duas letras (b), polo tantos énos o mesmo escribir libro ou livro
- o Z, admite as duas pronuncias, a do s xordo e a máis extendida do th inglés (fricativa interdental xorda)
Ben, partindo destas diferencias e visto que o galego aillado ten unhas dificultades tremendas para sobrevivir, tendo en conta a orixe común de ambas línguas sería moi interesante ir pouco a pouco adaptándonos a escrita portuguesa, sen modificar sustancialmente a nosa lingua, vamos, sen que o galego deixase de ser galego.
- Para iso é moi fácil facer desapareder o duplo L e grafalo como lh, non cambia para nada as nosas palabras: toalha, molhar, milho, atalho
- eliminar o ñ, (co único conflito de procurar unha nova grafía para unha-algunha-ningunha e as contraccións con de-en-con): castanha, pinha, medonhento, farinha
- adoptar todos os v portugueses, xa que a nós tennos igual. Lavrador, livro, palavra, ceive, erva..
- o emprego do hifen (o guión) para separar os pronomes do verbo (a pronuncia permanece a mesma): darei-cho (dar-to-ei), senta-te-me, chama-nos
- sería tamén posible o cambio da acentuación pasando lencería a lenceria, e estancia a estáncia
Polo momento deixariamos a un lado o duplo ss, pois xa vemos que non ten moito sentido, ao pronunciarmos igual casa que cassa.
Se tivésemos a cordura de aprobar unhas normas así para o galego, normas que poderiamos chamar indefinidamente de transición, aínda que non perderamos en principio nada da nosa língua, estariamos (case como falan os políticos) asentando uns alicerces ben sólidos para o futuro da nosa língua, e en consecuencia da cultura do noso pobo. Esta norma permitiría a fluidez entre os países de língua oficial portuguesa e o noso, e as expresións culturais galegas xa non terían que ser traducidas ao portugués e viceversa.
E o máis importante... de estar limitados a escasamente tres millóns de persoas, pasariamos a douscentos.