segunda-feira, 7 de junho de 2010

Os blogues da Idade do Bronze


Petróglifos de Mogor
Marín
Ría de Pontevedra
Galiza

sexta-feira, 4 de junho de 2010

Perigos

Nun día nublado de primavera, a dama paseando de vagar polo monte non repara nas flores que a espreitan.

Nos tempos antigos as xentes tiñan medo do bosque, dos perigos coñecidos e dos escuros perigos. Hoxe en día non é ningún risco adentrarse polo camiño fondo nas sombras húmidas, afastarse do carro e ir apagando a cada paso o ruído dos trebellos, do caucho, do aceiro, da fibra, do gasoil --hai trinta anos que morreu o derradeiro lobo da comarca. E contra o temor ao descoñecido sempre topamos a ecuación que o acota dentro duns límites estreitos, prisioneiro da nosa lóxica.

Mas os perigos agáchanse nas cousas fermosas para as que non temos defensa.

sábado, 29 de maio de 2010

Visita

na porta
da tua casa
mergulleime nun caldo
de café con leite e torta de améndoa
entrábame a vontade polos poros da pel
ese país que non existe
no código binário
unha nación difusa entre o cero e o un
un continente que non quere estar
nos libros de xeografía
quizáis así tamén sexa eu
pasar desapercibido, viver fóra
dos arquivos, de incógnito.
Aproveitando a visita saín
lastrado de novela brasileira
e poesía, á procura
das pontes que nos eleven ao un
das fontes que nos acheguen aos dous
sempre na distância
para ben ser, enchoupados de nostálxia
a buscarnos no horizonte do calendário
que lenta pasa a vida!
canto tempo sen o arrecendo
húmido do teu corpo!
e así, así mesmo
sígote amando por procuración
mentres o mundo que vou construíndo
se esboroa constantemente
deixando só un ronsel de borralla
o triste legado dun home triste
que te amou.
nada

quarta-feira, 26 de maio de 2010

Dia de chuva


Chove. A farola, o faro, a gaivota. A cidade difuminada pola chuva alá no fondo, na outra beira da ria. Chove pero non é inverno e en dez minutos voltará o sol a baixar o tempo de exposición. Non, a chuva non me molesta, ao contrario hidrátame os sentimentos.

Está ben que chova, axuda a lavarme dos residuos cos que me cobre o resentimento. É como prender unha vela aromática que fai que todo volte á normalidade.

O rencor é unha planta adaptada a ambientes extremadamente áridos, sobrevive aí, aparentemente lignificada, até que cunha excusa calquera saca espiñas novas, duras e afiadas como agullas, cheas de veneno.

Polo de agora volverase agachar nalgún recuncho do cerebro, pero sei que non desaparecerá, nin quero que o faga, que estea aí á sombra para lembrame os erros pasados, cando cunhas portas en trompe-l'oeil do paraíso reclutaban cidadáns exemplares para a dereita espanhola.

Que chova cinco minutos máis.

segunda-feira, 17 de maio de 2010

Dia das letras

Hoxe mesmo o oso saiu da sua caverna
(o oso son eu, b.s.)

quarta-feira, 12 de maio de 2010

Tormenta - tempête


Todo é cuestión do ponto de vista
Se vas na cuberta dun transatlántico, cunha copa de martini na man
só notarás o mareo que che poida procurar o alcool
Se cruzas nun barquinho de pasaxe, moveseche un pouco o mundo
quizáis sintas inquietude se non estás afeito
Mas se estás nadando, lonxe da beira, as ondas a abanarte coma o tapón dunha botella
o ceo parecerache o preludio do inferno

quarta-feira, 5 de maio de 2010

lovely piper - bonita gaiteira


Gaiteira e pandereteiras da banda de gaitas Tromentelo, actuando este domingo pasado na festa do muiño de Coiro (Cangas, O Morrazo, Galiza)

Prémio da Anabela


Muito obrigado, Anabela. (Anabela Magalhães, bien sûr)

Mesmo se está um bocadinho descuidada, agradeço que tenhas pensado em esta minha casa na rede.

E das condições do prémio... já sabes o pouco expansivo que sou.

beijinhos

terça-feira, 27 de abril de 2010

Medidas individuais para evitar a desaparición do galego

Este post téñoo atravesado dende hai uns días, prometín que o escribiría e non me sae nada potable.

O primeiro que eu podo facer para que non desapareza o galego é deixar o tabaco. Iso aumentaría a miña esperanza de vida, e, como é sabido, mentres haxa un só falante dunha língua non se poderá considerar ésta como extinta.

Para conseguir que se invirta a tendencia da perda de falantes, e tendo claro que unha sociedade só segue modelos exitosos (com sucesso), teríame que facer unha persoa de éxito, qué sei eu... facerme rico, ou algo semellante, facerme guapo, facerme intelixente, etc. E que se vise que si, este home "que vive en galego" é rico, guapo, intelixente... Pero o problema é que nunca foi o meu obxectivo chegar a ser un Rockefeller, nin sabería como, para o de guapo precisaría gastar unha milhonada na ciruxía estética, e para o de intelixente, teño que consolarme co da intelixencia emocional, que a vida é moi ancha e non só de facer ecuacións vive o home.

Disculpa w. sobchack, pensei que ía topar algunha idea brillante, pero non me vén nada mellor.

Poñerei un consolo mínimo, un microconsolo. O francés é unha língua (cultura) que coñezo un pouco, non moito, non vaiades pensar (falo un francés que non acaba de perder o sotaque galego) e sendo como eles son unha potencia mundial, calquera estudo científico téñeno que publicar en inglés, a língua francesa está fóra de xogo no eido da investigación.

Pensarei máis no tema, pero non prometo nada

sexta-feira, 16 de abril de 2010

Perda de falantes para o galego

Ao final ía ter razón o pesimismo de Alonso Montero con respecto ao futuro do galego. Ben é certo que o do pesimismo é unha arma que temos para conxurar as desgrazas futuras, para que as cousas vaian mellor do que tiñamos calculado, só que nada vai mellor e as previsións da agonía non conseguen evitala.

Hoxe lin, mentres tomaba un café (comme d'habitude), o xornal El País e sorprendeume este artigo sobre a perda de falantes na nosa língua. Aínda que as enquisas sempre hai que miralas con lupa, sobre todo hai que se fixar ben en quen é que as paga e en como se fan as preguntas (no ánimo de orientar as respostas cara onde lle interese ao pagador). Aínda así non vou facer como os políticos perdedores na noite das eleccións, os resultados son claramente negativos.

E, por outra banda, tampouco creo que se poida atribuir esta perda ao novo governo de dereitas da Galiza, nin a esa asociación de defensa do castelán (espanhol) no noso país (como se estivese ameazado o máis mínimo!). Xa as enquisas lles quitan a razón, non hai por que defender algo que ven subindo como unha marea sen preamar. A política e a sociedade parece que van por dous camiños moi distantes.

Sorprendeume o ver que Vigo é a cidade galega onde menos se fala a língua (ben, logo de Ferrol, a cidade que foi dos militares). Aínda que nas parróquias, a zona semi-rural, se manteña o seu uso, na própia urbe emprégase de xeito minoritário, mesmo nos ambientes que tradicionalmente foran de maioría galegofona (non sei se existe esta palabra!) xa se converteu en rara.

Enfin, non me vou facer o harakiri, fareime o anakiro.

Tampouco vou desesperar e pasar a escrever o meu blogue en inglés, como fai algunha xente, (a primeira dificuldade é... que non sei o inglés!)

Agora xa podo dicir:
cariño, sonche unha minoría, protéxeme, coida de min!