sexta-feira, 21 de agosto de 2009

Un paso adiante, dous atrás. Matemáticamente non hai avance

-Oyes, mira, cuando esteas en antena podrías hablar castellano
-Non, non é necesario, aínda que ti fales en castelán eu enténdote ben, e ti enténdesme a min en galego.

Isto foi hai unha chea de anos, fai parte dos meus recordos de cando ía como un tanque abrindome camiño.

Non sei se cambiaron moitas cousas. Penso que o galego segue sendo a língua da loita dunha banda e a dos discursitos da outra, mas afastandose da sociedade a medida que ésta é máis urbana.

Eu, que son así de autista, fago como se nada e vivo como se houbese normalidade lingüistica. Mas que fai unha pinga soa na ría?

Flipo cando escoito nenos falando en galego (e non son os meus)

Haberá esperanza?

(a resposta, para que me entendan os dirixentes da Galiza: I don't know!)

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

O río


Este río é xaponés, ou poida que chinés. No bater contra as pedras vai criando unha zona de baixa influência electromagnética, unha especie de no-man's-land onde as conversas poden escorregar por carreiros nos que nunca aparecerá o (teu) traxe de xuiz ni a roupa interior das (miñas) amantes.

O río cóbrete de minerais, úntate de marmurios relaxantes, masaxeache os músculos tensos cos verdes transparentes das suas augas. Será chinés, ou poida que xaponés. O río lembrame as tendas francesas onde venden a paz embotellada, sons de paxaros para espertar de bo humor, aromas desestresantes... tendas para enfermos dos que saen a moreas nas grandes cidades. Aquí non. Aquí xa temos o río que cura, amoléceche os circuitos do cerebro, permeteche esquecer o que ti queiras, xa sabes, remanso de paz. Un remanso non é a vida, só unha pausa. Necesaria.

Mentres coa voz imos facendo avanzar as horas, as nenas saltan da corda pendurada dun ameneiro, traxectoria circular polo aire e caida vertical na auga. As miñas sílfides. Poden ficar abraiadas durante dez minutos diante dun remuiño de dous centimetros de diámetro á beira da presa. Ou mergullar dez veces por minuto para apañar a area fría do fondo.

Claro que estamos no verán, estación propicia para escurecer a pel e branquear a alma... ou o que quede dela.

sexta-feira, 7 de agosto de 2009

A casa dos libros

Na casa dos libros facíase o amor no chan enriba das alfombras, mentres da planta baixa chegaba unha melodia de piano ou de clavicordio.

Todas as estancias estaban, e seguen estando ocupadas por milleiros de libros. Só quedaban, e quedan, os baños como reductos sen conquistar, mas a falta deles as fotos das montañas levábanme os minutos do paso diário obrigado aos glaciares, aos circos, ás neves eternas.

Os libros están na meirande parte escritos en francés, aínda que tamén os hai en inglés, espanhol, latín, alemán... nunha das visitas comecei o Discours de la Méthode, mas ás poucas follas cambieino por un método de italiano, que tamén abandonei para ir esnifando outras obras; ante tanta variedade non é un quen de se fixar un obxectivo. Nesta última estadía topei un de Poe, do mil oitocentos e pico, en inglés, titulábase Poesies, pero o meu english level fica a ras-do-chão, penso, logo deixeino. Fun até ao centro, a mellor libraría da cidade e logo de hora e media de pracer merquei unha novela, Les yeux jaunes des crocodiles.

Na casa dos libros hai debuxos de vilas medievais, árbores xenealóxicas, fotografías da cidade hai cen anos, mapas antigos de Bretaña (en bretón), medallas dos antepasados, cadros do século dezanove (xa sabes, eses normandos), unha escaleira de madeira que rincha, revistas de música, cuartos con cheminea, mobles retortos e unha foto miña de hai algúns anos, co pelo ridículamente (agora o vexo!) longo e un pendente na orella esquerda.

Tamén ten un precioso xardinciño con estanque e poissons rouges, mas fica fora das catro paredes onde moran tantos libros.

sábado, 20 de junho de 2009

Google

Hai xente que nos chama dialeto
até que ven o windows ou o google
en galego
Outros non cren que estea a chover
até o veren na tele

sexta-feira, 19 de junho de 2009

Despedida

A música é A vava inouva de Idir. Xa sei que o cantante é cabil e as fotos son da wilaya de Constantine, que non é amazight, mas a canción ten o puntiño de melancolía que lle presta á despedida. Encántame esta paisaxe. Ao rematar o traballo aproveitei a viaxe de volta para facer algunhas fotos, sempre co móbil, dende a ventá do tren.

segunda-feira, 8 de junho de 2009

clépsidra

Do pouco que che puiden dar

nin todo cho din

nunca cortei de todo os cabos

xa cho dixen,

a eternidade duraba un minuto

o malo desto todo

é que eu o dixen

mas non o entendín

tan ben coma ti.

E todas as historias

de homes na cadea

de vodas fracasadas

de fillos que che atribúen

non fixeron máis que

amarrarme máis

a ti.


As imaxes do teu pasado

como pingas ían chegando

descolgandose do teito

no que viven quen te coñecen

meu amor

Eu só creo a tua versión

da hora na que estamos xuntos

na cama ou no parque

só creo que tamén me amas

e tiven medo aos coitelos

que agardaban na rua

o pulo dunha sobredose

para limpar as conciencias

co meu sangue de rumi

como na crónica

dunha morte anunciada

todo o empurraba.


Teño medo da soidade

no resto das horas

nas que non estou na cama

nin no parque contigo

e busco agarradeiras

alguén que estea sempre

aí.

Mas non hai ong

para estes casos

e gaveo polas horas

de cada día no que

desapareces.

Non sempre

case sempre

a meirande parte das veces

son eu a parte danada

só por egoísmo

supoño

tras o ponto e final

cada un remoe

a sua dor

en silencio,

até facela dixeribel

asimilala

xa ten acontecido

o silencio cos seus ácidos

amolecera até as pedras

e quedarásme debuxada

cicatriz de media lúa

no invisibel do recordo.


Cada imaxe que foi subindo

cachos do teu pasado

até ao meu presente

paseniñamente

case imperceptibelmente

foime rodeando

até aceptar a derrota

de precisar do teu corpo

para que existisen

as semanas e os meses

teu corpo clépsidra

ou area do deserto

ou reloxo de parede

teu corpo deixará

de marcar as horas

marca indelébel

na transparencia do recordo

tiC, Tac, Tic, taC

te foches mas

aínda estás.

sexta-feira, 5 de junho de 2009

Versións de Windows

Windows Industrial Revelation

Windows Green Leafs


Windows 999 night(mares)



Disponiveis também em línguas camito-semíticas

já nas bancas!


quinta-feira, 4 de junho de 2009

Pontes


Din que se quedas un bo rato aquí, dende onde tirei a foto, ou nos arredores, podes ver xente voando. Non me estraña, nas pedras destes cavorcos aniñan a soidade e o desespero axexando o paso dos humanos que nasceran sem ás.
É a ponte Sidi M'Cid, en Constantine.

terça-feira, 2 de junho de 2009

Prémio da Conxurada


Tinha pendente colocar o premio da Conxurada, levo unha temporadinha con tanto choio que non topaba un momento para copiar a imaxe e escribir algo. Os tres posts anteriores son rescates dos rascunhos. En fin, manhà tomo un descansinho en Arxel e non quero marchar sen respostar a distincion que me fai ela, a poeta que nos fai a boca auga. Como sempre non sei a quen transmitirlhe o prémio, bah, qué mais ten.
Os poderes maxicos que quereria ter, buf, sonche unha chea deles, mas asi de sùpeto dous, què sei eu, falar cos animais e voar coma os paxaros. Por ponher dous que se me ocorren agora mesmo.
Un biquinho, Conxurada

sexta-feira, 29 de maio de 2009

Muletilla incongruente

Estou sen internet e tentado escribir algo que non conteña queixas, só un retrato de costumes e paisaxes do país que xa é o meu segundo fogar; como a todos os fogares, sempre lle topo unha chea de defectos mas non por iso o quero menos.

En fin... muletilla que non quere dicir nada, amáis situándoa no principio do texto resulta algo incongruente. Mas enfim... maneira de deixar todas as posibilidades abertas. Saín onte á mañá de Orán, en tren até Arxel, noite na capital e hoxe avión a primeira hora da mañá para Constantine. Falei con tanta xente que xa esquezo quen me dixo que, mezclo o niqab e o djelbab, coa situación do traballo, os plans de futuro, as conversas nas tres cidades, sen lembrar en cal delas oín aquela palabra nova. Iniciei a viaxe co espírito positivo, procurar respostar con humor á adversidade, como se fai nesta terra, única maneira de non desesperar. Deu bastante bo resultado. No avión, xa ao pouco de sair de Huari Boumediène comezan as montañas da Cabilia, adornados os seus cúmios por ringleiras de casas coidando da estrada, alá ao fondo o mar, alí tamén vin Béjaia, Buxia, Bougie, ou como queira que se lle poida chamar á capital da pequena Cabília, nunha beira da sua baia, auga azul con verquidos marróns dos ríos. Logo virando cara ao interior, pradeiras verdes nun terreo ondulado, xa case chegando a Constantine. Aproxímase á pista o avión, xusto antes de tocar terra, un silencio dun segundo, se ven a morte qué se lle vai facer, algún día ten que ser.

Ainda que agardei un chisco polo transporte, e non había reserva nin praza no hotel, tomeino como algo natural, que non sexan organizados para dar unha chamada de teléfono á recepción é o máis normal do mundo, nin enfado, nin queixa, é así, xa fora así a anterior vez e a outra, unha vez que te afás xa non sufres. É inútil, é como o que lle reprocha ao ceo de chover cando tiña pensado ir pasear.

Penso no pouco que me gusta o futbol, o que limita moito as conversas coa multitude de afecionados do Barça ou do Madrid. Tampouco os xogos de cartas, o xogo en xeral. Nos meus defectos, na condescendencia da que me acusan, do medo a ser sincero, sempre do medo a ser deixado. E cando escollo a franqueza resulta que son demasiado brusco e podería perfectamente ter disimulado a verdade afiada que abre fendas na pel lisa das amantes. Outra contradicción, eu só quero unha muller, como podo ter amantes? Quero dicir só quero unha de cada vez, e só se a quero e me quere desexo que nunca acabe... non sei como pasa pero sempre remata, non sen unha boa dose de sufrimento, mas non hai nada sen esforzo, ou contrapartida, pode parecer primitivo sen embargo téñoo empíricamente comprobado. Mente portentosa que me tocou, semi-científica, semi-romántica, semi-comprometida, semi-egoísta, semi-desleitada, vamos, totalmente en consonancia cos tempos nos que vivo, onde se lle quita a metade da sustancia ao que comemos para que entre nos parametros da modernidade, ese concepto que xa é máis vello que o meu visavó. Cerebro ultra-supra-post-moderno. Non se me ocorren máis prefixos.

O caso é ir tirando. Vale, o caso é que cada un busque o seu destino, o meu é tirar, coma unha burra pequena arrasto a carga que me boten. Como unha burra tamén dou couces, pero couces case inofensivos, deses couces que dan as burras pequenas.

Nin sequera podo dicir que nunca me chamaron cabrón. Porque até as conviccións máis profundas se profanan ás veces, e o de non facer dano chega un día no que é imposibel de cumprir, móvaste cara onde te movas vas empuxar alguén que está moi cerca tua.

Fini cette connerie. Voilà, je ne vais pas me confesser comme ça, gratuitement, cela ne sert pas à grand chose si ce n'est pas à fermer la porte de cet espace.