sábado, 26 de julho de 2008

Dégoûté

A inspiración chega coa fame, co sono, coa fatiga. Logo dunha fin de semana mortífera, viaxes e máis viaxes, e calor, e fame, e pouquiñas horas de sono, e o desprezo, sobre todo iso, mentalidade cativa, así noutros sitios se avanza, e aquí séguese o protocolo, qué importa o que se faga! o que importa é o que se diga ben dito, aínda que se fale da traxectoria dunha folla caíndo da árbore, iso conta máis que a solución de problemas. Mundo cruel, mundo de apariencias, mundo miserable que te me apareces espido con todas as tuas taras noxentas así á vista, dégoûté de toi! je suis dégoûté de toi!
...

E hoxe volvo ao blog, non era para tanto, só que se van acumulando unha arriba da outra as indixestións, son tantas as diferencias que somentes cando chegan unha por unha, espaciadas, dounas asimilado, mas os días nos que veñen por parellas se me atragantan, non son quen de soportalas.

Supoño que a calor e a falta de medios fan tamén parte destas caídas no desespero. A ver cando volve dunha vez a chuva e marcha esta calor húmida que me cola a camiseta á pel, que me rebenta, que a ducha non consegue tornar máis que cinco curtos minutos.

sexta-feira, 25 de julho de 2008

Tristura


Foi onte que me crucei, a cen kilómetros por hora, coa pobreza, esa puta á que lle gusta rodearse de bolsas de plástico, chapas de lata ondulada, uralita e bloques, mesmo que tamén é coqueta e se adorna con antenas parabólicas, esa puta que ten aos seus meniños ben entrenados no lanzamento de pedras ao tren, e que mesmo é xenerosa e premia à sua xente con enfermidades inconfesábeis, con empregos de I+D nos basureiros das grandes cidades, con grandes índices de natalidade e curtas esperanzas de vida.

Iamos a cen kilómetros por hora, acompañando á oligarquía que vive allea ao que aparecía pola ventá, só interesada nos dólares que saen a cachón polos furos do deserto. Baixamos a cortina para que esa puta incómoda non viñera manchar cos seus fedores a tapicería azul dos asentos novos.

E alí ficou ela, soa, preparando unha nova xeración no tiro de pedra e na travesía do Mediterraneo en patera.

Puta, puta pobreza.

terça-feira, 22 de julho de 2008

De notarios

Asinando contratos escritos en árabe, nos que só entendo os números e o meu nome na portada. Iso si, os tempos de espera e as tarifas son moi similares ás da Galiza, e a profesionalidade tamén foi de apreciar, todo foi lido en francés e explicado en detalle, na procura de que o cliente saiba de certo qué é ao que se está a comprometer, claro que o decorado non é o mesmo que na rúa Colón de Vigo, un detalle sen importancia. Pois iso, que renovei o aluguer deste apartamentiño no que dende hai xa SEIS meses convivimos o computador e máis eu, xa sabía eu que o de marchar só medio ano a este país era únicamente o engado para conseguir que alguén se decidise a dar o paso de deixar a comodidade das suas rutinas, da sua familia, do seu ambiente, para virse perder nun sitio no que en principio non había moi boas espectativas, e que en realidade, unha vez que se coñece o sistema, xa se está certo de que non hai moi boas espectativas. Un que é un impaciente e quere facer as cousas agora mesmiño, xa, e non pode ser, hai que ir pasiiiiño a pasiiiiño, aprender a esperar, a resolver o traballo dun día nun mes, que seica deus fixo o mundo en sete días, pero o deus deles debeuno de facer en sete anos. En fin, hai tantas cousas que non entran polo ollo dunha agulla!

domingo, 20 de julho de 2008

Duas vistas parciais

unha de Orán, a praza de armas, e outra miña, a parte de arriba do corpo, a que ten a cabeza.
Fíxoma Rachid, estou no balcón da sua casa, por suposto en Orán.

Deux vues partielles, une d'Oran, la Place d'armes, et une autre la mienne, la partie supérieur du corps, celle qui porte la tête.
C'est Rachid qui me l'a faite, je suis chez lui au balcon, bien sûr, à Oran.

O que máis me gustou de Londres

- y luego, qué fue lo que más te gustó de Londres?
- bueno, pues si te soy sincero, además de los monumentos y puentes, y museos, y parques, lo que más me gustó fue el raposo que vivía en el jardín de mi cuñado.
- coño! no sabía que estuvieras casado!
- el raposo tampoco, hasta que me vió con la mujer, te son listos de carallo, por eso se dice fino como un raposo, o como un allo.
- si que lo son, porque también podería pensar que era una prima, o una amiga.
- saben latín, estes bichos!
- mas bien saben inglés, sobre todo viviendo en Londres.
- bueno, hombre, era una manera de hablar.

sábado, 19 de julho de 2008

Return to my onions


Coa banda sonora de fondo dos neumáticos dos carros contra o asfalto, ziuuum, ziuuum, algún cláxon ao lonxe rompendo a monotonía, os paxaros facendo os acompañamentos xusto abaixo da ventá, no oued, e o ladrido dun canciño amortecido polas árbores, foron pasando as horas desta tarde na que despóis dunhas semanas quedo, de novo, só contra o computador, cómo te botaba de menos, meu ben! meu tesouro! Sobre todo agora que volveu a conexión e es a miña ventaíña ao mundo.
Tanto me faltaches que, non podendo soportar a tua ausencia, me din á bebida e pasei noites de exploración da miña capacidade de resistencia na cidade do pecado, entrando en antros nos que dificilmente me arriscaría só, e nos que non será doado volver a entrar; as cascudas gaveando polas paredes forradas de veludo vello de sesenta anos asistían, xa curadas de espantos, a todas as transaccións ilícitas que alí tiñan lugar. Sen embargo, as ceas acompañadas cunha botella de tinto de Marrocos conseguiron facerlle un sitiño no meu corazón aos dous leóns... claro, e o couscous do domingo tamén.
Se non hai novidades dareille un merecido repouso ao fígado, fartareime a facer combinacións de cebolas co resto dos alimentos, cebolas con tomates, cebolas con arroz, cebolas con patacas, cebolas con ovos, cebolas con allos e pementos, cebolas fritas e crúas, con perú e vitela, con sardiñas e frango, cebolas! Bolas!

quinta-feira, 17 de julho de 2008

Atendendo o blogue

quedou desatendido o leite que quentaba para preparar un cafeciño, coa chuva caída hoxe apetecíame volver aos praceres do inverno. Cando chegou o cheiriño sospeitoso pensei que viña do veciño, aínda botei un rato até reaccionar.

Cicatrices

... e será que ten que ser así e a vida sexa acumular cortes na pel, e pasando a lingua por eles consigamos unha imaxe holográfica daquel coitelo que no canto de cortar a cebola, veu parar contra o óso do dedo.
E hai noites como esta na que todas as láminas afiadas que se meteron na miña pel vólvenseme a aparecer no momento xusto no que abriron o camiño do recordo.

Botánica e ferros

Domingo de comida familiar, coa mesa, como sempre chea a fartar, ao gusto de todos.
Logo do café paseios polo xardín, coa ría alá abaixo, enchendo de flores o cestiño do meu móbil, e de graxa as uñas das mans. A nai segue coa sua paixón polas plantas, o pai continúa cos seus proxectos, sempre avanzando, ferros, motores, mecanismos... mágoa que non tivese estudado enxeñaría, teríalle tirado máis proveito do que eu. As pequenas pasaron a sobremesa entre as polas da sobreira e o baixo da casa, xogando, como debe ser. Visita tamén ao galiñeiro, e ás plantacións de tomates, ervillas, pementos...
Volvemos co bandullo cheo e o no maleteiro leitugas e uns litros de augardente da casa.
Resistentes da sociedade de consumo, meus pais, como dous modelos ideais de filosofía, mesmo opostos, pero convivindo dende hai máis de corenta anos, misturándose, o amor gratuito da botánica dela, a habilidade del para construir e reparar calquera cousa. Dous mundos que me foron façonnando tal e como agora son.

Herba cortada

Só vivín durante dous anos naquel edificio, o que está á beira do parque, foran anos de soños e de esperanzas, a carreira estaba rematando, o mundo aínda tal e como eu o imaxinara de pequeno, sen embargo un dos mellores recordos que me quedou daquel tempo nada ten a ver cos estudos. É o da cortadora do céspede, a empregada do concello que viña regularmente coa máquina de gasolina con ese ruído monótono espallando o cheiro a herba cortada. Sempre traía roupa de traballo, unha funda azul marino, e non era un físico de revista pero tiña algo encantador, o sorriso, ou qué sei eu. Non se limitaba a cortar a relva uniformemente, contra o final, no centro daquel cadrado verde deixaba unhas zonas coa herba máis alta. Véndoo dende a rúa apenas notabas diferencia pero dende as ventás do meu piso mirábanse un debuxos, eran unhas ás, un peixe, unha lúa, un corazón, cada vez un distinto. Hoxe estou seguro que todos os homes que alí viviamos criamos adicado aquel detalle a cada un de nós, e no silencio da cama ou no ruído da ducha aposto a que os outros tamén a pensaron moitas veces.