Foi ao mediodía cando se produciu o incidente que vou contar, nós, os desprazados, Belkacem e eu, estiveramos media mañá fedellando coa nova máquina para cortar o cristal roto, eles, os "titulares" do centro, Rachid e Sebastián, estaban coma abellas dando voltas arredor do tren, atacando todos os puntos fracos, e aturando ao mesmo tempo ao cliente, non os envidiaba. Rematamos a primeira fase e decatámonos que o deixar a terceiros o suministro de material foi un erro, pedimos auga e trouxeron vinagre, así que marchamos á vila buscar o sikaflex, on n'est jamais mieux servi que par soi même. Ao volver, xa antes de entrar no taller atopamos ao responsable do centro que nos anuncia o roubo do teléfono de Rachid, e agora que o penso, si era un modelo bastante recente, un pastón. Nada, o traballo empantanado, comisión de investigación, reunión dos xefes, charla, discusión, policía... en fin, nós agardando que o lío rematase para poder continuar coa faena, mentres tentaban dar unha saída a un feito que non tiña marcha atrás, chamaban ao seu número pero xa o novo propietario o apagara e tirara coa tarxeta, aínda así eu decidín comprobalo por min mesmo, e fixen o que xa todos tiñan feito, unha chamada ao móbil de Rachid, e aí foi onde se me romperon os esquemas, porque el, que estaba a cinco metros de min, no miolo das acusacións e os reproches, nervioso e un pouco desesperado, respondeu á miña chamada e con toda naturalidade preguntoume se nos faltaba moito para volver porque querían mover o tren, e eu estábao vendo alí á miña beira e estaba escoitándoo noutro mundo paralelo ao que eu nunca retornaría, do mesmo xeito que o seu teléfono non voltaría ao seu peto. Imaxino que nese universo do que marchei deben estar como tolos buscándonos, xa estará a embaixada informada, e seguramente saia a nova no telexornal , quixen sabelo de certo e marquei outra vez o seu número, pero xa non responde, xa os nosos mundos se separaron definitivamente.
Nota: ningúnha das persoas que aparece neste texto é inventada, nin paguei dereitos de autor para traelos aquí, só os invitei o outro día a un café, espero que iso chegue.
2 comentários:
venho de descubrirte.volverei pronto. traerei pan e tabaco para a próxima. beijo.
Chouette! Trae tamén unha botelliña de ron que a que teño estáseme acabando e neste país non o dou encontrado
Enviar um comentário