Esta noite veu unha chuva de lama que deixou o balcón perdido, e eu fregárao onte á mañá! Xa me parecía a min que tanta calor no mes de abril non era normal. Polo menos limpou a atmosfera e supoño que aumentaría o nível nos encoros, alá na Galiza é un tema que me preocupa, cando paso por Zamáns e está cheiño, dá ghloria velo! Dende o mes de febreiro, ao inauguraren a planta de desalinización da auga do mar, xa case nunca teño falta dela na billa, nos outros barrios só a tiñan a metade do día, neste non, este é o da elite e supostamente o subministro era contínuo, só que ás horas puntas de consumo saía un fiíño que non chegaba para prender o quentador de gas. Agora chámanlle H24, cando mo dixeron pensei en H2O, hache-vingt-quatre, dixen eu que ao mellor a do mar saía reforzada en hidróxeno, pero logo xa me explicaron, agora haina todo o día. Por iso, por iso vense tantos depósitos nas terrazas e balcóns, gardar para cando non hai.
E falando das peculiaridades deste barrio, ben, a maioría das embaixadas están aquí, e xa me contaron que tamén o subministro eléctrico está asegurado por unha liña individual, independente do resto da cidade, nós e a residencia do Bouteflika, téñome que sentir honrado por este tratamento de favor. Mais nada é gratis, o aluguer custa o dobre que na parte baixa, ou o triple, en todo caso bastante máis caro que en Vigo... e cando digo que ten 300.000 habitantes desprézanma, pensan que é unha aldea, claro que aquí son arredor de tres millóns. Só que hai que lle aplicar o de "burro ghrande, ande non ande". E o caos urbanistico desa a miña cidade que medrou ás carreiras vexoo dende aquí coma un defecto moi pequeniño. Quen lle dera a Arxel! Vigo, a metrópole da miña infancia, a cidade-aldea, a cidade obreira.
2 comentários:
3 millóns! pensaba que era máis pequena.
(ainda cos tres millóns a miña ignorancia é moito máis grande)
Estame a pasar con este blog teu, un pouco coma me pasa coas series que me gustan:
por un lado quero avanzar para ver como acaba, e por outro quero que me dure.
Hoxe custoume traballo non ir directamente á última entrada do teu blog, a destes días, pero non quero, pasou tempo, cambiarias, seguro, xa non serás un blogueiro inocente coma aquí. Gústame este mozo soíño en Arxelia que vou descubrindo. (non temas, non te estou a trastear, que sonche coma túa nai)
Isto sorpréndeme, porque non vexo eu así este blogue, como unha historia que vai evolucionando. Só pasaron dous anos dende este post, e penso que son o mesmo. Non creo que sexa un blogueiro inocente, penso que son un home inocente, levo toda a vida séndoo!
Ben, como ti estas a ler concienzudamente todo, xa me dirás o que che parece cando chegues ao final.
Enviar um comentário