... levo xa doce anos casado con aquela morenaza de ollos negros e carnes firmes, que fodia coma unha leoa, sincera, a sua necesidade atrapoume e alí me embarquei con ela, aínda que tiven que mentir só foron palabras, qué máis daba, e máis a min importábame ben pouco aquela profesión de fe, que Alá era o único Deus e Mahoma o seu profeta. Tería dito da mesma maneira calquera outra cousa, para min non tiña ningunha importancia, mesmo me estrañou bastante que os outros lle deran tanto aquel a unha frase dita por min. Aquela travesía logo se torceu, máis rápido do que se podía imaxinar, se é que cando se nace con mala sorte non hai xeito de endereitalo. Primeiro pechou a fábrica de rodas, agora facíanas máis baratas os chineses, botei meses arrastrándome con traballos mal pagos. Os pequenos, xa tiñamos tres daquela, comían mal, andaban sucios e necesitados. O Danieliño morreu moi pronto, apenas chegaba ao ano de idade, non había cartos bastantes para curalo, desnutridiño como estaba. Todas as noites volve á miña cabeza, non me deixa, nin nos dous anos de cadea conseguín esquecelo. Se puidera volver a comezar... pero nunca se pode, para qué soñar. Por un asunto miserable, duns poucos de miles de dinares, cazoume a brigada contra o narcotráfico, aí, se xa estabamos na merda, comezou a baixada ao inferno, para min e para ela, eu terei secuelas de por vida da miña estadía no caldeiro, ela sei que cando os pais xa non puideron axudarlle máis, chegou buscar de noite os restos no lixo dos veciños, non mo di pero seino, logo ben, sei tamén que estivo deitándose con homes por cartos, non a culpo, a pobre tiña que sacar adiante os críos, o único é que ao voltar eu, logo dos dous anos había un pequeno máis na casa, en fin, cousas da vida, chamoulle Mohamed, mellor así, o único que tiña nome cristián non aguantou moito. Xa hai cinco anos que vou todos os venres á mezquita, máis que nada por integrarme, por limpar a miña imaxe, por ter contento ao sogro, e si, é certo que saio dela máis tranquilo, é coma unha comuñón cos veciños, un acto social. Pero de cortar o pelexo do carallo, deso nin falar, que unha cousa é bater coa cabeza no chan e outra é a ciruxía. O apartamento no que vivimos é ben miserento, bó é que temos isto, e imos tirando, o único que aínda queda todo o día na casa é o pequeno, que todavía anda a gatiñas, os outros xa van ao seu aire, o máis vello sei que pasa todo o día na rúa tentando roubar carteiras aos turistas, tamén esnifa pegamento, ben, cousas de rapaces. É o único que aprendeu algo da miña lingua, as boas intencións que sempre se teñen ao principio, só que o único que usa son insultos cos estranxeiros aos que non lles dá sacado un peso "que che dean polo cú, cabrón". Non, xa nin eu a uso apenas, comezo a esquecela, mellor así, para qué lembrar, estar onde estou e non lle dar máis voltas. E esta tarde de repouso non saín xogar á petanca cos colegas, quedeime adurmiñado diante da tele, pero o condenado do Ibrahim non para de foderme, gabea pola miña perna e cólgase do peto do meu pantalón, e tira e tira...
E esperto, deitado no chan do baño do meu cuarto no Hilton, sangro un pouco pola cabeza... e polo nariz, e o móbil está vibrando no peto do meu pantalón o collo de mala hostia e contesto
sae un fulano falando en inglés, ao principio non entendo nada, é o meu xefe, cagándose en todo o que existe porque non chego á reunión cos chineses, para o negocio da importación de neumáticos, dime que en dez minutos teño que estar abaixo, na sala de congresos, e que leve a camisa planchada, que no meu tempo libre faga o que queira, pero o traballo é sagrado e blablablá, o mesmo de sempre. Debeu ser un baixón de tensión, dóeme o tabique nasal, estou ata os collóns deste choio, desta vida, das putas que se veñen comigo por unhas raias, de sorrir todo o puto día como se vivise no paraíso, odio este traballo, a próxima vez que volva soñar agarrareime con forza á manciña sucia de Ibrahim para que non me deixe voltar a este inferno.
1 comentário:
bueno, bueno, agora estou un pouco descolocada. jajaja
estarei atenta a categoría en que encadras o texto.
será unha boa pista, penso.
gustoume moito, eh
Enviar um comentário