Dende a primeira hora da mañá estiveran traballando os dous na avaría do freno hidrodinámico, xa os tiña visto máis veces envoltos en líos semellantes, pero hoxe fixeime máis en eles e admirei a sua organización, a maneira tan lóxica que teñen de ir pouco a pouco aillando o problema, dende un comezo que engloba unha chea de posibilidades, ata chegar pasiño a pasiño a topar o cable que quedara desconectado nunha regleta dun armario calquera. Dito parece moi sinxelo e non se aprecia a cantidade de datos que hai que manexar para chegar a dar co punto feble. A capacidade que teñen para interpretar os esquemas eléctricos e ir descifrando o funcionamento do conxunto verificando só aquelo que pode ser causa do fallo require un nível que me admira topar por aquí. Si señor, un bo traballo.
Logo de probar o sistema de novo quedounos un tempiño morto no que estivemos a bromear, falando un pouco de todo, e por casualidade veu aparecer o tema do mal de ollo "que non che diga que estás moi ben de saude non vaia ser que che estea a botar o meigallo". Claro que como na nosa terra, pensei nunha broma coas crenzas dos nosos antepasados, só que non era tal e os dous falaronme de homes que lanzan maldicións mediante palabras de loubanza, que fan estoupar a ubre dunha vaca, avariar un bulldozer, facer cair un home do cabalo..., pero son contos nonsi? mi madriña, non eran contos, os dous crían neses feitos cunha fe cega, incluso tentando convencerme a min. E pensei no que a miña nai contaba cando eu neno, cousas dos avós, dos bisavós, das vacas que enfermaban por un veciño que che quería mal, e de como ían á meiga para quitar o mal de ollo. Vale, hai cen anos, cincuenta anos, pero xa non hoxe.
Esta combinación atroz entre ciencia e superstición éme difícil de encaixar. Fai que me sinta só, un bicho raro, un extraterrestre caído do ceo. A verdade tanto me ten, se un é feliz crendo que irá ao paraíso non son quen eu para baixalo da sua nube. Só que me choca ver como aquí a auga e o aceite se mezclan sen problemas.
2 comentários:
bueno, esa contradicción existe tamén en moitas persoas, hoxe, aquí.
E non en ignorantes.
Coñezo unha profesora dunha facultade X en Santiago, que por pouco prende lume ó seu despacho facendo unha especie de esconxuro de mal de ollo!
Posiblemente será unha profesora dalgunha disciplina humanística, non vexo eu unha persoa de ciencias capaz de manter semellante contradicción na sua cabeza. Eu son moi realista, e mesmo se hai cousas que a ciencia aínda non logra entender, non me deixo levar pola facilidade de atribuirlle o mérito a unha divinidade, meiga ou espírito da fraga.
Enviar um comentário