segunda-feira, 28 de julho de 2008

O peixiño preguiceiro

Este é o conto dun peixiño preguiceiro no medio do océano; aquilo era inmenso, non vos podedes imaxinar, toda aquela auga sen fronteiras nen limites era demasiado para el, se houbera unha palabra para descreber o seu permanente estado de ánimo ésta sería cansazo, todo o día o pasaba a mover as aletas sen repouso, un chisquiño cara á luz, outro chisquiño cara ao fondo, virando á babor, virando á estribor, mi madriña! que vida tan dura lle tocara viver a aquel animaliño. E non sabedes cal era o seu soño de todas as noites? Pois el coñecía, como todos os peixiños que pasan unha existencia penosa a percorrer o mar, eses animais enormes, que falan unha língua incomprensible e monótona, que non son nin peixes nin paxaros, que só levan medio corpo dentro da auga e o outro medio a ese aire que mata, el coñecíaos de velos pasar, de oir os seus berros contínuos e soñaba con meterse nun deles e viaxar polo mar, así, sen ter que estar continuamente a loitar contra as correntes, de seguido a fuxir dos grandes que sempre querían devoralo.

E pasou o tempo e, aínda que moitas veces se achegou, desafortunadamente nunca conseguiu meterse en ningún deles, e tivo unha existencia lonxeva, nunca lle faltou a comida (a bebida podedes supoñer que tampouco), puxo centos de miles de ovos que trouxeron milleiros doutros peixiños coma el aos que sempre lles contaba o seu soño, el dicíalles que alí dentro se atopaba o paraíso, que o imaxinaba fresquiño, ao contrario do inferno, unha auga na que xa non precisarían o movemento contínuo, na que poderían deixarse a durmir sen medo a perder o norte nin ser alimento dos monstros, e que tentaran por todos os medios de ser admitidos alí.

Polo momento aínda non temos, pese aos estudos realizados na materia, unha idea clara do efecto que estas andrómenas provocaban nos alevíns aínda que supoñemos que a maioría deles ridiculizaban esta teoría co argumento de que o vello estaba xa un pouco choucho, vamos que como todos os novos desprezaban as ideas transmitidas polos proxenitores. Mesmo había algúns resabidos que polo baixo contaban que nese paraíso, si, facía fresquiño, mesmo un frío que che deixaba teso, que só era a antesala do inferno onde a auga fervía!

En fin, pasoulle o tempo e o noso protagonista rematou a sua marea, de vello, movéndose ata que as forzas vitais o abandonaron e xa non foi máis ca un cadáver a aboiar na tona salgada. E sabedes no que pensaba un segundo antes de deixar de aletear? ... por desgraza nós non o sabemos, e como el xa está morto é un dato que se perderá para sempre.

domingo, 27 de julho de 2008

Duas e duas

Desta fin de semana

sábado, 26 de julho de 2008

Dégoûté

A inspiración chega coa fame, co sono, coa fatiga. Logo dunha fin de semana mortífera, viaxes e máis viaxes, e calor, e fame, e pouquiñas horas de sono, e o desprezo, sobre todo iso, mentalidade cativa, así noutros sitios se avanza, e aquí séguese o protocolo, qué importa o que se faga! o que importa é o que se diga ben dito, aínda que se fale da traxectoria dunha folla caíndo da árbore, iso conta máis que a solución de problemas. Mundo cruel, mundo de apariencias, mundo miserable que te me apareces espido con todas as tuas taras noxentas así á vista, dégoûté de toi! je suis dégoûté de toi!
...

E hoxe volvo ao blog, non era para tanto, só que se van acumulando unha arriba da outra as indixestións, son tantas as diferencias que somentes cando chegan unha por unha, espaciadas, dounas asimilado, mas os días nos que veñen por parellas se me atragantan, non son quen de soportalas.

Supoño que a calor e a falta de medios fan tamén parte destas caídas no desespero. A ver cando volve dunha vez a chuva e marcha esta calor húmida que me cola a camiseta á pel, que me rebenta, que a ducha non consegue tornar máis que cinco curtos minutos.

sexta-feira, 25 de julho de 2008

Tristura


Foi onte que me crucei, a cen kilómetros por hora, coa pobreza, esa puta á que lle gusta rodearse de bolsas de plástico, chapas de lata ondulada, uralita e bloques, mesmo que tamén é coqueta e se adorna con antenas parabólicas, esa puta que ten aos seus meniños ben entrenados no lanzamento de pedras ao tren, e que mesmo é xenerosa e premia à sua xente con enfermidades inconfesábeis, con empregos de I+D nos basureiros das grandes cidades, con grandes índices de natalidade e curtas esperanzas de vida.

Iamos a cen kilómetros por hora, acompañando á oligarquía que vive allea ao que aparecía pola ventá, só interesada nos dólares que saen a cachón polos furos do deserto. Baixamos a cortina para que esa puta incómoda non viñera manchar cos seus fedores a tapicería azul dos asentos novos.

E alí ficou ela, soa, preparando unha nova xeración no tiro de pedra e na travesía do Mediterraneo en patera.

Puta, puta pobreza.

terça-feira, 22 de julho de 2008

De notarios

Asinando contratos escritos en árabe, nos que só entendo os números e o meu nome na portada. Iso si, os tempos de espera e as tarifas son moi similares ás da Galiza, e a profesionalidade tamén foi de apreciar, todo foi lido en francés e explicado en detalle, na procura de que o cliente saiba de certo qué é ao que se está a comprometer, claro que o decorado non é o mesmo que na rúa Colón de Vigo, un detalle sen importancia. Pois iso, que renovei o aluguer deste apartamentiño no que dende hai xa SEIS meses convivimos o computador e máis eu, xa sabía eu que o de marchar só medio ano a este país era únicamente o engado para conseguir que alguén se decidise a dar o paso de deixar a comodidade das suas rutinas, da sua familia, do seu ambiente, para virse perder nun sitio no que en principio non había moi boas espectativas, e que en realidade, unha vez que se coñece o sistema, xa se está certo de que non hai moi boas espectativas. Un que é un impaciente e quere facer as cousas agora mesmiño, xa, e non pode ser, hai que ir pasiiiiño a pasiiiiño, aprender a esperar, a resolver o traballo dun día nun mes, que seica deus fixo o mundo en sete días, pero o deus deles debeuno de facer en sete anos. En fin, hai tantas cousas que non entran polo ollo dunha agulla!

domingo, 20 de julho de 2008

Duas vistas parciais

unha de Orán, a praza de armas, e outra miña, a parte de arriba do corpo, a que ten a cabeza.
Fíxoma Rachid, estou no balcón da sua casa, por suposto en Orán.

Deux vues partielles, une d'Oran, la Place d'armes, et une autre la mienne, la partie supérieur du corps, celle qui porte la tête.
C'est Rachid qui me l'a faite, je suis chez lui au balcon, bien sûr, à Oran.

O que máis me gustou de Londres

- y luego, qué fue lo que más te gustó de Londres?
- bueno, pues si te soy sincero, además de los monumentos y puentes, y museos, y parques, lo que más me gustó fue el raposo que vivía en el jardín de mi cuñado.
- coño! no sabía que estuvieras casado!
- el raposo tampoco, hasta que me vió con la mujer, te son listos de carallo, por eso se dice fino como un raposo, o como un allo.
- si que lo son, porque también podería pensar que era una prima, o una amiga.
- saben latín, estes bichos!
- mas bien saben inglés, sobre todo viviendo en Londres.
- bueno, hombre, era una manera de hablar.

sábado, 19 de julho de 2008

Return to my onions


Coa banda sonora de fondo dos neumáticos dos carros contra o asfalto, ziuuum, ziuuum, algún cláxon ao lonxe rompendo a monotonía, os paxaros facendo os acompañamentos xusto abaixo da ventá, no oued, e o ladrido dun canciño amortecido polas árbores, foron pasando as horas desta tarde na que despóis dunhas semanas quedo, de novo, só contra o computador, cómo te botaba de menos, meu ben! meu tesouro! Sobre todo agora que volveu a conexión e es a miña ventaíña ao mundo.
Tanto me faltaches que, non podendo soportar a tua ausencia, me din á bebida e pasei noites de exploración da miña capacidade de resistencia na cidade do pecado, entrando en antros nos que dificilmente me arriscaría só, e nos que non será doado volver a entrar; as cascudas gaveando polas paredes forradas de veludo vello de sesenta anos asistían, xa curadas de espantos, a todas as transaccións ilícitas que alí tiñan lugar. Sen embargo, as ceas acompañadas cunha botella de tinto de Marrocos conseguiron facerlle un sitiño no meu corazón aos dous leóns... claro, e o couscous do domingo tamén.
Se non hai novidades dareille un merecido repouso ao fígado, fartareime a facer combinacións de cebolas co resto dos alimentos, cebolas con tomates, cebolas con arroz, cebolas con patacas, cebolas con ovos, cebolas con allos e pementos, cebolas fritas e crúas, con perú e vitela, con sardiñas e frango, cebolas! Bolas!

quinta-feira, 17 de julho de 2008

Atendendo o blogue

quedou desatendido o leite que quentaba para preparar un cafeciño, coa chuva caída hoxe apetecíame volver aos praceres do inverno. Cando chegou o cheiriño sospeitoso pensei que viña do veciño, aínda botei un rato até reaccionar.

Cicatrices

... e será que ten que ser así e a vida sexa acumular cortes na pel, e pasando a lingua por eles consigamos unha imaxe holográfica daquel coitelo que no canto de cortar a cebola, veu parar contra o óso do dedo.
E hai noites como esta na que todas as láminas afiadas que se meteron na miña pel vólvenseme a aparecer no momento xusto no que abriron o camiño do recordo.

Botánica e ferros

Domingo de comida familiar, coa mesa, como sempre chea a fartar, ao gusto de todos.
Logo do café paseios polo xardín, coa ría alá abaixo, enchendo de flores o cestiño do meu móbil, e de graxa as uñas das mans. A nai segue coa sua paixón polas plantas, o pai continúa cos seus proxectos, sempre avanzando, ferros, motores, mecanismos... mágoa que non tivese estudado enxeñaría, teríalle tirado máis proveito do que eu. As pequenas pasaron a sobremesa entre as polas da sobreira e o baixo da casa, xogando, como debe ser. Visita tamén ao galiñeiro, e ás plantacións de tomates, ervillas, pementos...
Volvemos co bandullo cheo e o no maleteiro leitugas e uns litros de augardente da casa.
Resistentes da sociedade de consumo, meus pais, como dous modelos ideais de filosofía, mesmo opostos, pero convivindo dende hai máis de corenta anos, misturándose, o amor gratuito da botánica dela, a habilidade del para construir e reparar calquera cousa. Dous mundos que me foron façonnando tal e como agora son.

Herba cortada

Só vivín durante dous anos naquel edificio, o que está á beira do parque, foran anos de soños e de esperanzas, a carreira estaba rematando, o mundo aínda tal e como eu o imaxinara de pequeno, sen embargo un dos mellores recordos que me quedou daquel tempo nada ten a ver cos estudos. É o da cortadora do céspede, a empregada do concello que viña regularmente coa máquina de gasolina con ese ruído monótono espallando o cheiro a herba cortada. Sempre traía roupa de traballo, unha funda azul marino, e non era un físico de revista pero tiña algo encantador, o sorriso, ou qué sei eu. Non se limitaba a cortar a relva uniformemente, contra o final, no centro daquel cadrado verde deixaba unhas zonas coa herba máis alta. Véndoo dende a rúa apenas notabas diferencia pero dende as ventás do meu piso mirábanse un debuxos, eran unhas ás, un peixe, unha lúa, un corazón, cada vez un distinto. Hoxe estou seguro que todos os homes que alí viviamos criamos adicado aquel detalle a cada un de nós, e no silencio da cama ou no ruído da ducha aposto a que os outros tamén a pensaron moitas veces.

Camiño

Decididamente camiño coa miña sombra pegada aos meus pes e sempre, sempre teño medo de que por exemplo, veña a noite e me encontre lonxe lonxe dalgún sitio, de que comece a treboada e eu estea de manga curta e a dez kilómetros de calquera abrigo, de non topar unha fonte na que facer que a miña lingua se despegue do meu paladar, de ferir un pe e arrastarme penosamente, de que saian os cans e me traben nas pernas, de que na escuridade se acabe o camiño e caia polo caborco, de que entre as árbores perda a orientación e quede eternamente a camiñar en círculos. Camiño entre edificios e en descampados, e en terras de cultivo e en bosques, camiño sempre con medo de que se me acabe o camiño sen ter chegado a ningures.

Desafinando

Hai umha canción que estes dias conseguiu colarse na minha cabeza e anda por alí adentro a dar voltas batendo no crânio sen conseguir topar a saída... ben, en realidade son duas, e eu que non sei cantar xa conhezo a letra de memória, e encontro-me na ducha a solta-las umha e outra vez. Os vecinhos han pensar que o fulano este de Turquia, ou Itália, ou Albânia, ou de onde caralho sexa, mais seghuro que está medio tolo. Ah, si, porque a parede que temos contígua non é gran cousa, eu escoito a música deles, e eles sofren os meus cantos desfinados. A ver se lhes dou co punto e consigo bota-las de novo para fora, que procurem outra cabeza na que andar a rebotar.

Os labores

Isto xa no é de agora, é unha enfermidade que me vén dende cando eu era un cativo, logo de rematar o xantar a nai repartía as tarefas, un a recoller a mesa e levarlle a comida ás galiñas, outro a varrer e quitar o pó dos mobles e, outro a lavar a louza, e así todos os días até que chegou a idade na que as camisas comezaban a apretar no peito e nos brazos, os bíceps e os pectorais íanse inchando e divertiamonos a rebentar os botóns inchando o peito, e a rachalas polo lombo ou baixo os brazos, só coa presión deses músculos que como por arte de maxia, dobraban de volume. Foi entón cando pasamos ao soto, cos ferros e aí foi o momento da formación do pai, coa soldadura a nos furar os calcetíns aprendemos a apartar a vista para non ter os ollos rubios e pasar noites de imsomnio. Agarrar dos tubos e as barras mentres ía compondo reixas, portais, escaleiras... e logo o aburrimento do minio, ou a sorte do galvanizado. Porque o minio era como pintar con chapapote, e o galvanizado, guai, levábase a peza ao taller, metíana nunhas cubas e dábancha lista, glória! só que había antes que quitar ben a escoria, que logo eran puntos de entrada do óxido, e ben é sabido que o mar é enemigo do ferro e paseniñamente vaino comendo se non se lle pechan todas as entradas.

Pero isto, a enfermidade da que falaba quedoume da miña nai, e aquí, considérase unha anomalía porque un home non se rebaixa a preparar a comida, menos a fregar o chan ou lavar a louza, vous êtes sûr que vous n'avez pas besoin d'une femme de ménage? pero para min é coma unha terápia, a fin de semana agarro a vasoira e non queda recuncho da casa sen recibir a miña visita, e os cristais e o balcón e os baños e a bogada... a orde crea un espazo de paz ao meu redor, calma. Repouso

sexta-feira, 11 de julho de 2008

Pozos e luces

Baixada á fonte da luz, que chega como un ventiño de fotóns inchando as fachadas dos edificios oficiais, pondo de novo a xirar o mundo que ficara parado co solpor do día anterior. Baten estes raios nas paredes e cólanse polos buratos acristalados, e é así que os funcionarios comezan de novo a teclear nos ordenadores, a teclear nos teléfonos, a facérense a idea de seren eles coas chaves dos seus arquivos quen lle dán corda ao planeta, que segue a dar voltas freado polo peso de tanto papel inútil.

Son medio mineiro e me encanta baixar aos pozos, neste xa se mira que no fondo abrolla un manancial de luz, afondas en el seguro de topar toneladas de aire para encher os pulmóns, e dicir... por fin afóra!

Cando vén a noite, o desamparo, o desgoverno, os autómatas do papel xa desconectados, o mundo oficialmente párase.

E é entón que topas outros pozos nos que te botas de cabeza porque ves unha luceciña pequena ao final, mergullador en mares de cervexa descendes a toda velocidade co cinto ben lastrado do chumbo da soidade, e vas apresa demáis para poderte deter a tempo cando te decatas que aquel destello alá abaixo só era o reflexo do brillo dos teus ollos. Bah, feridiñas de nada que non lle quitan a un o gusto pola apnea, nin deixan cicatrices visibles.

Amateur de la descente vers la lumière!

segunda-feira, 7 de julho de 2008

Pour Rachid

Hei, est-ce que c'est toi qui me fais des visites dès l'Algérie?
Tu peux laisser un commentaire, ce n'est pas interdit!. Ah, et j'espère que ta santé s'améliore.
Le problème c'est que je n'écris pas en espagnol et tu auras du mal à comprendre,
mais quand même c'est un peu plus facile que le Cabile,
si tu connais deux langues latines, le galicien rentrera très vite dans ta tête. Pour moi c'est une merveille la capacité que vous, les Cabiles, avez pour apprendre les langues, le jour où j'en parlerai cinq comme toi, je m'y arreterai.

Et ben, j'espère qu'on se reverra bientôt à Oran, pour aller prendre un petit thé au Timgad, ou manger un couscous à La comète. In-sha`allah

J'oubliais! Un petit bisou!

Ulac aÌilif!

domingo, 6 de julho de 2008

Capoeira

Uns días de repouso na cidade do pecado, non creo que me faga dano, xa alí me propuxeron na rúa substâncias das que non pagan tributo ao estado, non é que vaia eu mercar nada, mas é unha alegría saber que, tu, se quiseres, podes! E assim, vaise pasando o ano, viaxiño a Sodoma, paseio até a vila da oración, semanas de estancamento na capital... todo vai tan, tan lento aquí, e agora coa calor a velocidade redúcese aínda máis, todo o bo é non comezar a retroceder!

Comezo a terceira cervexa antes de facer a mochila para a viaxe de mañá, non teño presa, non hai gran cousa que levar, o abrigo e a bufanda non os precisarei. Invitei ao colega de Sanguinheda para axudarme a deixar a nevera baleira, entre dous daremos antes conta delas, e de paso botarame unha manciña para tornar esta puta soidade que se me cola en días como hoxe e non hai xeito de sacudila, é coma un mel basto que me cobre, doce no primeiro, mas logo abafante, incómodo, molesto... tamén a culpa é miña, ho, só a min se me ocorre porme a escoitar cancións de hai vinte anos!

Vale, o doutor do anterior post non tiña receita para os males destes últimos dez anos, aínda así estou a pensar en comezar coa capoeira cando volte ao país, para lle demostrar que je m'en fous! Vamos, que me importa un ... (em galego pode-se dizer, mas em português não fica bem)

Ben, vou preparar o arroz, coa cebola e o alho, e uns filetes de perú. Fiquei contente e famento hoxe ao mirar os pementos de padrón, o polvo e as vieiras... contente e con ganas de voltar a Galiza, non é que cociñemos coma os vascos, mas temos melhores produtos ca eles. Temos um país grande! O día que sexamos só un chisquiño máis orgulhosos comeremos o mundo, nem americanos, nem chineses! nous, le centre du monde!

Dez anos despóis

Veñome queixar, doutor, isto non é o que eu esperaba, e agora mesmo espero que me saiba receitar o tratamento adecuado para esta anomalía, non pode ser, este corpo non ten as prestacións coas que mo venderan xa hai corenta e un anos. Non é que non o coide, diso non me pode acusar, bótolle ben de comer, non lle falta a bebida e sácoo a miudo a pasear, para que tome un chisco o aire, e sen embargo, xa non é o que era, e ninguén me dixo que había este defecto, que co paso do tempo íanse presentar estas alteracións desagradábeis.

O certo é que levaba xa uns anos sen mirar moito para el, non, non, claro que non é culpa miña, xa sabe, o traballo, a familia, a hipoteca... foi unha década voraz, e non me preocupei moito del. Si, é certo que nada lle faltou, pero nunca como agora nestes dez anos me parara a examinalo, é como se o vira no noventa e oito por última vez, e hoxe volvera velo de novo, e o que vexo non me gusta. Senón explíqueme, a qué se debe que teña tan pouco pelo na cabeza? e porqué está case todo branco? e qué son estas enrugas na frente e aos lados dos ollos? isto non é o que tiña con trinta anos, como é que puido suceder? Qué é o que fallou?

En fin, tampouco preciso que me dea explicacións técnicas incomprensíbeis que eu sonlle de letras, escriba simplesmente o tratamento que hei de tomar para volver ser coma antes.

Porque para iso está vostede aquí... ou non?

sexta-feira, 4 de julho de 2008

Os nosos deuses

Por fortuna xa non necesito pensar, que na tele danmo todo ben mastigado, analisado e nas concentracións precisas para que un cerebro semi-analfabeto coma o meu o poida asimilar. E así só teño que aprender de memória as listas, cando as teña ben chapadas eles me dirán o qué é que teño que pensar de todos os do grupo, e non será nada complicado, simplesmente dirán estes son os maus, ou estes somos nós, aínda que un día haxa que refacer a lista porque mudaron de idea, bah, só pequenos arranxos, porque os maus (case) sempre seguen sendo maus, para que os bos sigan a ter o seu halo na cabeza (halo... non, halo non me soa, seghuramente hai que mudar o h polo f).

É un mundo sinxelo, cunha división ben clara das tarefas, estamos os que traballamos e miramos a tele, e están os que pensan para que a nosa vida sexa máis doce, como fabricantes de electrodomésticos, criándonos unha relixión na que con certeza somos felices porque, por fortuna, xa eles se encargan de separarnos o grau da palla, e darnos o grau moído.

Porque nin sequera aquelas parvadas que de críos aprenderamos, de non mentir, nin roubar, nin matar teñen xa sentido ningún, e todo está permitido, sempre e cando sexan os nosos deuses quen as fagan... polo noso ben, sempre, e polo dos seus petos de ratas miseráveis.

Este pensamento semi-filosófico, semi-pailán veume ao ler o post sobre a notícia de que Mandela pasou a ser dos bos. E como fago eu agora para construirme unha imaxe nova de el, logo de tantos anos de pensalo meu inimigo?

En fin, clasificareino como panfleto barato, iso perdoa toda a inxenuidade coa que escribo.

quarta-feira, 2 de julho de 2008

Lamento

Lamento
ter tirado esa pedra ao estanque
pero non polas ondas que crearía
e virían alterar toda a superficie
da auga
(non quero provocar tanta mudanza)
nin polo ruído do choque
que tería feito fuxir todos
os paxaros
Lamento
ter tirado esa pedra ao estanque
porque había un home de noventa anos
entrenando para a maratón
e tan rápido pasou que
a pedra non chegou á auga
bateulle na cabeza
e o pobre do home
como corría!
cara a min
co bastón en alto
aínda estou a botar betadine
nas feridas
é por iso que
lamento
ter tirado esa pedra ao estanque
nin máis, nin
menos
it
.
.
.
hurts!

Câmara lenta... e úmida

A calor como un animal inmenso cólase ás paredes de chapa e aos motores diesel das máquinas do tren e xa dende as sete da mañá ocupa toda a nave e os vestiarios e o almacén, e o camiño até ao mercado onde ás dez nos arrastamos, cos pés levantando o pó e as pedras, para recuperar algo da auga perdida, e na taberna tamén está agarrada aos fogóns, ao forno, á máquina do café, ese animal métese no meu cerebro e ralentiza as neuronas, e fai que me mova a cámara lenta, e que as sensacións cheguen tarde demáis... torpe, mollado, como no fondo dun mar volcánico, cocido, penando e seguindo adiante. Ás doce saímos para o xantar, paseo abafante de vinte minutos para poder comprar una cervexa fresca, mas, peculiaridades do país, non podemos bebela na rúa, e cando votamos con ela ao refuxio xa está morna, miséria, e suar e suar, e derreterse. E agora por fin na casa, sen aire acondicionado porén coas ventás abertas hai unha corrente agradabel, e a auga da ducha borra toda esta lentitude do meu corpo, espértame. Mañá fin de semana. Pelo menos temos as andorinhas que papam as melgas, nem tudo ia ser sofrimento!