sexta-feira, 19 de dezembro de 2008

Aínda

hoxe volvín pasar por alí


nas rúas quedaba aínda, enganchado nas pedras das fachadas, o sabor húmido dos teus lábios elásticos contra os meus... despóis destes anos, aínda segue o arrecendo do teu cabelo nos soportais, nos pes das farolas e na máquina de preservativos. E todos os zaguáns escuros que acubillaron os abrazos, templos daquelas sombras cálidas onde as nosas mans abriron os ollos, estacións de lembranza, oración co teu nome a cada coche que pasa. Até a luz borrallenta do mencer, que coma espiñas de toxo a estrar a cama nos botara daquel cuarto de hotel miserento, soa no meu padal cun eco de torta de améndoa

aínda

alí por pasar volvín hoxe

quinta-feira, 11 de dezembro de 2008

Brazos pequenos

Pois xa estou de volta, logo dunha súper cea de despedida onde acabamos entre tres cunha perna de ovella, dez latas de cervexa e catro botelliñas de tinto, collín o luns pola mañá o camiño da estación a pe, o país paralizado coa festa de L'Aid, esquivando os regueiros de sangue que abrollaban dos canos rotos e corrían polas aceras,, vermello de alegría, xenocidio ovino. Seis horas de tren e noite en Arxel, o martes voo a Galiza con escala en Madrid. Et me voilà, ou aquí estou.

Marchara no verán só cunha chaquetiña na mala e volto con este frío e esta chuva, como se houbesen pasado dous anos. Recibido polos abrazos grandes e quentiños que dan os brazos pequenos, mans pequenas que escribiran exclamacións en maiúsculas no calendario agardando por este día. Agardando por min. O home máis importante da terra, do mar e do aire, como non se me vai encher o peito!

Biquiños

segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

Botote de menos

meu blogue quiridinho; botote tanto de menos e non posso neste teclado azerty do taxi phone ocuparme de ti como quixera. Prontinho xa volto; pouco mais dumha semana e estarei em Galiza: Biquinhos para todas e todos: millons de biquinhos;