sexta-feira, 13 de novembro de 2009

Outra vez

Mañá é o último partido clasificatorio da selección do país para acudir ao próximo mundial, e xa hai tres días que se está festexando na rúa porque moi posiblemente vencerán a Exipto e voltarán estar aí, sendo algo no mundo... do futbol. Hai bandeiras brancas e verdes nas ventás e nas antenas dos coches, como toldos cobren unha chea de rúas, teas de máis dun cento de metros de longo, os chapeus de bufón, as bufandas, os chandal, as camisetas, bandeiras cubrindo os teitos, os capós dos coches, infinidade deles pintados de verde e branco, quen a porta do maleteiro, quen unha porta lateral, ou mesmo o capó enteiro. É unha tolería. Non paran de circular tocando o claxon, axitando os símbolos nacionais polas ventas, medio corpo de fora. Non sei como será a noite do sábado se gañan, peor que o Mouloud.

Porque si, efectivamente voltei cando fixera o firme propósito de nunca máis regresar. Sorpréndeme a calor coa que me reciben, no traballo, nas tendas nas que soía mercar, na librería, nos cafés, no hotel... Para mellor ser o compañeiro xa saiu do cárcere, xa puiden falar con el, ao día seguinte o consul levouno ao aeroporto e xa descansa coa familia. Foi un peso grande para min, podería ter sido eu. Creo que saiu con bo animo, chamáballe hotel El Harrach, tratárono ben. El non voltará. Eu non quería voltar. Todo ten que ter un fin.

E nada, unha visita relámpago, seis días aquí, cinco alá e catro na capital, visto e non visto e xa volto a casa. Perdín o gusto dos aeroportos, canseime deles. Canseime de viaxar.

E escribo por non deixar morrer o blog.