quarta-feira, 30 de março de 2011

sede e miragens



Aínda que a terra non sempre precisa da auga pode-se dicir que si, con moita frecuencia debece por ela. E nas ocasións en que a falta é tan grande que a seca comeza a greta-la, a tornar en pó a sua superfície, a terra, que pola sua posición natural sempre ten os olhos virados cara ao ceo, comeza a ver auga onde é óbvio que non hai tal; por veces, nun aire azul desidratado confunde as estelas dos reactores con cumuloninbus, pon en marcha o febril proceso de abrir os seus poros ávidos de humidade, e agarda con excitación sexual o momento de as pingas gordas se descolgaren das nubes, de ve-las baixar xa irremediablemente cara a ela.

E agarda.

Até que as estelas van ancheando, desfacendo-se devagarinho, deixándo-lhe umha erosión fonda, ferindo alí onde o vento e a xeada nunca deran chegado.

sábado, 26 de março de 2011

La taverne des épaves

Alí traballan a xestión do fracaso, ocúpanse na intendencia da derrota. Chegan todos os días os navíos desarbolados, levados pola maré, van encallar alí as naos minguadas de prestacións, inzadas de necesidades, e unha vez superado o formulario inicial de brusquidade, a rudeza que non é traba despóis de tantas batallas perdidas, cargan nas bodegas contedores pequerrechiños da vitamina C indispensable no mar, para continuar a navegar, así, sen moita esperanza, pero reconfortados de sabérense protexidos contra o escorbuto.
Là-bas, à la Taverne des Épaves

domingo, 13 de março de 2011

Límites do océano

Aquí acaba o mar
non hai motivo para seguir coa pescuda
por moi fondo que sexa
o Oceano Mare remata aos meus pés

(Lembrando a Alessandro Baricco, e aquel ano
no que tamén lera Seda)


sábado, 5 de março de 2011

Spécial minceur


Agora que, despois dun número indeterminadamente alto de series de exercicios anaeróbicos, os meus abdominais asoman asombrados á luz do tecido de algodón da miña camiseta, e os bíceps, tríceps, etcétera, abultan de maneira desproporcionada por baixo da camisa apretada, xa podo dicir que teño o corpo preparado para a batalla dos seres primitivos.

Porque unha cousa é o desexo da humanidade de mellorar abandonando para iso a lei do mundo salvaxe de onde ven, no que os animais só sobreviven se son fortes, aspiración lograda xa hai moitos anos coa protección dos débiles e enfermos como un deber de especie, cousa que nos fai físicamente máis febles, pero por contra revirte no engrandecemento do noso intelecto. E outra cousa distinta é que teñamos superado eses miles e miles de anos de acatamento das leis orixinarias.

O caso máis claro é o do cortexo de apareamento, un dos piares biolóxicos de calquera especie, no que a situación non difire moito da do resto de animais: búscanse parellas cuns atributos que faciliten a sobrevivencia da descendencia en situacións adversas, mais no canto de procurar individuos que destaquen polas suas capacidades intelectuais, séguense, como os primitivos homosapiens dos que descemos, privilexiando os atributos físicos, como se a nosa sociedade continuase a estar baseada na forza bruta.

Dixit e que ben me quedou!