segunda-feira, 16 de maio de 2011

Reincidencia

Prometían futuros de batas brancas
coas mans libres do cemento, do aceite usado dos nosos pais
a glória estaba alí ao fondo, só había que seguir a camiñar
para acadala. Palabras con x que nos licuaban a boca
sexo, éxito, excelencia, texturas doces, sedosas, xa sen exílio
non o facían por mal, crían nesa fartura á que nos lanzaban
herdaredes o mundo! non precisades nin pulseiras de pinchos
nin camiños paralelos de melenas e marihuana
terédelo todo, todo o que nos faltou a nós

Así, xeración tras xeración, o mundo perpetuouse
e hoxe somos nós os que sementamos de pétalos
a autoestrada dos outros, sen saber de peaxes nin destinos
seguimos a imaxinarlles hipotéticos solpores laranxas
condenados a repetir a secuencia

sexta-feira, 13 de maio de 2011

Só o recordo

Aquela noite puxéranlle na mesiña, á beira do leito, un cigarro e un vaso de viño prohibidos dende había vinte anos. O vello fumou e bebeu e morreu esa noite mesma. Logo viñeron as correntes de aire frío a abrir ventás e pechar portas, as follas a arremuiñarse na entrada da casa, eran as meigas todas que tiña amado, acudían a recuperalo, agora xa só para elas.

Quedáronme as imaxes das maceiras, das ovellas, das tardes apañando herba xuntos, do palleiro, da bodega coas ferramentas de carpinteiro, dos homes a termar do boi mentres el o ferraba, e tamén esporádicas referencias ao traballo no naval que non interasaban aos oídos dun neno. A parte do seu mundo que se enredou no meu.

E non teño nin sequera unha foto, aínda que fora en branco e negro, ou desenfocada ou sucia e enrugada. Só o recordo.

quarta-feira, 11 de maio de 2011

sono

queres comer algo?
non, só un café e coller tabaco.
Os corzos térmanme das pálpebras nesta estrada comarcal atallo pola serra. A noite inóspita en estacións desertas. Dáme unha lata de gasolina!
Dilles que non chegamos, fáltannos catro horas e morro de sono.
E logo de onde era ela?
Non sei ben, creo que os dous beberamos bastante, só teño un recordo certo da suavidade da sua língua cando nos bicamos. As suas mans queimadas dos conxelados xunto coas miñas batidas do ferro non tiñan acougo.

non, ao final marchei, era tarde, non quería que o amencer me collera de novo fóra.
As patrullas da garda civil térmanme do pe, e das pálpebras

Buenas noches, dni y carné de conducir. Cómo se llama, dónde vive, qué hace por aquí?

Paramos na estación de servizo baixo a liña de alta tensión, pensei que o crepitar dos cables eran paxaros. Estaba durmido. Apañei unha papoula para meter os pétalos nun libro de poesía.
A calor do salpicadeiro estragouma.
Tomamos café? A ver se non poñen pegas parece que vés de roubar o cobre.
Xa sabes que non me importa, amáis teño o pantalón roto ata o xeonllo, se queren mirar que miren.
había anos que non pasaba por aquí, gústame esta rexión, hai animáis salvaxes a eito e fálanse tres línguas.
avanzamos, paramos, voltamos avanzar, tanta liña branca me confunde, xa non sei por onde vou
se queres conduzo eu, aínda que mellor, se tes sono paramos a durmir.
non, xa baixo a ventá, o frío da mañá é como unha labazada
xa sabes que non me importa que marches, o mellor era quedares, consolidármonos aquí, pero non cho vou impedir.
que sei eu, sempre chaman cando hai problemas, senon tiran da familia, polo carallo me propoñen Brasil ou Bélxica.
se chego durmirei once ou doce horas seguidas, pero xa non coñezo a autoestrada, quizáis pola forza do costume, como se for sonámbulo, darei chegado a casa.