Téñote que chamar.
Prometo que mañá, a primeira hora, antes de que o día me envolva coa sua arañeira
heite chamar
ou enviarche un sms
antes que o monstro me trague
porque unha vez no seu ventre xa non hai cobertura
até que á noite bótame fóra derrotado para cair na cama
e penso que mañá teño que te chamar
ou enviarche un sms
propósitos firmes que me pechan os ollos
cada xornada que paso lonxe de ti
Xa..., a última vez non foi a mellor
nunca comprendo nada
parece que ando aboiando pola vida
como unha bolsa de plástico
levada polo vento
a ternura que non che dei pagueina en kiloxulios
qué pouco entendo!
O certo é que hai unha tristura
pero non instalada entre nós
creo que me sae polos poros,
basta como o mel, e cólase a todo canto toco.
Por moito que tento lavarme
sobre todo con riberas del duero
ou bordeaux, ou riojas
ou directamente coa rapidez do ron
cada vez esvaro máis lonxe
cara adentro de min.
Quixera viaxar a un lugar
onde non estivera eu
pero vaia onde vaia
sempre me atopo, o mesmo de sempre
como un deus ubícuo
non me desfago de min
decote esquezo o procedemento
e saio de viaxe levándome alá onde vaia.
Mentras non o consiga
prometo que mañá hei de te chamar
ou mandarche un sms
ou enviarche por telepatía
as miñas mans para que percorran o teu corpo
mañá
seguro non hei esquecer
5 comentários:
Permítame que anote.
Precioso.
Bien sûr!
Alégrame que che guste
Biquiños, Raquel
Probable que te esquezas tendo en conta esas cousas coas que te lavas!
Lindíssimo, Galego!
Biquiños :)
:)
Enviar um comentário