quarta-feira, 26 de maio de 2010

Dia de chuva


Chove. A farola, o faro, a gaivota. A cidade difuminada pola chuva alá no fondo, na outra beira da ria. Chove pero non é inverno e en dez minutos voltará o sol a baixar o tempo de exposición. Non, a chuva non me molesta, ao contrario hidrátame os sentimentos.

Está ben que chova, axuda a lavarme dos residuos cos que me cobre o resentimento. É como prender unha vela aromática que fai que todo volte á normalidade.

O rencor é unha planta adaptada a ambientes extremadamente áridos, sobrevive aí, aparentemente lignificada, até que cunha excusa calquera saca espiñas novas, duras e afiadas como agullas, cheas de veneno.

Polo de agora volverase agachar nalgún recuncho do cerebro, pero sei que non desaparecerá, nin quero que o faga, que estea aí á sombra para lembrame os erros pasados, cando cunhas portas en trompe-l'oeil do paraíso reclutaban cidadáns exemplares para a dereita espanhola.

Que chova cinco minutos máis.

2 comentários:

Zeltia disse...

adoitase dicir que o rencor é coma un cancro que che vai comendo a alegría. seica hai que desfacerse del, que reconcome e non serve de nada...
eu son moi pouco rencorosa:cando era nova pensaba que era unha virtude. agora sei que, coma todas elas, non ter a capacidade de albergar o rencor moito tempo é unha capacidade menos que aproveitar.
eu quixera como ti dís: "non desaparecerá, nin quero que o faga"
que estea aí á sombra para lembrarme os erros pasados.
hoxe falas de engañifas (tíveno que buscar no diccionario)na historia,
e mais cada un ten a súa propia historia para a que lle conviña gardar un algo de rencor que lle evitara repetir certas cousas.

aproveito para comentarche que, ainda que agora andas sin tempo, é consideras a idea de desligarte do blog, do facebook, quería dicirche que empeces polo facebook ;-)
O blog, ainda que escribas pouco nel, e non comentes na comunidade blogueira, merece a pena que estea onde está. Eu dende logo penso terminar de lerche as intimidades todas de cando eras un solitario en Arxel. Iso sí, procurarei non enterrarte debaixo dunha morea de comentarios, para non roubarche o tempo de lermos.

rui disse...

Eu ao contrario, creo que son bastante rencoroso, só que cando a causa del non ten peso, co tempo desaparece para sempre. Mas hai rencores que non pasan, aínda que xa non fagan parte da miña vida seguen agachados aí dentro nalgún sitio, e basta con voltar á conxunción dos elementos que o fixeron nacer para que xurda coa mesma forza.

Non borrarei o blogue, aínda que me dan por veces arroutadas, ganas de borrar dun plumazo todo o que escribín nestes dous anos. En fin, agora que lle estás a dar nova vida coa tua leitura metódica non vou desaparecer.