domingo, 14 de novembro de 2010

O último xoves de cada mes

O último xoves de cada mes
as fadas cocen verduras

Érguense tarde pola mañá
porque no último xoves de cada mes
o reloxo de parede da cociña
o que marca o tempo universal
queda parado nas oito e media
e saben que non van chegar tarde ao traballo
así que toman unha boa ducha quente
e almorzan con zumo de laranxa,
salmón afumado, pan torrado devagar
ese dia collen do armario
o vestido novo, o das flores
e o poñen cun sorriso na pel
logo marchan pedaleando á oficina
e van recollendo no seu pelo
nas suas trenzas
o aire que o mar bate nas pedras
mentres coas marcas que as rodas da bicicleta
van deixando na auga da chuvia
que escurece a acera
escriben mensaxes para as gaivotas
a língua das fadas ten trazos curvos

ao mediodía comen ensalada con queixo
e noces, nas cafeterías do centro
onde as conversas se volven susurros
de follas secas e miradas e confidencias
cando elas piden na barra
os camareiros non saben por que
os últimos xoves de cada mes
as mesas se volven tan intimas
e tanta xente se namora
é un regalo que fan as fadas
sen elas sabelo, co movemento dos seus corpos
esparexen a luz no interior dos outros

pola tarde volven a casa recollendo nos cristais das gafas
o brillo do sol baixo, o que se vai a américa
que limpa os últimos resíduos do reflexo
da pantalla do ordenador
o último xoves de cada mes
as fadas cocen verduras
co sal que levan no pelo
coa luz do sol que gardan nos ollos
e no vapor que sae da pota
envían poemas, os máis fermosos,
que se pegan aos cristais, e á porta da nevera
e saen ao mundo polas suas chimeneas
a língua das fadas é leve
logo de cear recollen a mesa
e poñen no lavalouzas os coitelos
de cortar as verduras
coa punta para abaixo
as fadas teñen eses xestos de cariño
para coa humanidade

o último xoves de cada mes
cando me deito
a almofada arrecende a verdura cocida
e aínda que houbo un tempo no que sabía
traducir a palabras os seus versos de vapor
hoxe xa só os respiro, me emocionan
e nun intento van por encontrarlles o sentido
só consigo transformalos
en duas lágrimas verdes
que me recordan que xa teño
que mudar as sabas porque
o mes está rematando

2 comentários:

rui disse...

Bem, agora que as visitas ao blogue estão quase defuntas posso arriscar entradas como esta, pingando melancolia (enfermidade congénita galega)

Anabela Magalhães disse...

Podes nada, Rui! kakakakaka... eu ainda ando por aqui... apesar do blogue estar minguado de posts...
Bjs