sexta-feira, 13 de maio de 2011

Só o recordo

Aquela noite puxéranlle na mesiña, á beira do leito, un cigarro e un vaso de viño prohibidos dende había vinte anos. O vello fumou e bebeu e morreu esa noite mesma. Logo viñeron as correntes de aire frío a abrir ventás e pechar portas, as follas a arremuiñarse na entrada da casa, eran as meigas todas que tiña amado, acudían a recuperalo, agora xa só para elas.

Quedáronme as imaxes das maceiras, das ovellas, das tardes apañando herba xuntos, do palleiro, da bodega coas ferramentas de carpinteiro, dos homes a termar do boi mentres el o ferraba, e tamén esporádicas referencias ao traballo no naval que non interasaban aos oídos dun neno. A parte do seu mundo que se enredou no meu.

E non teño nin sequera unha foto, aínda que fora en branco e negro, ou desenfocada ou sucia e enrugada. Só o recordo.

6 comentários:

Concha L. F. disse...

Unha lembranza grabada na memoria fai máis ca mil imaxes impresas en papel...

Un saúdo.

rui disse...

xa sei... é só saudade

paideleo disse...

Unha lembranza ben chea.
Din que o máis importante no mundo sempre é intanxible así que non hai motivo de tristura.

rui disse...

Tamén o bo que ten o de que o importante sexa intanxible é que non se pode perder nin estropear.

xenevra disse...

Que mellor fotografía ca o propio recordo, doce, enredado nos feitos acontecidos.
Lembrei o relato aquel de Castelao, o do O Retrato; mellor o recordo ca calquera foto.

rui disse...

Si, mellor o recordo. Quizais o que máis bote de menos son aqueles anos, cando eu era un neno, el xa non estivo no tempo de adulto, por iso o seu recordo quedou unido á infáncia.