Como encontrar ese sitio de sombra onde non poida volver o tirano levantarme polos nocellos e guindarme nunha silveira? Como entrar nese estado de coma profundo no que xa todo me teña igual, e nin o temporal con ondas de oito metros consiga despertarme? Sei dun sitio cheo de camelias e buxos onde podería retirarme do mundo, alí sería xardineiro, limparía os estanques, varrería os paseos, deixaría o musgo cubrir o granito á sombra dos magnolios. Sei que alí só, se ninguén lle dá o meu enderezo, non me había topar, sei que cunha biblioteca e un parque así podería viver moitos anos libre, se iso pode chamarse viver. Na unidade de coidados intensivos. Admirando as pingas de orballo nas follas da verdura, seguindo o lento avance cara abaixo das miñocas na terra recén cavada. Protexendo día a día o medrar de cada plantiña... gozando da orde artificial que fai a natureza meterse no wonderbrá da nosa estética. Qué mais ten. Sei que hai un sitio así, cheo de sombra, da música das fontes, dos chíos dos paxaros. Mas estar en coma é estar morto e xa creo que nese estado un non debe sentir as mesmas cousas.
Así que supoño que (penso logo insisto) hai que seguir subindo e baixando coas ondas, ás veces comendo, outras vomitando. O temporal non hai quen o pare, non hai botón que o apague. E o tirano ha voltar facendo cos seus arrecendos de primavera esquecer a resaca que deixará en herdanza.
Sem comentários:
Enviar um comentário