quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

O galego e o novo acordo ortográfico da língua portuguesa

Ben, grazas ao comentário de Anabela Magalhães á entrada nh-lh na que botei ao aire unha pregunta bastante complicada, a posibilidade da sobrevivencia do galego sen achegar a nosa ortografía á portuguesa, grazas a Anabela estiven mirando un pouco de que trataba o do novo acordo ortográfico da língua portuguesa , aí onde está enlazado e máis na web ciberdúvidas, onde lin algúns comentários en contra.


Resumindo, a actual diverxencia entre o português de Portugal e o de Brasil naceu en 1911 cando a ortografía foi actualizada en Portugal sen ter en conta aos brasileiros. A partir de entón cada língua foi digamos que evoluíndo independentemente, e agora, cen anos despóis as diferenzas son tan grandes que semella que o novo acordo vai ter que ser metido con calzador, forzando bastante, ou con un chisco de violencia.

Agora vou eu ao tema das evolucións, para aplicarlla á nosa língua, o galego que dende a Idade Media comezou a distanciarse por motivos políticos si, mais tamén, quen podería negalo? por ter unha base lixeiramente distinta, sen influencia da zona musulmana do sur reconquistado. Se só cos 99 anos é tan difícil poñer dacordo unha lingua que se foi separando, que non será para unha que leva... qué sei eu, digamos 500 anos de distanciamento.

O facelo á forza, comezando dende xa a escribir directamente en porgugués, só provocaría un rexeitamento dunha parte importante da poboación que emprega o galego na escrita, non digamos xa da xente que sendo falantes habituais só coñecen a escrita en castelán. O galego e o portugués están hoxe irremediablemente afastados, e someramente expoño algunhas diferencias para explicalo


  • no galego non existe a pronuncia do v, nin do j, nin do s, z sonoro,
  • cando escribimos noso pronunciamos nosso
  • para nós non ten sentido escribir desejo, pois que pronunciamos dessexo,
  • nin jogo pois dicimos xogo. Non hai diferencia entre baixar e viajar (pronunciamos biaxar)
  • si que temos un son a maiores, e é o ch, pronunciado como tch, de feito chamar nos non pronunciamos xamar, senón tchamar (idem para todos os ch)
  • e, ademáis diso, o noso indefinido uma pronunciase como nasal velar sonora, nunca como bilabial (humano). Aquí escríbese como unha, e algúns grupos reintegracionistas póñena como umha para evitar a confusión cando se emprega o nh en lugar do ñ,.
  • Non entro na problemática do b-v, iso é fácilmente modificable, xa que só temos un son para as duas letras (b), polo tantos énos o mesmo escribir libro ou livro
  • o Z, admite as duas pronuncias, a do s xordo e a máis extendida do th inglés (fricativa interdental xorda)


Ben, partindo destas diferencias e visto que o galego aillado ten unhas dificultades tremendas para sobrevivir, tendo en conta a orixe común de ambas línguas sería moi interesante ir pouco a pouco adaptándonos a escrita portuguesa, sen modificar sustancialmente a nosa lingua, vamos, sen que o galego deixase de ser galego.

  • Para iso é moi fácil facer desapareder o duplo L e grafalo como lh, non cambia para nada as nosas palabras: toalha, molhar, milho, atalho
  • eliminar o ñ, (co único conflito de procurar unha nova grafía para unha-algunha-ningunha e as contraccións con de-en-con): castanha, pinha, medonhento, farinha
  • adoptar todos os v portugueses, xa que a nós tennos igual. Lavrador, livro, palavra, ceive, erva..
  • o emprego do hifen (o guión) para separar os pronomes do verbo (a pronuncia permanece a mesma): darei-cho (dar-to-ei), senta-te-me, chama-nos
  • sería tamén posible o cambio da acentuación pasando lencería a lenceria, e estancia a estáncia

Polo momento deixariamos a un lado o duplo ss, pois xa vemos que non ten moito sentido, ao pronunciarmos igual casa que cassa.


Se tivésemos a cordura de aprobar unhas normas así para o galego, normas que poderiamos chamar indefinidamente de transición, aínda que non perderamos en principio nada da nosa língua, estariamos (case como falan os políticos) asentando uns alicerces ben sólidos para o futuro da nosa língua, e en consecuencia da cultura do noso pobo. Esta norma permitiría a fluidez entre os países de língua oficial portuguesa e o noso, e as expresións culturais galegas xa non terían que ser traducidas ao portugués e viceversa.

E o máis importante... de estar limitados a escasamente tres millóns de persoas, pasariamos a douscentos.



3 comentários:

ekis1331 disse...

Os meus coñecementos filolóxicos deixan moito que desexar, empero resúltame moi interesante a túa proposta. A cuestión é, nun proceso lingüístico de erosión como o que está a viví-lo galego, non sería contraproducente cuestioná-lo modelo normativo actual denantes de afianzalo??)... e, por outro lado, ata qué punto ata qué grao, unha lingüa é susceptible de ser replantexada "teóricamente" á marxe da súa esencial condición fenoménica, é dicir, á marxe da súa espontaneidade, da súa natureza viva e mudante?? Saúdos

rui disse...

Precisamente eu non estou propoñendo ningún replantexamento da língua, únicamente da maneira de representala. Por exemplo, coa nova normativa de hai un par de anos, pódese dicir até en lugar de ata, e posibel en lugar de posible, pero eu non falo aquí diso, eu digo que o mesmo que se fala agora poder representalo cunha grafía máis próxima á do portugués, para que pouco a pouco as nosas culturas se acheguen. O galego ten máis de portugués que de español, o natural é que sexa representado cos nh, lh, et voilà.

De todos os xeitos sei que é unha utopía, xa hai grupos que adoptaron unha grafía "para ir tirando" co das terminacións en çom, o máis doado sería achegarme a eles, pero o problema é que me parece que aceleran tanto a evolución da língua que son difíciles de seguir.

O menos agresivo sería unha proposta deste tipo (ou unha similar, eu non son filólogo) na que se manteña o galego, coa sua gramática, pero adaptando a maneira de escribilo.

xa, xa sei que a nosa língua está nunha situación tan precaria, que tentar mudar algo podería facelo peor e afogala aínda máis.

Ben, graciñas polo comentario, ekis

Anabela Magalhães disse...

Este post dá pano para mangas, Galego!
A reler...