segunda-feira, 31 de janeiro de 2011

O barco dos seres melancólicos

Podes vivir onde sexa, coas tuas rutinas, coas relacións cotiás, absorbendo pequenas cantidades desas sustancias que che axudan a voar uns centímetros máis alto, recollendo nas esquinas mínimas doses de esperanza, parches para que non se che vaia o aire todo. Ti andas por aí coma unha máquina, ao teu, pero en realidade levas a existencia enteira navegando nese barco de madeira podre, o barco dos seres melancólicos; ninguén o diría porque fas unha vida en apariencia normal , só é esa superfície que se move guiada por un piloto automático creando a ilusión de estar vivo, esa lene capa que ven os outros. En realidade non estás aí, o verdadeiro de ti está embarcado dende sempre nesa nave, ou navío, ou nao, que fai auga dende o primeiro día e non acaba de afundirse dunha puta vez. Nunca serás quen de rebentarlle o casco, ou griparlle o motor, ou provocar o máis mínimo fallo para que deixe de ir á deriva e vaia ao fondo. Pero soñas, case todos os días, que encalla, que cho afunde un meteorito, ou calquera outra forza sobrenatural, que quedas náufrago na tona do mar, e ven outro navío cunhas siglas, ou uns inciensos, ou uns uniformes cheos de calor, de aroma, de color, que te recolle e nunca máis sentirás a tristura daquelas táboas gangrenadas.
Seguiría na superfície o mecanismo da existencia, en automático, pero ti estarías xa navegando nalgunha ruta sobre augas turquesa de ilusión.

4 comentários:

rui disse...

Lin neste mes de xaneiro a proposta de "un post ao día", coa modalidade suavizada de "un post por semana", e non sei como pero viñéronme ganas de sumarme ao tema e soplar un pouco no blogue moribundo para que inche a vela de novo. Conseguino polos pelos, acabou o mes e publiquei xusto-xustiño catro entradas. Non sei se o conseguirei, xa veremos dentro de seis meses.

oko disse...

eu non sei onde deixei varado ese barco

rui disse...

En Marín?

oko disse...

seguramente en marín, por iso estou sempre tan saudosa