quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011

café

a cada folla do xornal que paso desvío a atención, poñendo un espazo en branco entre artigos, ás conversas das mesas veciñas trenzadas coa bossa-nova que dende os altavoces esparexe unha morna esperanza matinal.

leo titulares en negrito, grises subtitulares e as sinaturas, entro non entro, rozo a foto, sigo buscando, paso outra folla, volvo ás conversas, vólvo á música que as envolve, todo cuberto co temporal que lanza pingas kamikazes contra os vidros.

Madrid, Galiza, Catalunha, PSOE, PP, corrupción, discursos nos que se cuspe veleno, caixas de aforro, CRISE, países árabes, centos de letras cinzentas, cambio de sección levanto a cabeza, aí segue o ceo gris de cinza mollada isolando a vila coa treboada que asolaga o café, convérteo nun submarino dende o que se divisan as árbores do paseo acenando desesperadamente, esluídas pola auga que esvara con violência sobre os vidros das ventás refuxio da música, das conversas e das follas do xornal.

Ármome co que resta de café na taza, comeza o suplemento literario, quizais cando erga de novo a vista, a borrasca teranos feito encallar entre duas estrofas dun poema de Benedetti ou Pessoa... sûrement ailleurs.

5 comentários:

rui disse...

non conseguía durmir, tiña ganas de escribir algo
andábame pola cabeza o dos fractales, o temporal destes días, o bar onde leo o xornal pola mañá, cando o turno o permite.

Anabela Magalhães disse...

E ainda bem que escreveste. Por cá é exactamente a mesma coisa. Gostaria de ler notícias outras...

rui disse...

Complicado ler outras notícias...

Beijinhos, Anabela, fico muito contente de te ver por cá

Anónimo disse...

unha parrafada demasiado dispersa polo meu gusto . Tiñaste que centrar mais no tema importante do teu speeched que foi desas pingas suicidas que se estrellaban contra o cristal, onde foron entrenadas , levaban armas quimicas ou so era H2O , casadas solteiras estado civil .......perdeuse a epica do relato ,enfon a proxima vez sera

rui disse...

O meu speech nunca chegará a ter un Oscar como o do rei!
(Mira que ben enteirado estou da actualidade, claro, tantas horas de coche ao día...)

Este texto gustoume, pero teño o gusto que anda co paso cambiado, vai por libre.