sexta-feira, 6 de março de 2009

Amores e elección(s)

Centos e centos de bandeiras novas e limpas, verdes e brancas. É o máis coidado de todo o país. Non querería que chegaramos até ese punto co azul e branco noso.

Santuarios da revolución onde se mostran en vitrinas paquetes bomba, o fin xustifica os medios, e as bolas de aceiro incrustadas no explosivo fan difícil tragar a palabra martir ao lado de cada foto. Martir que morreches para deixarme este império! Tampouco querería ese mausoleo para nós.

“Tomade o libro, aí tédelo todo, para o resto xa estamos nós”. De cando en vez unha condea que se quere exemplarizante pola infracción da lei divina, só unha maquillaxe. O pobo segue o seu camiño, independente deles que o teñen todo. O cambio foi brutal, os centos de chabolas de lata e plástico dan fe dese paso truncado da sociedade tradicional á civilización europea. Revolución divino tesouro, todopoderosa chave para tapar bocas e encher petos e contas na Suíza.

Algo fallou nos planos quinquenais, esas manchas de miseria que se estenden ao longo das vías do tren, na saída dunha cidade, na entrada da seguinte, rachan o universo de patriotismo de todo a cen, condenan silenciosamente o réxime.

Golpes de estado encubertos, Europa e os americanos miran ao ceo mentres siga habendo negocio. E hai moito, así que aínda que o negro brillante do piche das rúas recén asfaltadas tente un simulacro de campaña electoral, a única foto omnipresente é a do dono do país (co permiso dos uniformes) e o resultado, a trinta e tres días das votacións, podo adiantalo eu sen necesidade de ler nos pousos do café.

...

E contodo nunca pensei que chegaría amar tanto este país. Xa se sabe que o cabrón do amor padece de disfuncións oculares severas, e por riba eu fun confundir o botiño de colírio co de loctite.



2 comentários:

Shucram disse...

Tes razón, despois de ler a Castelao a decepción é maior... Pero toca sentir máis cariño aínda pola nosa nazón. Galiza sempre! =)

rui disse...

Ah, pensei que xa respondera ao teu comentário...
houbo problemas coa conexión.
Aquí falaba das próximas eleccións presidenciais en Arxelia, onde estou a traballar dende hai un tempiño.
Toujours!
Eu xa hai anos que o lin e aínda así a decepción foi Grande.