quinta-feira, 25 de fevereiro de 2010

Memória

Últimamente comezo a notar uns espazos en branco
nas gavetas do país dos meus recordos
é posible que estean a fallar algunhas autoestradas
neuronais, maiormente por falta de manutención
han estar cheas de buracos e coas liñas deleídas
por veces son anos enteiros que se borran
até que unha imaxe reflota o groso daqueles meses
por veces só unha noite que quería conservar
entre envoltórios de xabón aromático
e perdo o enderezo electrónico daquel soño

non quedan fotos nin frases que revivan
o sabor salgado dos camiños
que marcaba con saliva sobre o teu corpo
nin a éxtase que me provocaba
a tua perda temporal de dicción

nin o arrecendo da tua roupa
pousada na cadeira do cuarto


e aínda que a automedicación é desaconsellabel
ou polo menos contraproducente na cura de certos males
penso que neste caso de patoloxía ben definida
podo arriscarme a propor un tratamento
de choque, cunha posoloxía bastante elástica
tanto como o colchón onde se recupere
tanto tempo perdido

só por reparar os desperfectos
das conexións neuronais
enténdase

Des charmes de ma mie
j'en passe et des meilleurs
vos cours d'anatomie
allez les prendre ailleur

G. Brassens

2 comentários:

Ra disse...

Me encanta.


Todo por la ciencia :)

rui disse...

A ver! Alguén se ten que sacrificar!