sábado, 29 de maio de 2010

Visita

na porta
da tua casa
mergulleime nun caldo
de café con leite e torta de améndoa
entrábame a vontade polos poros da pel
ese país que non existe
no código binário
unha nación difusa entre o cero e o un
un continente que non quere estar
nos libros de xeografía
quizáis así tamén sexa eu
pasar desapercibido, viver fóra
dos arquivos, de incógnito.
Aproveitando a visita saín
lastrado de novela brasileira
e poesía, á procura
das pontes que nos eleven ao un
das fontes que nos acheguen aos dous
sempre na distância
para ben ser, enchoupados de nostálxia
a buscarnos no horizonte do calendário
que lenta pasa a vida!
canto tempo sen o arrecendo
húmido do teu corpo!
e así, así mesmo
sígote amando por procuración
mentres o mundo que vou construíndo
se esboroa constantemente
deixando só un ronsel de borralla
o triste legado dun home triste
que te amou.
nada

2 comentários:

Zeltia disse...

amando por procuración? teño que matinar nese senso de amar.

sempre me sorprenden os poemas; o poder que a conxunción de determinadas palabras ten para agromar emocións en quen o le.
(Non sei que fai sentir a quen o escribe, porque nunca fun quen de escribir un)

rui disse...

Non sei para os demáis, cando eu escribo quero volcar uns sentimentos, canto máis consigo aproximarme máis me gusta o resultado. Non sempre o consigo, precisaría moito tempo para lograr o cen por cento de coincidencia, e non o teño.