quinta-feira, 17 de julho de 2008

Os labores

Isto xa no é de agora, é unha enfermidade que me vén dende cando eu era un cativo, logo de rematar o xantar a nai repartía as tarefas, un a recoller a mesa e levarlle a comida ás galiñas, outro a varrer e quitar o pó dos mobles e, outro a lavar a louza, e así todos os días até que chegou a idade na que as camisas comezaban a apretar no peito e nos brazos, os bíceps e os pectorais íanse inchando e divertiamonos a rebentar os botóns inchando o peito, e a rachalas polo lombo ou baixo os brazos, só coa presión deses músculos que como por arte de maxia, dobraban de volume. Foi entón cando pasamos ao soto, cos ferros e aí foi o momento da formación do pai, coa soldadura a nos furar os calcetíns aprendemos a apartar a vista para non ter os ollos rubios e pasar noites de imsomnio. Agarrar dos tubos e as barras mentres ía compondo reixas, portais, escaleiras... e logo o aburrimento do minio, ou a sorte do galvanizado. Porque o minio era como pintar con chapapote, e o galvanizado, guai, levábase a peza ao taller, metíana nunhas cubas e dábancha lista, glória! só que había antes que quitar ben a escoria, que logo eran puntos de entrada do óxido, e ben é sabido que o mar é enemigo do ferro e paseniñamente vaino comendo se non se lle pechan todas as entradas.

Pero isto, a enfermidade da que falaba quedoume da miña nai, e aquí, considérase unha anomalía porque un home non se rebaixa a preparar a comida, menos a fregar o chan ou lavar a louza, vous êtes sûr que vous n'avez pas besoin d'une femme de ménage? pero para min é coma unha terápia, a fin de semana agarro a vasoira e non queda recuncho da casa sen recibir a miña visita, e os cristais e o balcón e os baños e a bogada... a orde crea un espazo de paz ao meu redor, calma. Repouso

1 comentário:

Anabela Magalhães disse...

Lindo texto. E gostei especialmente do conteúdo. :D