quinta-feira, 9 de abril de 2009

Ditaduras e simil hidráulico

Durmo nun eixo de menos trinta graos respecto á dirección da Meca, e acho que debe ser algo bo, máis que nada por desaliñarme da cultura relixiosa dominante, e tamén porque aos mortos os enterran cos pés cara alá, no mesmo eixo.

Mañá son as eleccións e últimamente xa apareceron na rúa algúns cartaces con fotos doutros candidatos, máis que opoñentes parece que son a camarilla, os catro pailáns que entran no xogo desta ditadura para darlle un airiño democrático. Xa dixen hai uns cantos postes (de viña) que o resultado está claro sen necesidade de contar as papeletas, de feito han contalas só alí onde haxa observadores internacionais, paises árabes, países africanos, mesmo algún candidato á presidencia ofendíanse todo porque viñesen aquí a tutelalos, como pode alguén dubidar do noso réxime de liberdades?! Todo unha peza de teatro onde as mafias se fotografían sobre colores azuis, tentando darlle un aire de pureza, limpeza democrática a esta pallasada na que moi pouca xente ten posta algunha esperanza, porque ELES poden dicir o que lles pete, a vida vai por outros carreiros, bastante tortuosos nestas terras.

Solución. Claro que non hai que queixarse así porque así, sempre aportando escuridade, carallo! hai que levar un saquiño de luz, aínda que sexa só unha bolsa pequena do alcampo, un puntiño de positivismo, de dicir non me gusta, prefíroo así, e analisando, analisando... qué tería pasado se nos noventa o FIS non se tivese visto privado do mando que lle dera o povo, anulándolles as elección... eu penso que só cousas positivas, o primeiro teríanse aforrado miles e miles de mortes, o segundo o país sería oficialmente menos integrista, porque para eliminar o enemigo adoptaron as suas peticións, así os votantes diríanse, ben, non se poden presentar pero xa o bo do governo actual nos dá a sobredose de relixión que aqueles rapaces nos oferecían. Todo unha fachada, igual que o nacionalismo exacerbado, os millóns de bandeiras enchendo cada recuncho, tapando os ollos e as bocas. Correndo un cortinón escuro sobre as operacións sucias dos que mandan. Inoperancia, enchufismo, fillo de fillo de inútil o señor mudir (director), méritos herdados, incompetencia incluída. La chippa, le pot de vin, o xamón da nosa terra é cousa cotiá aquí. Pagar por poder traballar, aínda que iso... iso... sóame tamén dun continente chamado Galiza, e non dos tempos da Idade Media, de hoxe, de hoxe, e cáeme a cara ao chan coa vergoña. Pais infradesenrolado sous-dévéloppé nas mans dos caciques modernos que seguen a chupar. Malditos! Se puidera faría un inferno para vós, explotadores, honte de la race humaine.

(véxase, p.ex., acceso a determinadas prazas na administración local de tantos e tantos concellos no país, paga e logo aprobas, quén non o sabe?)


2 comentários:

rui disse...

Ben, as eleccións foron hoxe, o poste escribino ontem. Non vin os resultados, pero xa os pronosticara hai un mes e creo que terei unha porcentaxe de acerto do cen por cento.

rui disse...

Manda carallo, agora a mesma candidata que se queixaba de que viñeran observadores internacionais denuncia unha fraude masiva e xeneralizada nas eleccións, como podería unha mente cativa como a miña comprender este país!