Comecei a preocuparme cando ás alegrías lles deu por chegar case sempre en botella de cristal desas botellas imposibeis que veñen cun dobre fondo no que se agachan apocalipses caladas nunha conta atrás difícil de parar.
Preocuparme é o que teño que facer, que viver despreocupado é o peor que hai, o mundo precisa de lombos para se manter aí aboiando na galaxia, senon mais seguro había cair nun deses buratos negros con bocas pequenas e estómagos infinitos, eses buratos cobizosos de planetas preguiceiros que logo cansan de estar a aboiar.
Comecei a me preocupar cando os sentimentos se asilvestraron, botáronse ao monte e axexan o meu paso detrás das penedas, nas costas da vexetación baixa e rara, lambidas polo vento. Agardan calados o meu paso canso para se me botaren ao pescozo cos caninos afiados e as poutas cegas abríndose paso através da miña pel, levando a luz aos órganos escondidos.
Para amansalos, para civilizalos, quería pólos en ringleira un atrás do outro, como se estiveren na cola do banco, ordenadamente obedecendo o meu sinal de ministro de ventanilla para que pase o seguinte. Só se me ocorreu un corredor estreito feito de vasos. Deses vasos que, como é costume neles, baleiran botellas.
As botellas que agora veñen con ese dobre fondo (seguro son os chineses quen as fabrican, eses cabróns están en todo).
Trangallada todo, non me topo, hai menos dunha semana que volvín e sinto como se a festa da semana pasada tivese sido hai tres meses, non teño ganas de escribir, de responder aos comentarios, de comentar os textos dos outros blogues, non sei, hai a hóstia de choio... por facer, iso é o malo, estou aboiando, pensando unha vez máis en alto, canto máis ha durar este espazo de vaídade. Mato o tempo morto, non ten moito mérito, pégholle un tiro a un cadáver.
2 comentários:
Tes que facer o que queiras, por que se fais cousas sen ganas, vaste sentir peor. Non pasa nada por que non comentes, nen escribas...Xa o facerás cando de verdade queiras. Unha aperta e disfruta da ponte xigante.
Non, home, é que volvín a Arxelia e nunha semana aquí xa parecía que levaba tres meses. E de ponte nada, nin sequera unha barca a remos que aquí Cristo seica non morreu, entón non che hai nada que festexar. Houbo aí atrás o Mouloud, o aniversario do nacemento do seu profeta, pero do nazareno non hai celebracións, considérano un profeta sen máis. O seu é o derradeiro.
Tamén estou farto con maiúsculas de que tenten meterme a relixión con calzador. En fin, un saudiño, Suso e graciñas polo comentario.
Enviar um comentário