sexta-feira, 29 de maio de 2009

Oran-Constantine

Días de moita viaxe, do oeste ao centro, do centro ao leste, e volta para atrás, de tren, de avión, de taxi, pasando dun extremo ao outro en todos os sentidos, Constantine tivo a desgraza de ser o berce dun teólogo musulmán e a relixión está tan enraizada que beber un vaso de viño se convirte nunha dexeneración inconcebible, o hotel refuxio de pecadores e/ou estranxeiros, que tiña unha chea de estrelas na fachada (as de dentro apodreceron dende a independencia) só oferecía unha marca de viño e unha de cervexa no restaurante, e o viño, vaia por alá, era un coes con tapón de corcho. A xente si, amable, e bos traballadores, makench mouchkil, mas estás tan protexido que en realidade vas alí preso, só chegar ao taller a parella de policía de paisán ven collerche os datos. E logo sempre acompañado, choio-hotel, hotel-choio, así ata que chega o día hotel-choio, choio-aeroporto. Menos mal que conseguín ir dar un paseiño a primeira hora da mañá polo centro antes da chegada do chófer, e os franceses deixaron marabillas, que, ao contrario de Orán, aquí si que saben coidalas.
Orán foi unha vila fermosa, hoxe abandonada e chea de basura, sen alumeado público máis que nas rúas principais, coas aceras caóticas, mesmo cando ven de visita o presidente arranxan todo dunha maneira tan trapalleira que parece feito por unha clase de educación infantil. Iso si, aquí tes bares, de cervexa a montón, aínda que a maioría parecen feitos para expresidiários, e restaurantes con viño a prezos europeios. E xusto abaixo, na esquina do hotel e xa antes de que se poña o sol, hai sempre unha banda de rapaces que oferecen os seus corpos para os alivios rápidos da soidade aos homes, sen ningún impedimento das autoridades, nin dos veciños.
Sonche uns contrastes tan agudos que non hai maneira de asimilalos, métese todo iso dentro e faiche un desastre na alma; con tanto canto afiado, non hai xeito de arrombalo nun recuncho sen que esgace algunha teoría que pensabas inamovible.
En fin. Pronto, bientôt, outra viaxe á capital, e avión a Galiza (vía Madrid, como non). Ghaniñas de comer xamón! Na T4 bocata de porco e cervexa espanhola.

Sem comentários: