segunda-feira, 23 de junho de 2008

Doutores

Ben, volvenme incordiar estas malditas moas, así que fun ao dentista, e aínda se lembraban de min, hai tres meses tirei alí unha moa que levaba outros tres torturándome, e fiquei moi contente coa profesionalidade da doutora, en dous movementos e fora, mas o problema é que eu para todo o que ten que ver co instrumental médico teño unha aprehensión tan irracional que me fai porme branco coma unha folla de papel cada vez que paso polas xeringas, taladros, tixeiras, bisturís... non é dor, só é unha cousa irracional que me fai quedar media hora logo do evento deitado nunha camilla a recobrar as constantes vitais. E aquí pensan que, sendo europeo, temo o sistema médico do país, e por suposto que non é iso, até o de agora topei con profisionais moi bos, aínda que para o meu gosto abusen un chisco dos antibióticos. Pasou algo semellante cando en Orán tiven que ir ao médico por unha uña que tiña machacado en Annaba, o home cría que eu non confiaba na operación por toparme nun país con menos recursos que o meu, pero non era isso, era que son un mixiriqueiro; con el tamén gocei dunha profesionalidade que xa me gustaría na Galiza, lembrei a saga de Noah Gordon, con O médico, porque me explicou perfectamente o que me sucedera, cunha lámina que tiña pegada á porta do quirófano, me recetou unha inxección para o mareo e outra de anestesia, para pór no dedo, máis as vendas, betadine, antibióticos... e me dixo: agora estou esterilizando todos os útiles, así que baixas á farmacia, compras todo, tómaste un bo café con leite e logo volves, e así fixen, e ao subir púxome el mesmo as inxeccións, e anestesioume, e procedeu, e ao rematar deitoume na camilla e, eu estaba bastante mal, como sempre, e esperaba o mesmo que na Galiza, unha media horiña deitado na penumbra, mas, sen avisar, de súpeto lanzoume cun trapo empapado unha chuva de auga fría á cara que me deixou como novo.

Pensei que aquí os doutores teñen menos medios, si, e gracias a iso exercen a medicina máis próximos ao paciente, para min os verdadeiros doutores, que non che mandan a un especialista, fanche eles mesmos todo.

2 comentários:

Anabela Magalhães disse...

Gostei muito de ler esta tua experiência "médica" por terras argelinas.
E são expeditos, no? Kakakakaka
Com a água puseram-te como novo!

zeltia disse...

oh, que coincidencia! eu teño unha fobia tamén aso instrumentais médicos, xeringas, mesmo aos medicamentos que me teñan que meter por vea,
só que eu en vez de poñerme mal despois, poñome antes, só de pensalo, a anticipación esa que din os psicólogos!
Desta volta tiven que facer unhas probas nun quirófano, agora en abril, e dende hai tres meses que o sabía só escoitar a palabra abril, ou primavera, poñíame mal!
Menos mal que xa pasou e non foi para tanto, nunca é para tanto, pero igual o paso fatal.