sábado, 19 de julho de 2008

Return to my onions


Coa banda sonora de fondo dos neumáticos dos carros contra o asfalto, ziuuum, ziuuum, algún cláxon ao lonxe rompendo a monotonía, os paxaros facendo os acompañamentos xusto abaixo da ventá, no oued, e o ladrido dun canciño amortecido polas árbores, foron pasando as horas desta tarde na que despóis dunhas semanas quedo, de novo, só contra o computador, cómo te botaba de menos, meu ben! meu tesouro! Sobre todo agora que volveu a conexión e es a miña ventaíña ao mundo.
Tanto me faltaches que, non podendo soportar a tua ausencia, me din á bebida e pasei noites de exploración da miña capacidade de resistencia na cidade do pecado, entrando en antros nos que dificilmente me arriscaría só, e nos que non será doado volver a entrar; as cascudas gaveando polas paredes forradas de veludo vello de sesenta anos asistían, xa curadas de espantos, a todas as transaccións ilícitas que alí tiñan lugar. Sen embargo, as ceas acompañadas cunha botella de tinto de Marrocos conseguiron facerlle un sitiño no meu corazón aos dous leóns... claro, e o couscous do domingo tamén.
Se non hai novidades dareille un merecido repouso ao fígado, fartareime a facer combinacións de cebolas co resto dos alimentos, cebolas con tomates, cebolas con arroz, cebolas con patacas, cebolas con ovos, cebolas con allos e pementos, cebolas fritas e crúas, con perú e vitela, con sardiñas e frango, cebolas! Bolas!

1 comentário:

rui disse...

Some more onions photos?