domingo, 3 de agosto de 2008

Caos

Logo da festa chega a limpeza, o chan quere un freghado urxente, os compañeiros de relixión xa voaron, sonche medio paxaros eles. Eu tamén pronto, pronto deixo esta casa, por unhas semanas, pero nunca, ou case nunca, son as cousas como un as imaxina, así que eu que esperaba agardar polo avión deixando escoar as tardes pola pantalla do computador, teño que precipitar de novo a partida, mais aínda non para Galiza, voltar á cidade da cervexa e perder xa a conexión á internet até quizáis a miña volta a Arxelia. Non é que me disguste ter que viaxar, só que últimamente chegan as urxencias sen avisar e hai que coller o avión ou o tren ou o taxi no mesmo día e cambiar os plans de súpeto. Como son bastante desordenado iso não faz mal.

E falando em desordem, tiven esta semana pasada que recopilar datos das tarefas do último mes e buscando na mochila xuntei tres caderniños (ou catro) e pasando follas fun recompondo o puzle, porque me encantan as libretiñas, case sempre ando con unha no peto, cun bolígrafo, e alí vou anotando cousas tan dispares coma conxugacións de verbos no árabe do país, ou palavrões que non se deben escribir, con táboas de presións das válvulas neumáticas, cancións en euskera, gastos das viaxes, termos técnicos en francés, esquemas eléctricos, referencias de pezas, cancións en castelán, listas da compra, enderezos, números de teléfono, cómputos de horas, desglose de operacións, e aínda números de teléfono sen ningún nome ao lado, e tamén nomes de persoas sen ningún número de teléfono ao lado. E os caderniños soen estar esfolados e sucios, coas follas que lles quedan engurradas, e a letra a maioría das veces é piollenta por ter escrito con eles apoiados na man ou no taxi, ou no tren. Sempre comezo un novo co propósito de mantelo en orde e limpeza, pero coas presas abro por calquera páxina e escrebo do revés. Así, moitas veces é como vai pasando a vida, loitando por aliñar elementos que naturalmente teñen que estar en desorde, case mellor reconvertir o cerebro para aceptar que o sitio de cada cousa non é o que nós pensamos que debera ser.

Hoxe estoume a estender de máis, tamén é que teño que facer de novo a mala (ben, a mochila) e non teño ganas, e recoller a casa para que saiba esperar por min sen meter outros inquilinos na miña ausencia, pensaba, por exemplo, nas cascudas do demo. Ben, bem, tout-de-suite vou escolher uma foto que dea un chisco de colorido a este post caótico e de fim de curso laboral. Xa verei se podo achegarme por aquí algún día para tentar frear un bocadinho o caos do universo co movemento torpe dos meus dedos sobre o teclado, autrement dit "clavier".

Biquiños/Beijinhos para todos os que leiam.
(tamén para os que miren a tele!)
Chao!!

3 comentários:

Anabela Magalhães disse...

Os teus caderninhos parecem os meus das viagens... o mais das vezes caóticos! Mas lá me vou entendendo no meu caos pessoal e íntimo que conjugo com a extrema organização das minhas aulas! :)
Para quebrar a monotonia.

Anónimo disse...

ás veces, cando che leo, sento que escorres por min coma a chuvia... hoxe ocorreu así. e quixen que o souberas

rui disse...

Qué ben escreves, querido anónimo, qué ganas teño de que te decidas a criar un blogue para gozar dos teus textos (e por supostos que me deas o nome dele)
Biquiños.