quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009

Cea de martes de entroido

O bo que ten estar aquí é que as veladas rematan antes, ás sete e media xa podes ir cear e mesmo se enredas moito na mesa, ás once xa estás de volta ao cuarto baleiro, ben, esta noite estamos os tres, eu máis os dous computadores, o meu sobre as miñas pernas e o da compañía a curarse das enfermidades que foi apañando nas páxinas onde matan a soidade os compañeiros, ou a deixan aturdida, porque ela nunca morre. Basta topar uns labios e uns ollos de verdade e xa poden os cabróns estes morrer de inanición, xa sen tempo nin para poñelos a cargar. Mundo virtual que vale para simular unha vida que non temos, mas como todo é psicolóxico (mesmo o frío polas mañás!) os estímulos van chegando, tecéndonos a ilusión de estar a vivir.

A cea estivo óptima, como din para abaixo do miño, non só polo comido que á fin tivo que ser o que había, comme d'habitude, senon pola compaña íntima, agradável: conversa, viño tinto, fígado de borrego. E o ambiente do restaurante, cun número insólitamente elevado de comensais, e agradávelmente ben proporcionado no xénero, axudou a pasar o tempo como se for noite de festa. Xa que non podemos pór os disfraces, cando menos festexalo dalgún xeito.

E falando destes mundos virtuais, deste afastamento da realidade, na mesa do lado, sentábanse as duas rapazas que levan uns días compartindo as zonas comúns comigo, con todos. No almorzo, o pequeno, soemos coincidir case por frente, case, tanto que apenas ela precisa xirarse uns graos para disimuladamente terme no seu ponto de mira. E eu, que non preciso esforzo ningún para observala, porque chego despóis e escollo o emprazamento favorável, paso os dez minutos do zume-torradas-croissant-caféconleite gozando de cada intre no que, por azar, os nosos ollos tropezan facéndose os parvos.

Gostaría de non ter que escribir isto agora mesmo, ás vintetrés e vintecatro minutos dunha noite de xoves, só acompañado por dous computadores que non teñen ollos, nin lábios, nin desexos máis ca os de seren enchufados aos cargadores. Gostaría esquecelos, botalos da miña cama, cambialos por ela.


5 comentários:

ekis1331 disse...

Pois xa sabes o que tes que facer no próximo almorzo... ánimo... ou é que, no fondo, a soidade pode ser moi cómoda?...

rui disse...

Non é iso... aínda que ás veces é mellor padecer os remorsos de non ter feito nada, que dura pouco, que a mágoa dunha despedida, cando os lazos se fixeron demasiado fortes.
Iso de que logo me quiten o bailado non me vai, de baile non entendo moito.
Un saúdo.

Anabela Magalhães disse...

Uma delícia de texto!
Amei.

rui disse...

Para mim é um sucesso que gostes dele, segues a ser a minha primeira leitora. Quem mais me visita.
Beijos

Anabela Magalhães disse...

E tenho tão pouquito tempo para passar por aqui!!!
E para imitar o meu ministro... "tou pior que o chapéu de um pobre!" Que é o mesmo que dizer "estou cansadita!"
Beijocas