quinta-feira, 16 de abril de 2009

Recuperación/récupération/recuperação

A presión da moral desta sociedade estabame acurralando, estabame facendo encoller, a piques de me facer implodir; a soidade, os días acumulados sen descansar no traballo, xa me paseaba coa cabeza baixa regresando á adolescencia, o desexo de aillamento do mundo voltaba dominarme, cousas tan lonxanas e que voltan cunha facilidade sorprendente, chimpando por riba de tantos anos. Levaba duas semanas aprazando a visita àquel sitio onde tan mal me trataran, onte por fin decidino, enfrenteime ao mal trago, hoxe iría alá, e fun, e non como as outras veces, collín o tren, en segunda, oitenta quilómetros até a vila das laranxeiras, e logo a pé quince minutos por unhas grandes avenidas arboradas, eran as sete e media da mañá, o sol xa quentaba, había centos de nenos na rúa de camiño ao cole, cos mandilóns brancos, fermoso.

Cheguei, e as miñas queixas anteriores surtiran efeito, recibín un trato correcto, puiden facer o traballo e saín tranquilo, voltei no tren mas aínda tiña un peso de carallo enriba, durminme. Espertei entrando na estación. Voltei ao hotel e botei duas horas e pico a ler Ce que le jour doit à la nuit de Khadra, e foi como unha droga, cando baixei de novo á rúa xa ía co sorriso nos lábios, tarxeta de teléfono, tabaco, botella de tinto para celebrar a noite do mércores, e conversa distendida cos comerciantes. Tomáronme por portugués, o que engadiu alegría na miña recuperación psicolóxica. Logo informe para Arxel-EH, regado cunha Stella oranesa. Conversa telefónica coa familia e agora coa botella* aberta o mundo afrouxou as tenaces, reconcíliome coa humanidade desta banda do planeta.

Mañá traballo, bihar lan egingo dut, ghadouan aandi el-khedma, mas já tenho feita a desfragmentação do disco duro. Tudo recomeça bem. Acompanho com música, zutik, zutik, makurtu gabe! Bientôt je vais formater le système entier, chez moi, chez nous, mon amour, dans tes bras, onde ao tempo se lle gastan as pilas.


* Chateau Tellagh / Médéa / 1998 / product of Algeria (12,5 %)



3 comentários:

angel ppog disse...

digache o que che diga o mellor e o de volver sorir , da botella de vinho hai que decir marca e ano.
o da infancia non vai contigo, coller forzas non e un paso atras e dar con mais forza a proxima
chao chao

A Conxurada disse...

E que a botelliña de viño fai moito.

rui disse...

Volver pero non a dar con máis forza, non quero golpear, quero un mundo intelixente onde haxa respeito, o mesmo que eu dou, e non sexa preciso imporse nin afectar comportamentos adolescentes de superioridade tipo galo de curral. Esa pequenez moral me fai perder os papeis, menos mal que recibiron a vacina vía Arxel e ata trouxeron unha pastilla de xabón cando rematei o choio. Pour racheter leur faute.

Conxurada: si, algo axuda. Espero con ánsia o meu turno!