quarta-feira, 11 de junho de 2008

Meus inimigos


Volvo preparar a maleta e deixar ao pobre do ordenador aquí soíño, sen a conexión á internet, bah, son só dous ou tres días, espero que non se deprima moito sen min, eu farei o posible por esquecelo a el. E deixo tamén a casa, que dende que voltei me parece máis baleira que nunca, e iso que seguimos sendo os mesmos a habitala, el e máis eu, pero non sei, hai algo no aire, ou na luz, ou na pintura que se vai despegando da parede, ou nos segundos que van pingando monótonos do reloxo do recibidor... por sorte que a nevera está da miña parte e vén periódicamente coma unha ola enorme facerme esquecelos co seus tremores de frío... aínda que eles seguen aí, deixándose cair un atrás do outro, para que eu os escoite, decote.

Porque ainda que con optimismo nos convenzamos de que nada muda, coa miña capacidade sobrenatural de modificar o universo para adaptalo, asimilado e metelo na miña cabeciña sen que me destroce todo o que por alí teño, hai cousas que cambiaron, e xa non son quen de enganarme máis pensando que todo segue igual. E así o aire, e a luz e a pintura que se vai despegando da parede, e os segundos que caen ao chan e van esvarando formando charcos de tempo que se verten por debaixo da porta de entrada, que foxen desta casa en cataratas polos banzos da escaleira... así todos eles, meus inimigos, veñen lembrarme que na cunca que fixera coas miñas mans para enchela coa auga do mar, só fica o arrecendo do sal. E eu síntome como a viúva á beira dunha estrada deserta, agardando o coche de liña que nunca pasa.

4 comentários:

Anabela Magalhães disse...

Está lindo, Rui. Ainda volto aqui para reler outra vez o teu post.
Fica bem.

Anónimo disse...

esa imaxe das cousas escurrindo por debaixo da porta... DIOS é total.

voume de viaxe iniciática. léoche na volta.

rui disse...

já voltei, muito obrigado pelos cumprimentos. Fico contente de que vocês gostem.

Paz Zeltia disse...

joder, rui, acabo de lembrar de súpeto porque deixei un marcador que pon:
"non perder este blog e voltar a el para rematar de ler!"