domingo, 29 de junho de 2008

O recordo con sales minerais


A vida corre tan apresa que parece que hai un millón de anos que decidiches que chegara o día de pechar a portiña pola que tanta luz entraba, e aínda teño na lista da compra como pendente de mercar o papel, o sobre e o selo para che mandar a carta manuscrita que nunca escribín. Son moitas emocións, e moi fortes, como din en francés, bouleversé, é como unha ola que te colle por sorpresa cando vas nadando cara á beira da praia, coas gafas de mergullar mirando o fondo, e de súpeto (ou tout-à-coup) chega ese acontecemento que te tira para abaixo e che dá unha chea de voltas e xa non sabes onde quedan o ceo e a area, nin o qué era no que estabas a pensar un segundo antes de que todo mudase. O mundo enteiro desaparece até que os teus ouvidos volvan recuperar o equilibrio, e ti aceptes todo o que con ese golpe perdeches, só conservas a vida, que non é pouco. É volver a nacer, e non o é porque non esqueceches o que pensabas dous segundos antes do maremoto. Esa tromba de auga salgada non lava, non limpa o cerebro de todos os recordos acumulados, os recordos traidores que fan lamentar a puta da ola a arrincarnos aquel mundo fermoso no que viviamos. Menos mal que non se consola o que non quer, e sempre hai un milleiro de frases feitas para axudarnos a aceptar que estando no mar, por forza, un día ou outro chegarán as olas. En fin, isto está feito desta maneira, non podemos inventar nada, golpes, desorientacións, e mundos novos logo de tanta volta, pero sempresempre fica o recordo que ás veces é doce... e outras salgado.

4 comentários:

Anabela Magalhães disse...

As recordações espelham enfim a vida - ora doces, ora salgadas.
Bonito. Foi bonito de se ler.

Raul Martins disse...

Ora doces, ora salgadas... e assim fazemos o nosso percurso de mar e de terra; de ondas que nos levam e trazem... e como os outros também permitem que façamos o nosso caminho.
Carpe diem!

Anónimo disse...

Nin un só día deixei de baixar ao rompeolas en busca das miñas litle stones, nin un só día, nin un só día, nin un só día.... nin un só día deixei de miralo mar, e segue sendo cada día diferente.

Paz Zeltia disse...

moi visual o exemplo da ola.

Ata mais ver, Rui, vou durmir que caio de sono.
Agui en xuño do 2008 remato a lectura por hoxe.

Sígueme gustando moitisimo o teu blog, o unico que sinto é que non esteas alá e ver os post según ían nacendo! jajaja non home non, que me alegro por tí!!