segunda-feira, 28 de julho de 2008

O peixiño preguiceiro

Este é o conto dun peixiño preguiceiro no medio do océano; aquilo era inmenso, non vos podedes imaxinar, toda aquela auga sen fronteiras nen limites era demasiado para el, se houbera unha palabra para descreber o seu permanente estado de ánimo ésta sería cansazo, todo o día o pasaba a mover as aletas sen repouso, un chisquiño cara á luz, outro chisquiño cara ao fondo, virando á babor, virando á estribor, mi madriña! que vida tan dura lle tocara viver a aquel animaliño. E non sabedes cal era o seu soño de todas as noites? Pois el coñecía, como todos os peixiños que pasan unha existencia penosa a percorrer o mar, eses animais enormes, que falan unha língua incomprensible e monótona, que non son nin peixes nin paxaros, que só levan medio corpo dentro da auga e o outro medio a ese aire que mata, el coñecíaos de velos pasar, de oir os seus berros contínuos e soñaba con meterse nun deles e viaxar polo mar, así, sen ter que estar continuamente a loitar contra as correntes, de seguido a fuxir dos grandes que sempre querían devoralo.

E pasou o tempo e, aínda que moitas veces se achegou, desafortunadamente nunca conseguiu meterse en ningún deles, e tivo unha existencia lonxeva, nunca lle faltou a comida (a bebida podedes supoñer que tampouco), puxo centos de miles de ovos que trouxeron milleiros doutros peixiños coma el aos que sempre lles contaba o seu soño, el dicíalles que alí dentro se atopaba o paraíso, que o imaxinaba fresquiño, ao contrario do inferno, unha auga na que xa non precisarían o movemento contínuo, na que poderían deixarse a durmir sen medo a perder o norte nin ser alimento dos monstros, e que tentaran por todos os medios de ser admitidos alí.

Polo momento aínda non temos, pese aos estudos realizados na materia, unha idea clara do efecto que estas andrómenas provocaban nos alevíns aínda que supoñemos que a maioría deles ridiculizaban esta teoría co argumento de que o vello estaba xa un pouco choucho, vamos que como todos os novos desprezaban as ideas transmitidas polos proxenitores. Mesmo había algúns resabidos que polo baixo contaban que nese paraíso, si, facía fresquiño, mesmo un frío que che deixaba teso, que só era a antesala do inferno onde a auga fervía!

En fin, pasoulle o tempo e o noso protagonista rematou a sua marea, de vello, movéndose ata que as forzas vitais o abandonaron e xa non foi máis ca un cadáver a aboiar na tona salgada. E sabedes no que pensaba un segundo antes de deixar de aletear? ... por desgraza nós non o sabemos, e como el xa está morto é un dato que se perderá para sempre.

1 comentário:

Anabela Magalhães disse...

Linda história. Às vezes até eu me sinto um peixinho. A diferença está em que, a mais das vezes, sinto-me um peixinho fora de água!
bjs