Canso de manchar de derrota o aire que me rodea, rezolle aos tres deuses para que volva a ironía soplar o seu aire fresco xa de mañá cedo e me acompañe até á hora de me deitar. Farto de queixarme, preso neste novelo encerellado retórzome coma un gato a buscar un cabo do fío, e só me topo o embigo.
E máis hoxe, cando teño o cuarto cheo dos cristais rotos dun universo que estalou onte á noite, non sei ben a que hora, mas ao acordar topei o desastre acompañado da gorxa queimada e a cabeza chea de chapapote. No hotel puxeron mala cara por pedir o almorzo tan tarde. Ben, non o tomo a mal, sei que as isonovemil quedaron bloqueadas na aduana, na mesma caixa das normas din, e han tardar en liberalas.
Aínda que saín de paseo, por ver se a chuva disolvía o alquitrán do meu cerebro e a auga do mar entrándome polos ollos me curaba a gorxa seca, á volta encontrei o cuarto tal e como o deixara. Incómodo continuo lendo no século XIX, mas Flaubert faiseme empalagoso, volvo sair xa hai sol e vento fresco, que non chega para limpar os fragmentos dese mundo brutalmente desfeito.
Estes universos creados a golpe de billete de mil dinares son tan fráxiles que non aguantan a chegada do novo día, teñen unha vida máis curta que a dos efímeros anque seguramente tamén cumpran a sua misión na cadea trófica.
Quédannos no haber dous mil sorrisos sinceros e a certeza de que o uísque era do que soe estar á beira do bo.
2 comentários:
esta visto e comprobado que as resacas son a cousa mais dolorosa do mundo, a cadena trofica levouse o 1000000 de neuronas correspondente esperemos que as suas sucesoras leven mellor vida
O día que me leve un millón delas vou quedar en números vermellos, hei de conservar as poucas que me quedan (aínda que estean mortas)
Enviar um comentário