segunda-feira, 5 de maio de 2008

Cambio de plans

Ao final non fun a Annaba, non che sei se lamentarme ou festexalo, se foramos en avión aínda ben, pero alugaron un monovolume e quen sabe cantas horas botarán para chegar, está preto de Túnez, penso que máis de seis hanas pasar ben na autoestrada. E logo se fora para ir de vacacións vale, pero era para currar e pouco ía coñecer da cidade e menos das praias. Nestes desprazamentos sóese traballar apurado para voltar pronto e non hai moito tempo de visitar.

Sen embargo non quedo en Arxel, mañá a primeira hora collo o rápido e márcho a Orán, hai choio alá, pero toparei os colegas e tomaremos unhas birriñas para celebralo, pola noite, neses bares onde se xunta o malo co peor, os lumpembares de Orán. E iremos cear ao Comète, con viño tinto do país. Un par de días para mudar de aires, para alegrar a vista cos vestidos azul ceo das oranesas e esquecer os eternos atascos polos controis antiterrorismo. Menos metralletas e máis lecer. Aínda esta mañá que fomos ao aeroporto para alugar o carro, había unha cola de tres pares de vehículos, os dous "barrages" á entrada facían eterno o acceso, e ademáis hai que por boa cara "salam alaikum, khuya", que con este sol xa me puxen moreno e me toman por un daquí, ou turco, claro. E xa se sabe, se es daquí, ou turco, sempre podes levar unha bomba metida no maleteiro ou no motor. Sonche unha chea de cazadores para tan pouco coello. E aínda así algún se lles cola, como os dous que se estouparon en Hydra e Ben Aknoun en decembro, xusto o primeiro día que pasamos aquí, levaron a 70 por diante. Dende aquela en Arxel non volveu haber nada desa magnitude. Por se acaso os 11 de cada mes mellor non sair moito.

Ah, o adsl só o teño na casa. Entón ata a volta... sen conexión.

2 comentários:

Paz Zeltia disse...

soa de mundos masculinos esa viaxe a orán. hai veces que non por cousas importantes, se non por cousas como ir a un tugurio de orán cos colegas beber viño do país e admirar os vestidos azul celeste das oranesas,
que añoro non poder ser nunca os homes que nunca fun.

o resto que dis, dos controles, das metralletas, atemorízame bastante. en xeral, o que é caótico e impredecible. algo contradictorio, agora que o penso, porque pola contra, as persoas demasiado predecibles non se me fan moi interesantes... quen sabe, será que nos atrae aquelo que non descubrimos ainda.

rui disse...

A verdade é que eses mundos masculinos teñen un encanto bastante efímero. En Orán (e nas catro cidades onde hai vida nocturna) as únicas mulleres que saen de noite son as que traballan na prostitución. Ao final é agobiante e desexaba voltar a Galiza para ver mulleres normais, que cando te miren vexan algo máis alá do tamaño da tua carteira.